Cambio climático e sistema alimentario

Varios grupos de alumnado de Bioloxía e Xeoloxía e mais de Cultura Científica de 4.º ESO e 1.º BAC participaron o 28 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Luis Díaz Allegue, investigador en enxeñaría medioambiental, titulada “Cambio climático e sistema alimentario”.

No relatorio abordáronse os retos que, para a seguridade alimentaria mundial, conleva o cambio climático. Mudanzas en variables como a temperatura, a humidade, os patróns de precipitacións ou a frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos afectan ás prácticas agrícolas, á produción dos cultivos e á calidade nutricional dos alimentos. Cómpre, pois, tomar medidas que favorezan o consumo responsable e a dieta sustentable (mercar produtos locais e de tempada; preferir os alimentos a granel e, por tanto, libres de embalaxes; reducir o consumo de carne, etc.), así como investigar fontes de proteínas alternativas (bacterias ou insectos, por exemplo), que poden chegar a ser os alimentos do futuro.



Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral


Comentarios