Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2023

Postais para unha árbore de Nadal

Imaxe
Alumnas e alumnos de 1.º, 2.º e 3.º ESO decidiron acabar o ano escribíndose a si mesmos unha pequena postal, na que quixeron agradecerse por algo ben feito neste 2023, así como expresar un desexo de cara ao 2024. Coas tarxetas, a rapazada construíu a súa propia árbore de Nadal grupal, nun intento de reflectir que a amizade torna máis fortes as persoas e, no ámbito escolar, redunda nun curso mellor. Ana Rodríguez Barreiro e Vanessa Yebra Verdes

Encontro con Sica Romero

Imaxe
O 18 de decembro visitou o Ánxel Fole a escritora Sica Romero (Carnota, 1995). Comezou a xornada reuníndose co profesorado do club de lectura, co que conversou animadamente sobre a súa primeira novela,  Avelaíñas eléctricas , que, merecedora do  Premio San Clemente 2023, verte acertadamente temas e motivos universais (o amor e o desamor, a vida e a morte, as seguridades e as incertezas...) en moldes formais innovadores (límites difusos entre xéneros literarios, ruptura con certas convencións gráficas, reprodución da oralidade e dos trazos dialectais da Costa da Morte...). A continuación, a autora impartiu un obradoiro de creación literaria para alumnado de 4.º ESO. A actividade constou dunha primeira parte máis expositiva, na que Sica convidou o grupo a reflexionar sobre o oficio de escribir, e doutra segunda eminentemente práctica, na que a rapazada elaborou un cadáver exquisito . Esta composición, de orixe vangardista, está formada polas achegas de diferentes persoas que, por quendas

Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO acudiu o día 4 de decembro ao Pazo de San Marcos para participar no relatorio “Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable”. Organizada por Igaciencia co gallo do Día da Ciencia en Galego, a conferencia foi impartida por María M. Álvarez Lires, doutora en Química, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais e premio UVIGUALA da Universidade de Vigo en 2017. A relación entre mulleres, ciencia e tecnoloxía non sempre estivo marcada pola desigualdade, como se evidencia ao facer un percorrido, mesmo superficial, pola historia das distintas disciplinas antes de que fosen consideradas oficialmente como tales. Ata 1910, as mulleres non puideron acceder aos estudos universitarios en España, mais, actualmente, son maioría nas titulacións científicas e tecnolóxicas. As desigualdades persisten, no entanto, noutros eidos e, moi especialmente, nos postos de responsabilidade e na dirección de empresas. É preciso contar co talento das mulleres para avanzar nes

Crónicas da fala

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO asistiu o 30 de novembro ao espectáculo teatral Crónicas da fala , da compañía Vicus Teatro, quen, despois de viaxar nas súas obras polos Séculos de Ouro e a Grecia clásica, está a desenvolver en 2023 un novo proxecto didáctico centrado na realidade galega e, máis concretamente, nas Irmandades da Fala. Procurando a interacción co público e sen renunciar a certos trazos humorísticos, a peza dramatiza a historia das Irmandades da Fala: as súas orixes, da man de  Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte;  a constitución das diversas agrupacións locais e da sección feminina; a celebración das asembleas nacionalistas, a primeira das cales tivo lugar en Lugo en 1918 etc. Por riba de todo, a obra destaca o decisivo papel das Irmandades tanto nas reivindicacións políticas como na promoción da cultura e a lingua galegas durante as primeiras décadas do s. XX. Ana Rodríguez Barreiro

Romper a arañeira

Imaxe
Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de 4.º ESO levou a cabo, o venres 24 de novembro, un espectáculo que, inspirado na obra da artista estadounidense con síndrome de Down Judith Scott (1943-2005), combinou a palabra coa música, o teatro e as artes plásticas. Durante a performance , mentres unha alumna lía frases alusivas ás distintas formas de violencia contra as mulleres, outras cinco, co rostro oculto tras unha máscara, foron envolvendo a dúas compañeiras con cintas de trapiño, simulando o proceso mediante o cal unha araña confecciona a tea para cazar as súas presas. Atrapadas e inmobilizadas, as rapazas recibiron a axuda dunha persoa do público, que comezou a cortar algunhas das fitas, e finalmente lograron soltar as ataduras por si mesmas. O simbolismo da intervención resulta evidente: as violencias machistas rouban a liberdade e a vida das mulleres, mais, co compromiso da sociedade no seu conxunto, é posible romper a arañe

Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero

Imaxe
O  alumnado dos distintos grupos de 1.º e 2.º ESO do Ánxel Fole está a participar no  Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero, organizado polo Servizo de Igualdade da Área de Cohesión Social do Conce llo de  Lugo. Este programa pretende proporcionar á rapazada ferramentas para acadar cambios actitudinais e de comportamento que favorezan  as relacións en igualdade e, en consecuencia, a progresiva eliminación do sexismo e das violencias machistas. Desenvólvese entre os meses de novembro e febreiro do presente curso e consta dun obradoiro de tres sesións, nas que se aplica unha metodoloxía de traballo baseada na reflexión e na participación activa do alumnado. Jesús Otero Pereiras, Ana Rodríguez Barreiro e  M.ª Consuelo Santiso Pena

Leo, les, le

Imaxe
Xa están en marcha os clubs de lectura do Ánxel Fole para o curso 2023-24 e, coma en anos anteriores, neles contan cun protagonismo especial as obras escritas en galego. O día 9 de novembro celebrouse a primeira xuntanza do club do profesorado, nesta ocasión para conversar ao redor da novela As gratitudes , da  escritora, guionista e directora francesa   Delphine de Vigan (1966). A obra, cuxa versión galega publica o selo Hugin e Munin, é presentada así pola propia editorial: " A saúde de Michka, unha muller independente e culta, reséntese, polo que xa non pode vivir soa e ingresa nunha residencia da terceira idade. A afasia que padece fai que confunda as palabras e se perda seguido nas conversas; amais, as súas noites énchense de pesadelos nos que recibe reproches pola súa repentina vulnerabilidade. Tanto Marie, a súa veciña, coma Jérôme, o logopedista que a asiste, poñen o seu gran de area para que a anciá deixe de sufrir polo que considera unha débeda moral relacionada cun mome

Quen dixo medo?

Imaxe
Alumnado de 1.º, 2.º e 3.º ESO celebrou o Samaín compoñendo microrrelatos de medo (ou, cando menos, desacougantes). Á redacción dos textos seguiu a súa lectura teatralizada, que se desenvolveu nunha atmosfera acorde coa temática escollida: luz crepuscular e música terrorífica de fondo. Finalizado o macabro espectáculo, os microrrelatos quedaron expostos nos taboleiros das aulas, convenientemente enfeitados para a ocasión. Esqueletos e outros seres de ultratumba tamén tomaron o vestíbulo do centro por xentileza da rapazada de distintos grupos de ESO e BAC. Coma a Castelao, no Ánxel Fole a morte non nos arrepía: "A morte non me arrepía e o mal que desexo ó meu nemigo é que viva até sobrevivirse. Eu son dos que estruchan a cara pra apalpa-la propia calivera e non fuxo dos cimeterios endexamais" ( Un ollo de vidro ). Longa vida ás tradicións que nos vinculan co alén! Ana Rodríguez Barreiro e Vanessa Yebra Verdes

Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte

Imaxe
A fotógrafa estadounidense  Ruth Matilda Anderson (1893-1983) viaxou a Galicia entre 1924 e 1926, cando tomou unhas oito mil fotografías que retratan tipos, oficios e costumes populares, en moitos casos a piques de desaparecer pola irrupción da modernidade. A exposición " Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte" , aberta na capela de Santa María de Lugo dende o 3 de outubro ata o 7 de novembro de 2023, pretende recrear, baseándose nas imaxes da artista, a sociedade que atopou Ruth Matilda á súa chegada a Galicia. Deste xeito, o alumnado de 3.º e 4.º ESO que visitou a mostra puido observar preto de mil pezas (na súa maioría, orixinais ou reproducidas a partir doutras antigas) propias da vida cotiá dos anos vinte do século pasado e que hoxe posúen un  incalculable valor etnográfico : aparellos de labranza, ferramentas de traballo, obxectos do fogar e, sobre todo, espléndidos traxes tradicionais tanto de faena como de gala. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Visita ao Centro de Artesanía e Deseño

Imaxe
Alumnado de 3.º e 4.º ESO visitou o día 17 de outubro o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (CENTRAD), que acolle  varias exposicións permanentes dedicadas ao libro, ao traxe tradicional, á cestería e á olería, así como unha magnífica colección de instrumentos musicais e obxectos sonoros. O alumnado detívose especialmente nas catro salas de instrumentos musicais: A sala Antón de Marcos, que recrea o taller histórico fundado no ano 1951 e contén distintas ferramentas e útiles de traballo. A sala Faustino Santalices e Paulino Pérez, onde se reúnen basicamente instrumentos ligados á música tradicional galega. A sala Xelmírez, que alberga, entre outras pezas, reproducións dos instrumentos representados nas ménsulas do pazo de Xelmírez, anexo á catedral de Santiago de Compostela. A sala Pórtico da Gloria, en que se amosan as réplicas dos instrumentos incluídos no pórtico da catedral compostelá e nos manuscritos de Leonardo da Vinci, ademais dunha importante colección de zanfonas. Por últim

O pracer, a ledicia e a risa das mulleres

Imaxe
A Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas, celebra cada ano, dende 2016, o Día das Escritoras, co obxectivo de   reivindicar o labor e a herdanza literaria das mulleres, tantas veces relegadas a un segundo plano ao longo da historia. A  data elixida é sempre o luns máis próximo ao 15 de outubro, cabodano de Tareixa de Xesús.  Cada edición conta cunha temática específica e está comisariada por una escritora de recoñecido prestixio. Marta Sanz, comisaria da oitava edición, explica así o lema de 2023, "O pracer, a ledicia e a risa das mulleres": "Este ano queremos facer do Día das Escritoras unha xornada de dobre celebración. Celebración dunha escritura e dun xeito de percibir a realidade silenciada durante moito tempo, e celebración desa expresión do gozo, a alegría e a risa que a miúdo tamén é un tabú para mulleres educadas na abnegac

Libros que dinamizan

Imaxe
Na biblioteca escolar do Ánxel Fole, aberta a toda a comunidade educativa, mantemos o noso recuncho de normalización e dinamización lingüísticas, ao que chegan novidades ao longo de todo o curso. A última incorporación bibliográfica é o libro A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 , coordinado por Fernando Ramallo. Ti tamén queres formar parte do futuro do idioma? Pois adiante co galego! Se che interesa a reflexión sobre lingua e sociedade, non deixes de preguntar na túa biblioteca por esta e outras obras. Ana Rodríguez Barreiro

Curtas no Fole

Imaxe
O alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO elaborou ao longo do curso curtametraxes de animación en galego, seguindo as distintas fases que require o proceso: redacción do guión, composición do bosquexo ilustrado ou storyboard , deseño de personaxes e escenarios, montaxe, selección da música e os efectos de son, etc. Paralelamente, na materia de Educación Dixital, a rapazada creou, mediante a ferramenta de programación  Scratch, un xogo para contextualizar a temática de boa parte das curtas: a distopía. O día 20 de xuño, como peche do proxecto, o alumnado participante presentouno nas distintas aulas do centro, onde explicou o concepto de distopía , exhibiu a curta titulada "Realidade" e animou os compañeiros/as a probar o seu xogo. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Historia e natureza na comarca do Eume

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO desprazouse o 19 de xuño ata a comarca do Eume, onde comezou a xornada visitando o castelo medieval de Andrade (O Castelo, Nogueirosa, Pontedeume), fortaleza do s. XIV levantada  sobre un pequeno promontorio rochoso ( Pena Leboreira)  e vinculada dende as súas orixes á poderosa familia dos Andrade. A continuación, a rapazada adentrouse no Parque Natural das Fragas do Eume para realizar unha andaina a través dunha das rutas sinalizadas, que lle permitiu gozar, malia a intensa chuvia dalgúns momentos, do bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa. O percorrido finalizou no mosteiro de S. Xoán de Caaveiro (O Coto, A Capela, A Capela), fundado por S. Rosendo no s. X e formado por diferentes edificacións construídas ao longo dos anos, entre as que destaca a notable arquitectura da ábsida románica da igrexa monacal. José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Visita ao Museo de Historia Natural

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO acudiu o 16 de xuño ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, centro con fortes potencialidades educativas e sociais, xa que, ademais de desenvolver labores de investigación e educación formal, centra a súa actividade na divulgación científica e oferta visitas para grupos de escolares. O alumnado do Ánxel Fole fixo un interesante percorrido polas salas expositivas do museo, onde puido contemplar numerosos exemplares de animais (conservados mediante taxidermia), fungos, algas, plantas, rochas e minerais, con especial atención aos máis abundantes nos ecosistemas característicos de Galicia, como o da fraga ou o intermareal. Sandra Gómez Pérez,  Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral