Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Xaneiro, 2024

Plantando árbores con pinceis

Imaxe
Alumnado de 3.º ESO participou o 24 de xaneiro na iniciativa escolar pola sostibilidade “Plantando árbores con pinceis”. O proxecto intégrase na oferta educativa da Obra Social ABANCA e desenvólvese en cooperación con Doctoy, artista visual especializado no deseño mural gráfico, e Vella Escola, entidade con acreditada experiencia na organización de eventos, talleres e espectáculos de cultura urbana. Unindo cultura e coidado do medio ambiente, a rapazada axudou a realizar, nunha das paredes do ximnasio, un  mural artístico, colaborativo e ecolóxico con pinturas fotocatalíticas anticontaminación, que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, como os óxidos de nitróxeno e outros gases nocivos da industria e o tráfico rodado. Tamén asistiu a un obradoiro de pintado de bolsas de tea, que decorou con motivos naturais. As actividades, en definitiva, serviron para achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre a protección da natureza, así como para visibilizar alternativas de o

Monicreques unidos

Imaxe
A compañía Mircromina Teatro de Títeres, creada por Ton Arenas no ano 2010 e asentada no barrio artesán dos Muíños de Mondoñedo, visitou o Ánxel Fole o pasado 23 de xaneiro. No salón de actos do centro, alumnado de 1.º ESO asistiu ao espectáculo de monicreques Familia unida , que ofrece unha viaxe a través do repertorio clásico das distintas tradicións europeas de luva, peneiradas polos gustos de hoxe e adaptadas á realidade e á lingua galegas. Protagonizada por Cromina, que acaba de ser pai, a peza convida a reflexionar sobre as relacións familiares, a conciliación e a igualdade. Despois da representación, a rapazada participou nun obradoiro no que coñeceu de primeira man todo o traballo que se esconde tras cada función: construír teatriños, pintar escenografías, modelar bonecos etc. Ademais, con cartón e materiais de refugallo, cada alumno/a puido confeccionar e decorar a súa propia marioneta. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Aquí tamén se fala galego

Imaxe
O IES Ánxel Fole súmase á campaña de dinamización lingüística “Aquí tamén se fala” , que, promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña, se desenvolve xa en máis de 170 centros de todo o país. Como se indica na web do proxecto, trátase dunha iniciativa que persegue os seguintes obxectivos: “Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego. Ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas... E para acabar con estas mentiras exercemos como técnicos/as de normalización lingüística. A tarefa é doada, e podes axudar: entramos nun local, preguntamos se podemos poñer un cartaz do instituto para fomentar o uso do galego e explicamos que se dará publicidade desde as redes sociais. Por iso é preciso facer unha fotografía do establecemento onde se vexa o cartaz. Mellor aínda se sae algunha persoa aguantando o póster”. O alumnado do Ánxel Fole comezou o reparto de carteis neste mes de xaneiro, cunha moi boa acoll

Un paseo polas nubes

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 23 de xaneiro, o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo (MDCL), que, con cen anos de existencia, é o museo máis antigo de Galicia. O MDCL alberga unha valiosa colección composta por máis de tres mil pezas de moi diverso tipo: restos arqueolóxicos, escultura devocional, pintura sacra e profana, ourivaría litúrxica etc. A rapazada, guiada en galego polo persoal de sala, detívose fundamentalmente ante dous elementos patrimoniais singulares: o Crismón de Quiroga e a Cancela das Saamasas. Posto que as seccións principais do museo se sitúan  no triforio da catedral, o grupo puido gozar tamén coa visión única que, da nave e a capela maior, se obtén dende esta galería elevada. A continuación, o alumnado seguiu ascendendo (agora a través dunha estreita escaleira de caracol), ata acadar as cubertas da catedral, onde participou na visita especial denominada "Un paseo polas nubes". A espléndida panorámica da cidade que se contempla dende o balcón qu

Arte urbana dende Lugo para o mundo

Imaxe
Do 12 ao 18 de xaneiro, un grupo de estudantes de Sicilia atópase de intercambio no Ánxel Fole. Posto que o curso pasado, cando alumnado do noso centro viaxou a Catania, presentamos alí a publicación dixital  Arte urbana lucense. Fichas de catalogación  e agasallamos ao instituto Mario Rapisardi con varios exemplares do catálogo en papel , este ano quixemos amosar aos compañeiros/as italianos/as a arte urbana de Lugo in situ . Mais, na bimilenaria Lucus Augusti, murais e graffiti, alén do seu inequívoco valor estético, retratan tamén a historia da cidade, as figuras emblemáticas das nosas letras, a paisaxe e a natureza galegas. A visita, conducida en galego e italiano polo guía oficial de turismo Guido Álvarez Parga, resultou, xa que logo, un xeito excelente de aproximar a rapazada siciliana á cultura e á lingua de Galicia. Nieves María Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Mulleres artistas no Museo Provincial de Lugo

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC acudiu o 10 de xaneiro ao Museo Provincial de Lugo para participar no seu Programa Escolar sobre Igualdade de Xénero. A Rede Museística Provincial de Lugo, en coherencia co principio de que "Os museos que non serven para a vida non serven para nada", proclamado polo Movemento para unha Nova Museoloxía, desenvolve diversas accións educativas encamiñadas a lograr, entre outros, os seguintes obxectivos: Aumentar o coñecemento sobre as mulleres artistas de distintas épocas. Valorar a historia das mulleres como parte esencial da evolución humana. Eliminar os prexuízos sexistas fomentando o pensamento crítico e respectando a diversidade de xénero. Estimular a creatividade para xerar relatos inclusivos dentro do museo. As persoas guías do Museo Provincial involucraron a rapazada do Ánxel Fole en múltiples dinámicas levadas a cabo en varias das salas expositivas: o alumnado identificou roles de xénero a partir de imaxes e obxectos dados, tentou pescudar a autoría