Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Xuño, 2022

Marcapáxinas de despedida

Imaxe
Nas últimas semanas de curso, o alumnado de 1.º ESO deseñou marcapáxinas inspirados na figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas 2022. Os dous traballos seleccionados, das alumnas Natalia Río Contreras e Noelia Otero López, ás que felicitamos dende aquí, imprimíronse e repartíronse hoxe a todo o alumnado do centro, que os recibiu como agasallo xunto co boletín de cualificacións. Despedimos así este curso pandémico no que, malia todo, puidemos recobrar certa normalidade e realizar un bo número de actividades que esperamos fosen do interese da comunidade educativa e contribuísen a espallar a lingua e a cultura galegas na contorna máis próxima. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

II EnRedando co Galego

Imaxe
Remata a segunda edición do ciclo EnRedando co Galego, iniciativa levada a cabo durante os meses de abril e maio e coa que a área de Cultura do Concello de Lugo e mais a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) queren promover o uso do galego entre a mocidade, así como a creación literaria e artística a través da lingua. Alumnado de catro centros de ensino de Lugo ( IES Ánxel Fole, Leiras Pulpeiro, Muralla Romana e Ollos Grandes) asistiu o 17 de xuño á gala final, que, celebrada no auditorio Gustavo Freire, foi presentada por Lois Pérez e contou coa actuación musical de Sés, unha das artistas de maior éxito en Galicia na actualidade. Na gala, os/as estudantes realizaron un intercambio de experiencias, recibiron agasallos pola súa participación e tomaron parte no sorteo de material electrónico e lotes de libros. O proxecto EnRedando co Galego desenvolveuse durante vinte e un días e os/as alumnos/as puideron elixir entre dúas modalidades distintas: unha inmersión lingüística e

Ecosistemas en botes

Imaxe
Co obxecto de conmemorar o Día Mundial do Ambiente (5 de xuño), alumnado de 3.º ESO creou ecosistemas en miniatura e autosuficientes dentro de botes de vidro. Para iso, seleccionáronse recipientes de boca ancha e, coa axuda dunha culler, introducíronse neles unha capa de grava, unha de area e outra de terra, sobre a que se colocaron plantas de pequeno tamaño, axustándoas con paus de espeto. O proceso completouse cunha rega moi controlada (mediante pipeta Pasteur), o selado do bote con filme e a situación do recipiente nun lugar ben iluminado. O ecosistema non precisará mantemento e poderá durar anos no interior do bote, grazas unicamente á luz natural, os nutrientes que acheguen os microorganismos que sobrevivan no fondo e a auga que se orixine pola condensación da humidade. Os ecosistemas bautizáronse cos nomes galegos que decidiu o alumnado e expuxéronse no centro acompañados de breves explicacións do sistema de elaboración. Eva Riveiro Nogareda, Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santi

Entrega de premios do "Certame de carteis publicitarios sobre arte urbana lucense"

Imaxe
Nerea Pérez Pértega, alumna de 1.º BAC do IES Ánxel Fole, recibiu esta mañá o premio como gañadora do "Certame de carteis publicitarios sobre arte urbana lucense", ao que concorreu coa obra Un Lugo cheo de maxia . O concurso inscríbese no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas e, tal e como contamos na entrada deste blog titulada "Arte urbana lucense. Carteis publicitarios" , os traballos presentados están baseados nas fotografías recollidas na publicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación e foron realizados co programa informático de edición de imaxes GIMP. Parabéns para Nerea e grazas a todo o alumnado e profesorado que participou na actividade! Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Charla de Xosé Vizoso

Imaxe
Con fonda emoción, recibimos esta mañá no IES Ánxel Fole a Xosé Vizoso Fernández, autor do mosaico mural  Lembrando a Fole  (1989), que preside o patio dianteiro do instituto. Xosé Vizoso, debuxante, cartelista, muralista, recoñecido deseñador de Sargadelos, onde durante anos traballou man a man con Isaac Díaz Pardo, explicou, para o alumnado e o profesorado presentes, o proceso de creación do mosaico que é xa todo un emblema do noso centro. O artista lembrou que a obra, confeccionada con teselas cerámicas brancas e negras nun estilo plástico que se podería cualificar de cubismo sintético galego, recolle algúns dos compoñentes máis característicos do universo literario de Ánxel Fole: elementos astronómicos, vexetais e animais como o sol, a lúa, as montañas, a vaca ou os lobos. Para acompañar a exposición, Xosé Vizoso puxo a disposición do público os bosquexos orixinais utilizados na confección do mosaico; tivemos a sensación de estar a acariñar un pedaciño da historia da arte do noso p

Excursión ás Illas Cíes e á ría de Arousa

Imaxe
Os días 6 e 7 de xuño, alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC participou nunha excursión ás Rías Baixas. A primeira xornada, a rapazada embarcou rumbo ás Cíes,  que foron declaradas parque natural en 1980 e, dende 2002, forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Alí, o grupo do Ánxel Fole puido percorrer a ruta do Faro, familiarizándose coa biodiversidade e a riqueza paisaxística do arquipélago (cantís, dunas, flora de costa, endemismos, colonias de aves mariñas, etc.), mais tamén houbo tempo para os xogos colectivos e, como non, para o descanso na praia. O segundo día, o alumnado desprazouse á Illa de Arousa e, dende esta, emprendeu unha travesía en kayak ata o illote do Guidoiro Areoso, que, constituído case completamente por area e rodeado de arrecifes, atesoura un importante patrimonio arqueolóxico, con varias mámoas e dolmens megalíticos. A medio camiño entre A Illa de Arousa e O Areoso, o grupo realizou unha parada nunha batea, para coñecer o func

Coidemos Lugo

Imaxe
Alumnado de 1.º e 4.º ESO asistiu o día 1 de xuño a unha charla do movemento social lucense Coidemos Lugo , que leva a cabo un destacado labor de concienciación medioambiental e procura xerar na cidadanía un sentimento de respecto pola natureza, o patrimonio e os espazos públicos. O colectivo imparte obradoiros en centros educativos e promove xeiras de limpeza polos barrios da cidade. Seis membros de Coidemos Lugo, entre os que se atopaban unha profesora e un profesor do Ánxel Fole, visitaron o instituto e falaron das orixes do movemento, dos obxectivos que persegue, das accións que desenvolve, etc., subliñando a importancia da implicación individual e colectiva na conservación da natureza e, en definitiva, no mantemento da vida. Unha inoportuna e persistente chuvia impediu que o alumnado participase na recollida de lixo prevista, pero agardamos que o paso de Coidemos Lugo polo centro servise para que, en adiante, o recinto escolar luza máis limpo e coidado. Ana Rodríguez Barreiro