Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Lecer

Música e baile para o lecer

Imaxe
Durante os meses de maio e xuño, celebráronse, nos recreos dos mércores e os xoves respectivamente, un obradoiro de pandeireta e canto e mais outro de baile tradicional galego. O singular e marabilloso destes encontros é que estaban destinados principalmente ao profesorado e eran impartidos por alumnado, nun intercambio de papeis que resultou moi satisfactorio e enriquecedor. Grazas inmensas a Nerea e a Sofía polas súas ensinanzas, o seu tempo e a súa ledicia. Foron as mellores mestras que poderiamos desexar. A tradición vive nelas e por elas. Ana Rodríguez Barreiro

Entroido 2026

Imaxe
Co gallo do Entroido, desenvolvéronse varias actividades no Ánxel Fole: a) Exposición na biblioteca escolar dunha selección de obras sobre o Entroido galego. b) Elaboración, por parte do alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO, de máscaras representativas dos movementos de vangarda (cubismo, surrealismo, futurismo, expresionismo etc.). O traballo inspirouse nun proxecto da dou tora en Belas Artes, profesora  e  blogueira  Mayalen Piqueras. c) Gran desfile de disfraces, celebrado o día 13 de febreiro coa participación de numeroso alumnado e profesorado. Non faltaron os bailes, a música, o humor e, por suposto, os premios para as mellores comparsas. Ana Rodríguez Barreiro

Entroidando

Imaxe
O 28 de febreiro celebrouse o Entroido no centro. A xornada festiva deu comezo ás 12:50 h, cando os grupos participantes abandonaron as súas aulas e acudiron ao vestíbulo para fotografarse na instalación decorativa temática, adobiada con personaxes do entroido tradicional galego. A continuación, o alumnado dirixiuse ao patio cuberto, onde se desenvolveu o desfile de disfraces. Coreografías, música e moito humor fixeron as delicias do público, e o xurado tívoo difícil para escoller as comparsas gañadoras. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Obradoiro de globoflexia

Imaxe
Durante o recreo dos martes, na aula de debuxo do centro, está a desenvolverse un obradoiro de iniciación á globoflexia, no cal, mediante a aplicación de distintas técnicas de torsión, as persoas participantes conforman figuras (animais, obxectos etc.) con globos. Impartido pola profesora Alicia Puchades Tella-Villamarín, do departamento de Artes Plásticas, o taller contribúe á socialización en galego e ao lecer saudable e creativo. Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Curtas no Fole

Imaxe
O alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO elaborou ao longo do curso curtametraxes de animación en galego, seguindo as distintas fases que require o proceso: redacción do guión, composición do bosquexo ilustrado ou storyboard , deseño de personaxes e escenarios, montaxe, selección da música e os efectos de son, etc. Paralelamente, na materia de Educación Dixital, a rapazada creou, mediante a ferramenta de programación  Scratch, un xogo para contextualizar a temática de boa parte das curtas: a distopía. O día 20 de xuño, como peche do proxecto, o alumnado participante presentouno nas distintas aulas do centro, onde explicou o concepto de distopía , exhibiu a curta titulada "Realidade" e animou os compañeiros/as a probar o seu xogo. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Sesión musical con La Duendeneta

Imaxe
O 16 de maio, véspera das Letras Galegas, o patio do Ánxel Fole encheuse de música galega grazas á cabina móbil de La Duendeneta, dotada dunha elegante mesa Pro-DJ e a última tecnoloxía en luces e son. Todos os grupos do centro participaron nesta sesión musical na que se escoitaron temas de grupos e solistas como Baiuca, De Vacas, Fillas de Cassandra, Flow do Toxo, Fuxan os Ventos,  Lamatumbá,  Lois Romero & Aliboria,  Ortiga, Pili Pampín ou Tanxugueiras, entre outros, así como pezas tradicionais amplamente coñecidas ("A Carolina", "A rianxeira", "O verdegaio", etc.) e versións galegas de grandes éxitos de verbena. Durante dúas horas e nun ambiente desenfadado e divertido, o alumnado cantou, bailou e ata fixo peticións que foron gustosamente atendidas por La Duendeneta. Como dixo o DJ Carlos Crespo na despedida, "Vivan as Letras Galegas e vivan as nosas músicas!". Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Xogando con Azul

Imaxe
Cando Manuel I o Afortunado, rei de Portugal, visitou o Palacio da Alhambra, quedou cativado pola impoñente beleza da decoración, formada por pezas de cerámica de cor azul e branca de procedencia árabe ás que chamaban azulexos . Aínda fascinado polo esplendor do interior da Alhambra, ao seu regreso a Portugal ordenou inmediatamente que as paredes do seu palacio en Évora fosen enfeitadas do mesmo xeito. Azul é un xogo de mesa abstracto, con pezas elaboradas artisticamente e cunha innovadora mecánica de xogo. Ata catro xogadores/as tornan en artistas especializados/as no deseño de azulexos e disputan por converterse no/a primeiro/a en exhibir a súa obra nas paredes do Palacio Real de Évora. O obxectivo de cada participante é completar o mosaico do seu taboleiro individual antes de que o fagan os/as rivais, e gañar así o favor do rei Manuel I. En datas próximas, porase en marcha no Ánxel Fole un campionato de Azul , que se desenvolverá na biblioteca escolar durante os períodos de lec...

Excursión ás Illas Cíes e á ría de Arousa

Imaxe
Os días 6 e 7 de xuño, alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC participou nunha excursión ás Rías Baixas. A primeira xornada, a rapazada embarcou rumbo ás Cíes,  que foron declaradas parque natural en 1980 e, dende 2002, forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Alí, o grupo do Ánxel Fole puido percorrer a ruta do Faro, familiarizándose coa biodiversidade e a riqueza paisaxística do arquipélago (cantís, dunas, flora de costa, endemismos, colonias de aves mariñas, etc.), mais tamén houbo tempo para os xogos colectivos e, como non, para o descanso na praia. O segundo día, o alumnado desprazouse á Illa de Arousa e, dende esta, emprendeu unha travesía en kayak ata o illote do Guidoiro Areoso, que, constituído case completamente por area e rodeado de arrecifes, atesoura un importante patrimonio arqueolóxico, con varias mámoas e dolmens megalíticos. A medio camiño entre A Illa de Arousa e O Areoso, o grupo realizou unha parada nunha batea, para coñecer o ...