N.E.V.E.R.M.O.R.E.

No marco do programa didáctico da concellaría de Acción Cultural de Santiago de Compostela, alumnado de 4.º ESO do Ánxel Fole acudiu o 10 e 11 de novembro ao Auditorio de Galicia para asistir á representación teatral da obra N.E.V.E.R.M.O.R.E., da compañía Chévere.


Xesús Ron, o director e dramaturgo, no seu día activo membro da plataforma Nunca Máis e un dos promotores de Burla Negra, describe así a montaxe:

"N.E.V.E.R.M.O.R.E. pódese referir tanto a corvos que falan como a pobos que berran, pero a intención é a mesma: facer memoria. A idea é seguir usando procedementos documentais para crear ficcións a partir da nosa memoria colectiva. Neste caso dispoñémonos a comprobar se a historia do Prestige foi algo máis ca unha catástrofe ecolóxica, porque ao mellor é unha metáfora da hostia e haina que entender como un aviso do que estaba por chegar.

N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que segue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese".


Vinte anos despois do desastre do Prestige, os/as adolescentes de hoxe aprenden a palabra chapapote nas sesións didácticas de Chévere, que lles achega maxistralmente uns feitos acaecidos antes de que eles/as nacesen. Pero N.E.V.E.R.M.O.R.E. vai moito máis alá dos feitos: o formato documental directo e mordaz, a rompedora posta en escena, os efectos sonoros xerados no momento polos propios actores e actrices e ata os paralelismos coa recente pandemia de COVID-19 conforman un espectáculo que apela constantemente ás emocións do público, nunha aposta decidida e militante por rescatar a memoria colectiva dunha das maiores catástrofes medioambientais da historia da navegación.

"Somos depredadores do pasado... Convertemos o tempo en gasolina". Mais tamén somos capaces de levar adiante os máis altos proxectos cando nos organizamos. Lembraremos sempre o esforzo, a dignidade e a xenerosidade de quen arrincou chapapote coas súas mans, participou en manifestacións e cadeas humanas, tirou fotos e escribiu crónicas con que documentar o desastre, traballou sen descanso para que triunfasen a verdade e a xustiza. 

NUNCA MÁIS!


Paula Fernández, José Ramón Negro, Ana Rodríguez e Lines Salgado

Comentarios