Encontro con Sica Romero

O 18 de decembro visitou o Ánxel Fole a escritora Sica Romero (Carnota, 1995). Comezou a xornada reuníndose co profesorado do club de lectura, co que conversou animadamente sobre a súa primeira novela, Avelaíñas eléctricas, que, merecedora do Premio San Clemente 2023, verte acertadamente temas e motivos universais (o amor e o desamor, a vida e a morte, as seguridades e as incertezas...) en moldes formais innovadores (límites difusos entre xéneros literarios, ruptura con certas convencións gráficas, reprodución da oralidade e dos trazos dialectais da Costa da Morte...).


A continuación, a autora impartiu un obradoiro de creación literaria para alumnado de 4.º ESO. A actividade constou dunha primeira parte máis expositiva, na que Sica convidou o grupo a reflexionar sobre o oficio de escribir, e doutra segunda eminentemente práctica, na que a rapazada elaborou un cadáver exquisito. Esta composición, de orixe vangardista, está formada polas achegas de diferentes persoas que, por quendas, dan continuidade a un texto sen coñecer con exactitude o escrito previamente polos seus compañeiros e compañeiras. O tema elixido nesta ocasión foi o do estrés, e o resultado ben podería considerarse a expresión do inconsciente colectivo do alumnado na recta final do trimestre: dúbidas, medos e moita expectación ante as notas.

Foi un inmenso pracer recibir a Sica Romero no centro e compartir con ela unha mañá chea de aprendizaxes e de emocións.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios