Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Normalización e dinamización lingüísticas

Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística

Imaxe
Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística (Consello da Cultura Galega, 2025) é a última obra adquirida pola biblioteca escolar para formar parte da sección de normalización e dinamización lingüísticas. Editado por Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo-Garra e Miguel Guisantes-Alonso, o libro aborda algúns dos temas fundamentais da sociolingüística contemporánea, tanto galega como doutros contextos multilingües: o papel das persoas neofalantes, os conflitos arredor do estándar, a intermediación lingüística, o contacto entre variedades ou as dinámicas de lexitimación e exclusión que operan sobre as linguas minorizadas. Achega rnos ás súas páxinas é un bo xeito de reflexionar verbo da riqueza que supón a diversidade lingüística. Ana Rodríguez Barreiro

EnRedando co Galego 2025: gala final

Imaxe
Varios grupos de 3.º ESO  asistiron o día 10 de decembro á gala final do proxecto   EnRedando co Galego , celebrada no  auditorio Fuxan os Ventos. Alí, o alumnado do Ánxel Fole uniuse ao doutros institutos da cidade e xuntos gozaron dun concerto de Mondra, un dos artistas máis sobranceiros da escena musical do país. No acto tamén tivo lugar a entrega de premios aos mellores traballos presentados, así como a repartición de agasallos entre todas as persoas participantes. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

XXIV Tíralle da Lingua

Imaxe
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) convoca este ano o XXIV Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, que busca incentivar e normalizar o uso oral do galego entre a rapazada. Por segundo curso consecutivo, alumnado de Oratoria do Ánxel Fole súmase á iniciativa, relatando e gravando historias de base popular, de base literaria ou de creación propia. No vídeo pode escoitarse, na voz dun estudante de 4.º ESO, a lenda da cova do Rei Cintolo: Moita sorte a todas as persoas participantes! Mónica Campo Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

EnRedando co Galego 2025: presentación

Imaxe
O 12 de novembro tivo lugar, no salón de actos do Ánxel Fole, a presentación da edición anual de  EnRedando co Galego, unha iniciativa da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e mais da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O escritor Lois Pérez, como representante da organización, explicou as bases do proxecto, facendo fincapé nas dúas modalidades de participación existentes: A través das redes sociais: como mínimo unha vez á semana, ao longo de tres semanas, o alumnado compartirá nas redes vídeos ou textos escritos onde reflexione sobre o uso da lingua galega no seu día a día; as publicacións tamén poderán ser vídeos de corte artístico (literarios, musicais etc.). A través da Escola de Escritoras e Escritores da AELG: os/as estudantes que prefiran prescindir das redes sociais adentraranse na creación literaria e elaborarán poemas, contos, ensaios, monólogos, producións audiovisuais etc. que remitirán á AELG. Coñecido o tr...

Galego alén da morte (IV)

Imaxe
Por cuarto curso consecutivo, alumnado do Ánxel Fole visitou varios camposantos do concello de Lugo para localizar inscricións funerarias en lingua galega. Neste caso, foi o estudantado de 3.º PDC o que, o día 9 de outubro, se achegou aos cemiterios parroquiais de Rubiás e Teixeiro, onde obtivo os seguintes datos: a) Cemiterio de San Xillao de Rubiás : Número total de panteóns con algunha inscrición: 54. Número de panteóns con presenza inequívoca de galego: 6 (11.11 %). Data da inscrición de propiedade en galego máis antiga: sen mostras de inscricións de propiedade en galego. Data da inscrición de defunción en galego máis antiga: 1990. b) Cemiterio de Santa María de Teixeiro : Número total de panteóns con algunha inscrición: 115. Número de panteóns con presenza inequívoca de galego: 14 (12.17 %). Data da inscrición de propiedade en galego máis antiga: sen mostras de inscricións de propiedade en galego. Data da inscrición de defunción en galego máis antiga: 1989. A actividade desenvolvi...

Palabra do Ano 2024: 'cantareira'

Imaxe
Alumnado de 3.º e 4.º ESO do Ánxel Fole asistiu o día 2 de abril, na rúa Menorca de Lugo, á inauguración da placa coa Palabra do Ano 2024: cantareira , vocábulo de plena actualidade tamén en 2025, cando o Día das Letras Galegas se dedicará á poesía popular oral. O acto institucional, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, contou coa presenza de representantes da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, colectivos vencellados á música tradicional e centros de ensino da cidade. Dende 2014, a  Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven, a través do Portal das Palabras , unha votación popular para escoller a Palabra do Ano. Nas edicións anteriores as elixidas foron  cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) –coincidindo co centenario das Irmandades da Fala–, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). Ana...

Galego alén da morte (III)

Imaxe
Continuando un traballo de campo desenvolvido nos dous últimos cursos, e sobre o que dan conta as entradas deste blog " Galego alén da morte" e " Galego alén da morte (II)" , o alumnado de 4.º PDC visitou, os pasados 14 de novembro, 17 de decembro e 16 de xaneiro, tres cemiterios de parroquias rurais do concello de Lugo, na procura de inscricións funerarias en lingua galega. Os resultados obtidos, que poden consultarse polo miúdo en Calameo , son, grosso modo , os seguintes: En Santa María Madanela de Adai, dun total de 46 panteóns, tres conteñen algún epitafio en galego  (6.52 %). Das 104 familias representadas en San Miguel de Orbazai, unha redacta en galego a lembranza a un ser querido  (0.96 %). En Santiago de Piúgos, un panteón dos 98 existentes amosa presenza de galego  (1.02 %). Malia a dura realidade sociolingüística que reflicten as exiguas porcentaxes de galego, algúns camposantos agochan sorpresas que, en forma de sentidos textos de despedida, convidan a...

XXIII Tíralle da Lingua

Imaxe
Alumnado de Oratoria do IES Ánxel Fole participa no XXIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, convocado pola  Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da lingua galega. Individualmente ou en grupo, a rapazada gravou vídeos dun máximo de cinco minutos relatando en galego historias que podían ser de base popular, de base literaria ou de creación propia. O xurado valorará especialmente a calidade lingüística, a dicción, a dramatización e o carácter construtivo ou pedagóxico. Mónica Campo Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Liberdade para o galego

Imaxe
A biblioteca escolar do IES Ánxel Fole segue a incorporar novidades ao recuncho de normalización e dinamización lingüísticas. O último libro recibido é o ensaio Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua , escrito por Marcos Maceira Eiras e Elsa Quintas Alborés e publicado por Laiovento neste ano 2024. A obra achégase ao concepto de liberdade lingüística e aplícao ao caso concreto do galego, tentando dar resposta a distintos interrogantes, formulados así na web da editorial : "Falemos de liberdade. A que os dicionarios galegos definen como a faculdade pola que se pode realizar a propia determinación, o dereito de actuar segundo os propios criterios e sen imposicións doutros ou fóra do dominio de alguén. É esta a situación do galego? Abonda coa propia vontade para facer uso da lingua do país? Ou existen impedimentos materiais, situacións de coaccións ou condicionantes de calquera tipo que obstaculizan o seu libre desenvolvemento? Pode materializarse o ...

Galego alén da morte (II)

Imaxe
O curso pasado, realizamos unha serie de visitas a varios dos cemiterios parroquiais da cidade de Lugo na procura de epitafios redactados en lingua galega. Para completar o estudo iniciado entón, o alumnado de PDC de 3.º ESO acudiu o 4 de xuño de 2024 ao cemiterio de San Pedro Fiz de Muxa, onde, unha vez máis, puido constatar a escasísima presenza do galego no ámbito funerario: dun total de 189 panteóns con algún tipo de lenda, ningún posúe inscrición de propiedade na nosa lingua, e só un amosa unha inscrición de defunción en galego. A ficha de recollida de datos completa pode consultarse aquí . A placa en galego atópase no nicho en que repousan os restos do crego  Antonio Gandoy Díaz  (1930-2002), nado en San Fiz e alcumado o Cura da Bicicleta, pola súa afección a desprazarse neste tipo de vehículo. Antonio Gandoy foi delegado de Cáritas Diocesana de Lugo, impulsou o programa educativo dirixido a familias do medio rural Preescolar na Casa e desenvolveu un important...

Aquí tamén se fala galego

Imaxe
O IES Ánxel Fole súmase á campaña de dinamización lingüística “Aquí tamén se fala” , que, promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña, se desenvolve xa en máis de 170 centros de todo o país. Como se indica na web do proxecto, trátase dunha iniciativa que persegue os seguintes obxectivos: “Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego. Ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas... E para acabar con estas mentiras exercemos como técnicos/as de normalización lingüística. A tarefa é doada, e podes axudar: entramos nun local, preguntamos se podemos poñer un cartaz do instituto para fomentar o uso do galego e explicamos que se dará publicidade desde as redes sociais. Por iso é preciso facer unha fotografía do establecemento onde se vexa o cartaz. Mellor aínda se sae algunha persoa aguantando o póster”. O alumnado do Ánxel Fole comezou a repartición de carteis neste mes de xaneiro, cunha moi boa a...

Libros que dinamizan

Imaxe
Na biblioteca escolar do Ánxel Fole, aberta a toda a comunidade educativa, mantemos o noso recuncho de normalización e dinamización lingüísticas, ao que chegan novidades ao longo de todo o curso. A última incorporación bibliográfica é o libro A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 , coordinado por Fernando Ramallo. Ti tamén queres formar parte do futuro do idioma? Pois adiante co galego! Se che interesa a reflexión sobre lingua e sociedade, non deixes de preguntar na túa biblioteca por esta e outras obras. Ana Rodríguez Barreiro

Galego alén da morte

Imaxe
Morrer e ser lembrado/a en galego segue a resultar absolutamente excepcional no país. Así o puido comprobar un grupo de alumnado de 4.º ESO que, os días 23 de maio e 5 de xuño, visitou tres dos cemiterios parroquiais da periferia da cidade de Lugo, concretamente os de San Lázaro da Ponte, Santiago das Saamasas e San Lourenzo de Albeiros. Servíndose dunha ficha para a recollida de datos, o alumnado procedeu á inspección dos panteóns e sepulturas individuais dos citados camposantos, na procura de inscricións (de propiedade ou de defunción) redactadas en lingua galega. Os resultados xerais, exemplificativos da castelanización masiva do ámbito funerario en Galicia, foron os seguintes: No cemiterio da Ponte só se localizou unha posible placa en galego, nun total de 246 panteóns revisados; trátase, ademais, dun caso ambiguo, pois o idioma empregado podería ser considerado tanto galego escrito segundo a norma reintegrada como portugués. Nas Saamasas, con 88 familias representadas, tamén se at...

Recursos bibliográficos para dinamizar a lingua

Imaxe
Na biblioteca do Ánxel Fole, aberta a toda a comunidade educativa, temos un recuncho de normalización e dinamización lingüísticas, ao que seguen chegando novidades. Algunhas das últimas incorporacións bibliográficas son: Ax(e)itar a lingua. Orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino , de Montse Pena Presas e María Caamaño Rojo. Lingua, poder e adolescencia , de Miguel Rodríguez Carnota. O povo improvisador. Aventuras sobre regueifa e poesia oral , de Séchu Sende. Se che interesa a reflexión sobre lingua e sociedade, non deixes de preguntar na túa biblioteca por estas e outras obras. Ana Rodríguez Barreiro

Recuncho de normalización e dinamización lingüísticas

Imaxe
Na biblioteca escolar do Ánxel Fole temos habilitado un espazo no que visibilizar os materiais xa existentes e os que se van adquirindo sobre sociolingüística e planificación lingüística. Esta biblioteca básica, fundamental para a formación continua dos membros do EDLG, está dispoñible tamén para os restantes membros da comunidade educativa. Ana Rodríguez Barreiro