Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Novembro, 2022

Exposición sobre María Casares

Imaxe
Coincidindo co centenario do nacemento de María Casares (A Coruña, 21 de novembro de 1922), o Ánxel Fole acolle estes días unha exposición, cedida polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sobre esta actriz galega exiliada en Francia, onde triunfou no teatro e no cine e apareceu en clásicos como Os nenos do paraíso , especialmente durante as décadas de 1940 e 1950. A mostra acompáñase dunha pequena escolma bibliográfica na que se recollen obras centradas tanto na figura de María Casares como noutras personalidades e fitos do cinema galego e, máis particularmente, lucense. Ana Rodríguez Barreiro

Cambio climático e sistema alimentario

Imaxe
Varios grupos de alumnado de Bioloxía e Xeoloxía e mais de Cultura Científica de 4.º ESO e 1.º BAC participaron o 28 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Luis Díaz Allegue, investigador en enxeñaría medioambiental, titulada “Cambio climático e sistema alimentario” . No relatorio abordáronse os retos que, para a seguridade alimentaria mundial, conleva o cambio climático. Mudanzas en variables como a temperatura, a humidade, os patróns de precipitacións ou a frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos afectan ás prácticas agrícolas, á produción dos cultivos e á calidade nutricional dos alimentos. Cómpre, pois, tomar medidas que favorezan o consumo responsable e a dieta sustentable (mercar produtos locais e de tempada; preferir os alimentos a granel e, por tanto, libres de embalaxes; reducir o consumo de carne, etc.), así como investigar fontes de proteínas alternativas (bacterias ou insectos, por ex

Entrega de premios do "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais"

Imaxe
O pasado venres, tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega de premios d o "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais" que, con motivo da celebración do 25 de novembro, convocaron a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. No acto, presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, recibiu o seu galardón Miguel Ángel García Goyos, de 1.º ESO D, gañador na primeira categoría da modalidade de imaxe gráfica, coa obra  Non sexas o seu xoguete . Miguel Ángel, a quen felicitamos novamente dende aquí, estivo arroupado por varios/as compañeiros/as do grupo e pola súa profesora de Lingua e Literatura Galega. Ademais, mentres esta representación do Ánxel Fole participaba na entrega de premios, o resto do alumnado e profesorado do centro lucía orgulloso as chapas que, a partir do cartel de Miguel Ángel, foron confeccionadas expresamente para a ocasión. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Improvisación teatral sobre violencia de xénero

Imaxe
Alumnado de 1.º, 3.º e 4.º ESO acudiu os días 24 e 25 de novembro á Biblioteca Pública de Lugo para tomar parte, por quendas, nun obradoiro de improvisación teatral con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A actividade, guiada por Ana Carreira, contacontos, narradora, dramaturga e actriz, estaba pensada para que a rapazada reflexionase, a través do teatro, acerca das súas actitudes e prexuízos en materia de violencia de xénero. Así, partindo de imaxinarias relacións de parella ás que o alumnado deu vida sobre o escenario, abordáronse cuestións como a confianza e os celos, a liberdade e o control, a benquerenza e os comportamentos tóxicos, etc. O obradoiro, no que houbo lugar para o humor malia a seriedade da temática tratada, resultou moi dinámico e participativo e o alumnado ficou con ganas de seguir a experimentar a improvisación teatral. Ana Rodríguez Barreiro

A pegada humana e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia

Imaxe
Un grupo de alumnado de Xeoloxía de 2.º BAC participou na mañá de hoxe, 25 de novembro, nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Francisco Canosa Martínez, divulgador e doutor en Xeoloxía, titulada “A pegada humana e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia” . A intervención, moi amena e didáctica, centrouse nos cambios que se están a producir na paisaxe de Galicia en relación cos seguintes ámbitos: sistemas costeiros; encoros; instalacións industriais; explotacións mineiras; explotacións agrícolas; expansións urbanas; despoboamento do rural. A videoconferencia pechouse cunha rolda de preguntas na que o alumnado puido consultar as súas dúbidas a Francisco Canosa. Ana Rodríguez Barreiro

Xogando con Azul

Imaxe
Cando Manuel I o Afortunado, rei de Portugal, visitou o Palacio da Alhambra, quedou cativado pola impoñente beleza da decoración, formada por pezas de cerámica de cor azul e branca de procedencia árabe ás que chamaban azulexos . Aínda fascinado polo esplendor do interior da Alhambra, ao seu regreso a Portugal ordenou inmediatamente que as paredes do seu palacio en Évora fosen enfeitadas do mesmo xeito. Azul é un xogo de mesa abstracto, con pezas elaboradas artisticamente e cunha innovadora mecánica de xogo. Ata catro xogadores/as tornan en artistas especializados/as no deseño de azulexos e disputan por converterse no/a primeiro/a en exhibir a súa obra nas paredes do Palacio Real de Évora. O obxectivo de cada participante é completar o mosaico do seu taboleiro individual antes de que o fagan os/as rivais, e gañar así o favor do rei Manuel I. En datas próximas, porase en marcha no Ánxel Fole un campionato de Azul , que se desenvolverá na biblioteca escolar durante os períodos de lecer.

Carteis do 25N

Imaxe
Para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de 1.º e 3.º ESO deseñou carteis con mensaxes de concienciación, prevención e denuncia da violencia de xénero. Os traballos, na súa maioría en tamaño DIN A3, expóñense estes días no taboleiro da lingua, para que toda a comunidade educativa poida aprecialos. Por outra parte, un dos carteis elaborados, concretamente o de Miguel Ángel García Goyos, de 1.º ESO D, resultou gañador, na primeira categoría da modalidade de imaxe gráfica, no "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais" que, con motivo da celebración do 25 de novembro, convocaron a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. A entrega de premios terá lugar nun acto presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade o vindeiro 25 de novembro en Santiago de Compostela. Parabéns a Miguel Ángel pola obra Non sexas o seu xoguete ! Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barre

Expometeoro

Imaxe
Aproveitando que o 2022 foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como Ano Internacional das Ciencias Básicas para un Desenvolvemento Sostible (oceanografía, simetría, meteoroloxía, etc.) e que novembro é o Mes da Ciencia en Galego, o Ánxel Fole súmase ás actividades formativas de Meteogalicia e acolle a exposición sobre meteoroloxía "Expometeoro". A mostra, colocada na sala da planta baixa que comunica co patio cuberto, consta de doce paneis que levan os seguintes títulos: "Clima e tempo non son o mesmo", "Onde a terra manda no aire", "Tempo e lingua", "O clima do pasado", "Magnitudes I", "Magnitudes II", "As nubes", "Mapas do tempo", "Observación do tempo", "Meteoroloxía extrema", "Predición meteorolóxica" e "O sol, motor do mundo". Un cuestionario sobre meteoroloxía , con tres niveis distintos de dificultade, permite que o alumnado afonde nos c

N.E.V.E.R.M.O.R.E.

Imaxe
No marco do programa didáctico da concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela, alumnado de 4.º ESO do Ánxel Fole acudiu o 10 e 11 de novembro ao Auditorio de Galicia para asistir á representación teatral da obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. , da compañía Chévere. Xesús Ron, o director e dramaturgo, no seu día activo membro da plataforma Nunca Máis e un dos promotores de Burla Negra, describe así a montaxe: " N.E.V.E.R.M.O.R.E. pódese referir tanto a corvos que falan como a pobos que berran, pero a intención é a mesma: facer memoria. A idea é seguir usando procedementos documentais para crear ficcións a partir da nosa memoria colectiva. Neste caso dispoñémonos a comprobar se a historia do Prestige foi algo máis ca unha catástrofe ecolóxica, porque ao mellor é unha metáfora da hostia e haina que entender como un aviso do que estaba por chegar. N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo qu

Escribindo con Ana Carreira

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO do Ánxel Fole participou o 10 de novembro nun dos obradoiros "Desata a lingua", impartidos por varias escritoras galegas e destinados a que a rapazada de diferentes centros se implique na elaboración do manifesto da próxima edición do Correlingua. Ana Carreira, narradora, contacontos, monitora de teatro e actriz, foi a encargada de conducir a actividade no Ánxel Fole. A partir dunha serie de frases e imaxes achegadas pola escritora, o alumnado, distribuído en grupos, deseñou carteis e redactou as súas propias composicións, que despois presentou ante o resto da clase. O obradoiro resultou un excelente xeito de estimular a escrita creativa. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

O vento sopra en galego

Imaxe
Varios grupos de alumnado de 3.º ESO visitaron, os días 7 e 8 de novembro, o Parque Eólico Experimental Sotavento, situado en Momán (Xermade). A Fundación Sotavento Galicia, a través do seu proxecto divulgativo, persegue, entre outras, as seguintes finalidades: Potenciar o coñecemento e o uso das fontes de enerxía renovables. Concienciar sobre a necesidade da eficiencia e o aforro enerxéticos. Posibilitar un desenvolvemento sostible e o futuro do planeta Terra. A actividade conxugou explicacións teóricas e exemplos prácticos e desenvolveuse integramente en galego, a lingua do noso vento. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Curva España

Imaxe
Ao abeiro do programa didáctico da concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela, alumnado de 2.º BAC do Ánxel Fole acudiu o 8 de novembro ao Auditorio de Galicia para asistir á representación teatral da obra Curva España , da compañía Chévere. Curva España , un espectáculo de formato medio con catro persoas en escena (unha actriz, un actor e dúas operadoras de vídeo), ironiza sobre o xénero documental combinando teatro e cine en directo. A peza supón unha alegoría sobre España e sérvese dun relato local, transmitido oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense), para confrontar a realidade coa ficción, a historia coa lenda. Xabier Molinos, José Ramón Negro e Ana Rodríguez

Exposición sobre Ángeles Alvariño

Imaxe
Dende hai anos, os centros educativos de Galicia celebran en novembro o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de amosar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.  No 2022, Ano Internacional das Ciencias Básicas para un Desenvolvemento Sostible (oceanografía, simetría, meteoroloxía, etc.), as persoas homenaxeadas son Ángeles Alvariño e Évariste Galois. Neste contexto, o alumnado de Cultura Científica de 1.º BAC preparou unha exposición sobre a  oceanógrafa, zoóloga e profesora  Ángeles Alvariño González. A mostra, colocada dende onte no vestíbulo do centro e accesible a toda a comunidade educativa, recolle carteis e maquetas que lembran a biografía, a traxectoria e as achegas fundamentais da destacada científica ferrolá. A exposición complétase cunha selección de libros da biblioteca escolar, concretamente algúns de/sobre mulleres científicas e outros centrados na temática dos océanos, que tanto ocupou a Ángeles Alv

Recursos bibliográficos para dinamizar a lingua

Imaxe
Na biblioteca do Ánxel Fole, aberta a toda a comunidade educativa, temos un recuncho de normalización e dinamización lingüísticas, ao que seguen chegando novidades. Algunhas das últimas incorporacións bibliográficas son: Ax(e)itar a lingua. Orientacións para unha comunicación inclusiva no ensino , de Montse Pena Presas e María Caamaño Rojo. Lingua, poder e adolescencia , de Miguel Rodríguez Carnota. O povo improvisador. Aventuras sobre regueifa e poesia oral , de Séchu Sende. Se che interesa a reflexión sobre lingua e sociedade, non deixes de preguntar na túa biblioteca por estas e outras obras. Ana Rodríguez Barreiro