EnRedando co Galego 2025: presentación
O 12 de novembro tivo lugar, no salón de actos do Ánxel Fole, a presentación da edición anual de EnRedando co Galego, unha iniciativa da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e mais da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O escritor Lois Pérez, como representante da organización, explicou as bases do proxecto, facendo fincapé nas dúas modalidades de participación existentes:
- A través das redes sociais: como mínimo unha vez á semana, ao longo de tres semanas, o alumnado compartirá nas redes vídeos ou textos escritos onde reflexione sobre o uso da lingua galega no seu día a día; as publicacións tamén poderán ser vídeos de corte artístico (literarios, musicais etc.).
- A través da Escola de Escritoras e Escritores da AELG: os/as estudantes que prefiran prescindir das redes sociais adentraranse na creación literaria e elaborarán poemas, contos, ensaios, monólogos, producións audiovisuais etc. que remitirán á AELG.
Coñecido o traballo que deberán desenvolver nos vindeiros días, os grupos de 3.º ESO asistentes ao acto gozaron dun recital a cargo de Lucía Aldao e Samuel Merino, que amosaron unha parte do seu espectáculo Os nomes íntimos. Poesía, música e humor uníronse para reivindicar as denominacións da tenrura, os termos que minguan "a medida que os amores se fan máis anchos e as distancias se fan máis curtas". A maxia de que lingua e sentimento vaian da man.
Ana Rodríguez Barreiro


_mod.jpg)
Comentarios
Publicar un comentario