Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Letras Galegas

Onda Fole

Imaxe
Con gran ledicia, anunciamos que vén de nacer Onda Fole , o programa de radio escolar do IES Ánxel Fole, dispoñible na plataforma de audio á carta iVoox. A emisión inaugúrase co episodio titulado " Letras Galegas 2026 - Begoña Caamaño" , onde o alumnado de 3.º PDC, tal e como xa contamos aquí , nos ofrece unha entrevista ficticia á escritora e xornalista homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

As Letras de Begoña Caamaño

Imaxe
Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, no IES Ánxel Fole desenvolvéronse distintas actividades, entre as que destacan as seguintes: a) Audiovisual Morgana en Esmelle . Alumnado de 3.º e 4.º ESO asistiu, o día 21 de maio, á proxección e coloquio de Morgana en Esmelle ,  serie audiovisual que adapta, en catro episodios curtos, a novela homónima de Begoña Caamaño. A microserie, en cuxa difusión colabora a Deputación de Lugo, é un proxecto da  cooperativa Aqueladas, centrada na creación de contidos audiovisuais interactivos e transmedia en galego. b) Fotografías para Begoña Caamaño . O pasado mes de abril, a fotógrafa lucense Alba Díaz presentou a exposición “A lingua do futuro / O futuro da lingua”, unha homenaxe á rapazada que fala e vive en galego nunha situación de emerxencia lingüística. Interactuando co traballo de Alba Díaz, o alumnado de 3.º PDC fotografouse con palabras relacionadas coa vida e a obra de...

Xornada radiovisual interescolar de Ponte… nas ondas!

Imaxe
O día 24 de abril, a lumnado de 1.º BAC do Ánxel Fole asistiu, no Vello Cárcere de Lugo, a unha x ornada radiovisual interescolar de Ponte… nas ondas!, a sociación cultural e pedagóxica que promove a  preservación, a transmisión e a difusión do patrimonio galego-portugués. A xornada desenvolveuse en dez localidades distintas e contou coa participación de máis de oitenta centros educativos de Galicia e Portugal. A  programación, emitida en directo con imaxe e son, incluíu unha gran variedade de propostas, formatos e guións: entrevistas,  magazines , intervencións literarias, actuacións musicais… O pódcast do Ánxel Fole versou sobre a improvisación oral en verso e conectou a regueifa coa radio e coa figura de Begoña Caamaño, a quen se dedican as Letras Galegas deste 2026. O acto celebrado en Lugo pode verse ao completo no seguinte vídeo:   Iria López López e Ana Rodríguez Barreiro

De Circe a Morgana

Imaxe
Dende hoxe pode verse no taboleiro da lingua do IES Ánxel Fole a exposición "De Circe a Morgana", elaborada no IES Castelao de Vigo e editada pola Secretaría Xeral da Lingua co gallo do Día das Letras Galegas 2026. A mostra, que vén acompañada dunha unidade didáctica, trata de contribuír ao coñecemento da traxectoria vital e literaria da escritora e xornalista Begoña Caamaño, así como de achegar materiais didácticos novos e orixinais á comunidade educativa e ao conxunto da sociedade. Ana Rodríguez Barreiro

Cantareiras e cantares. Un ano en cantigas

Imaxe
Para finalizar o ano en que as Letras Galegas estiveron dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral, no mes de decembro acollemos no IES Ánxel Fole a exposición “Cantareiras e cantares. Un ano en cantigas”, que foi organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que conta con textos, selección de cantigas e coordinación musical de Branca Villares. A exposición amosa os materiais que tamén foron incluídos nunha axenda do ano 2025 , que se presentaba así: " Saen aquí as mulleres d’antes , fotografadas e recollidas en audio por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no solpor do século XX. Desfrutámolas grazas á colaboración do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego. Saen tamén cantando as mulleres d’agora , as do albor do s. XXI, da man de Branca Villares Naveira ofrecéndonos un ano en cantigas, como mostra da relación directa entre as coplas e o ciclo do ano; como mostra de que aínda quedan moitos cantares, vellos e novos, cos que contar...

Canta, miña compañeira

Imaxe
Seguindo cunha iniciativa posta en marcha o curso pasado, este ano tamén se confeccionaron, coa axuda do plotter de impresión e corte dos Polos Creativos, vinilos literarios con textos en galego para decorar as dependencias do centro. No marco dos actos de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, nunhas das escaleiras de subida ao primeiro andar estampáronse estas fermosas coplas tradicionais, que gaban a amizade, a sororidade e a ledicia de vivir: "Canta, miña compañeira; canta, que cadramos ben. Moitas almas se condenan porque nos levamos ben.   Hei de cantar, hei de rir, hei de ser muller alegre, hei de mandar a tristeza para o demo que a leve".   Ana Rodríguez Barreiro

Cantigas ilustradas

Imaxe
Dentro das actividades de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e a  poesía popular oral, alumnado de  Educación Plástica, Visual e Audiovisual  de 3.º ESO  creou ilustracións inspiradas en cantigas tradicionais. Para iso, cada estudante seleccionou unha composición poética, deu forma á súa obra plástica empregando a técnica de estampaxe con goma eva como matriz e, finalmente, gravou un vídeo coa imaxe de fondo e o texto recitado ou cantado. O resultado amósannolo nesta fermosa produción audiovisual: Alicia Puchades Tella-Villamarín e  Ana Rodríguez Barreiro

Canto tradicional galego: tradición e vangarda

Imaxe
Alumnado de varios grupos de distintos niveis da ESO asistiu, o día 20 de maio, á conferencia "Canto tradicional galego: tradición e vangarda", impartida por Carme López Fernández, musicóloga, profesora da área de Didáctica da Expresión Musical da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e intérprete en formacións como  SondeSeu, Os Minhotos, Raiceira ou Carmela. A exposición, artellada ao redor de contidos visuais, audiovisuais e sonoros tratados con perspectiva de xénero, estruturouse en catro grandes bloques: Marco conceptual. A investigación sobre o canto en Galicia. O canto tradicional galego. Tradición viva. Como complemento desta actividade, a rapazada realizou, antes e despois da conferencia, unha enquisa anónima destinada a recoller datos para o proxecto de investigación da USC "Percepcións sobre o canto tradicional galego no alumnado da ESO". Ana Rodríguez Barreiro

Por que cantan as mulleres?

Imaxe
Alumnado de varios grupos de ESO participou o día 6 de maio no concerto didáctico "Por que cantan as mulleres?", a cargo da  pandeireteira e música de tradición oral Branca Villares, que conta con trinta anos de experiencia na práctica, investigación e divulgación da tradición musical galega. No obradoiro, centrado na tradición oral feminina, Branca Villares analizou que, como e por que cantan as mulleres. Para iso, trazou un percorrido polos distintos xéneros e temáticas das cantigas, adentrouse nos rexistros históricos e estableceu conexións entre o noso folclore e outros de Europa, África ou América. Ollando a tradición con perspectiva de xénero, reflexionou tamén sobre a presenza ou ausencia das mulleres no canon cultural, ao tempo que introduciu elementos transversais como a igualdade e a prevención das violencias. Dun xeito vivencial e lúdico, a actividade favoreceu a participación activa do alumnado, que cantou coplas, practicou percusión corporal e mesmo rematou baila...

Canta que cadramos ben

Imaxe
Dende hoxe pode verse no taboleiro da lingua do IES Ánxel Fole a exposición "Canta que cadramos ben", elaborada no IES Castelao de Vigo e editada pola Secretaría Xeral da Lingua co gallo do Día das Letras Galegas 2025. A mostra, que vén acompañada dunha unidade didáctica, trata de afondar no coñecemento das cantareiras e a poesía oral popular, así como de lle achegar o noso patrimonio musical e literario á comunidade educativa e ao conxunto da sociedade a través de materiais didácticos novos e orixinais. Ana Rodríguez Barreiro

Palabra do Ano 2024: 'cantareira'

Imaxe
Alumnado de 3.º e 4.º ESO do Ánxel Fole asistiu o día 2 de abril, na rúa Menorca de Lugo, á inauguración da placa coa Palabra do Ano 2024: cantareira , vocábulo de plena actualidade tamén en 2025, cando o Día das Letras Galegas se dedicará á poesía popular oral. O acto institucional, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, contou coa presenza de representantes da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, colectivos vencellados á música tradicional e centros de ensino da cidade. Dende 2014, a  Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven, a través do Portal das Palabras , unha votación popular para escoller a Palabra do Ano. Nas edicións anteriores as elixidas foron  cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) –coincidindo co centenario das Irmandades da Fala–, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). Ana...

As Letras de Luísa Villalta

Imaxe
As pasadas semanas, o alumnado do Ánxel Fole estivo a profundar na figura e na obra de Luísa Villalta (A  Coruña, 1957-2004),  escritora, filóloga e violinista á que se dedica o Día das Letras Galegas de 2024. Entre outras actividades didácticas e lúdicas (visionado dos capítulos da serie documental  Luísa Villalta. A rebelión da palabra , visita á exposición  "Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta" , realización de xogos interactivos etc.), a rapazada  de distintos grupos e niveis seleccionou  e gravou textos, fundamentalmente poéticos, da autora homenaxeada. Algúns dos vídeos serán compartidos nas redes sociais ( Facebook e Instagram ) na semana das Letras, co fin de contribuír a espallar a voz de Luísa Villalta entre a comunidade educativa e a cidadanía en xeral. Ana Rodríguez Barreiro

Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta

Imaxe
Dende hoxe pode verse no taboleiro da lingua do IES Ánxel Fole a mostra "Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta", deseñada no CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense e distribuída pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), co fin de divulgar a figura e o legado de Luísa Villalta. A  exposición, que destaca polo seu carácter innovador, amosa a protagonista das Letras Galegas deste 2024 como un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, espazo virtual onde descubrir imaxes, recursos e actividades interactivas. Ana Rodríguez Barreiro

As Letras de D. Paco

Imaxe
Francisco Fernández del Riego  (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), a quen dedicamos o  Día das Letras Galegas do ano 2023,  foi un dos fundadores,  en 1950, da editorial Galaxia. A xeito de homenaxe á figura de D. Paco e, moi  especialmente, ao seu labor como editor, o alumnado de 4.º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual deseñou cubertas para algunhas das obras  publicadas por Galaxia dende as súas orixes ata a actualidade. Os traballos, realizados  con ferramentas dixitais como Canva, Genially e Microsoft Designer, entre outras, permitiron ao alumnado coñecer ou afondar nalgúns dos títulos máis representativos da nosa literatura, así como potenciar a súa creatividade artística e as súas habilidades no manexo das novas tecnoloxías. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Sesión musical con La Duendeneta

Imaxe
O 16 de maio, véspera das Letras Galegas, o patio do Ánxel Fole encheuse de música galega grazas á cabina móbil de La Duendeneta, dotada dunha elegante mesa Pro-DJ e a última tecnoloxía en luces e son. Todos os grupos do centro participaron nesta sesión musical na que se escoitaron temas de grupos e solistas como Baiuca, De Vacas, Fillas de Cassandra, Flow do Toxo, Fuxan os Ventos,  Lamatumbá,  Lois Romero & Aliboria,  Ortiga, Pili Pampín ou Tanxugueiras, entre outros, así como pezas tradicionais amplamente coñecidas ("A Carolina", "A rianxeira", "O verdegaio", etc.) e versións galegas de grandes éxitos de verbena. Durante dúas horas e nun ambiente desenfadado e divertido, o alumnado cantou, bailou e ata fixo peticións que foron gustosamente atendidas por La Duendeneta. Como dixo o DJ Carlos Crespo na despedida, "Vivan as Letras Galegas e vivan as nosas músicas!". Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Marcapáxinas de despedida

Imaxe
Nas últimas semanas de curso, o alumnado de 1.º ESO deseñou marcapáxinas inspirados na figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas 2022. Os dous traballos seleccionados, das alumnas Natalia Río Contreras e Noelia Otero López, ás que felicitamos dende aquí, imprimíronse e repartíronse hoxe a todo o alumnado do centro, que os recibiu como agasallo xunto co boletín de cualificacións. Despedimos así este curso pandémico no que, malia todo, puidemos recobrar certa normalidade e realizar un bo número de actividades que esperamos fosen do interese da comunidade educativa e contribuísen a espallar a lingua e a cultura galegas na contorna máis próxima. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

As Letras de Florencio

Imaxe
O venres 13 de maio celebramos no Ánxel Fole as Letras Galegas, dedicadas en 2022 ao escritor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) Florencio Delgado Gurriarán. "O poeta que baila" merecía comezar a xornada conmemorativa cunha coreografía, e este ano non podía ser outra que a de "Terra" , o éxito incuestionable das Tanxugueiras, que alumnado de 1.º e 3.º ESO fixo seu con entusiasmo. As actividades trasladáronse a continuación ao horto escolar. Aquí desenvolveuse unha entrevista ficticia a D. Florencio, que visitou o instituto para lembrarnos os episodios máis significativos da súa biografía. No horto tamén asistimos a un recitado de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, así como á plantación dalgúns dos seus versos (escritos en tarxetas de papel ecolóxico con sementes incrustadas) e mais dun castiñeiro, a árbore favorita do poeta. En palabras do alumnado participante, o acto veu ser un "recoñecemento a Florencio e a todos os escritores e escritoras que cultiv...