Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2022

Arte urbana lucense: aplicación para móbiles

Imaxe
No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, temos o pracer de presentar a aplicación para teléfonos móbiles Arte urbana lucense , dispoñible para a súa descarga en Play Store. A aplicación recoñécese por esta icona que, inspirada na muralla de Lugo, representa os cubos da fortificación romana mediante botes de spray e fai unha chiscadela ao río Miño a través da pintura azul que escorre por un dos envases. Á aplicación, creada co programa gratuíto APP Inventor, trasladouse o material previamente inventariado e recollido no libro Arte urbana lucense. Fichas de catalagoción , publicado en versión dixital en xaneiro de 2022 e en formato impreso en setembro do mesmo ano (esta última edición grazas ao patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo). Na elaboración da app atendeuse tanto a cuestións de programación informática coma a aspectos funcionais e estéticos: deseño da icona identificadora, confección dos diferentes fondos de pantalla para cada un

Felicitacións de Nadal para as persoas maiores

Imaxe
Os últimos días de clase antes das vacacións, alumnado de 1.º ESO elaborou tarxetas de Nadal para felicitar as festas ás persoas maiores usuarias de residencias ou centros de día. Os traballos incluían debuxos e textos en galego e ían cargados dos mellores desexos da rapazada nestas datas tan sinaladas. As tarxetas entregáronse en dous centros sociosanitarios da provincia, un na propia capital lucense e outro en Navia de Suarna. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Fuxan os Ventos. 50 anos de historia

Imaxe
Alumnado de 2.º BAC acudiu o 21 de decembro ao centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo para visitar a exposición temporal "Fuxan os Ventos. 50 anos de historia", comisariada por  Sabela Fraga. A mostra repasa a traxectoria e o universo creativo dunha das bandas máis emblemáticas de Galicia, Fuxan os Ventos, grupo musical formado en Lugo en 1972 e cuxo repertorio inclúe obras recuperadas da tradición oral, temas de composición propia e versións de textos poéticos de autores/as como Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Darío Xohán Cabana ou Marica Campo. Percorrendo as distintas celas que albergan a exposición, o alumnado puido admirar unha ampla variedade de pezas, procedentes do arquivo persoal da agrupación ou cedidas por múltiples persoas e entidades culturais: fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras, audios inéditos, etc. Xabier Molinos Campos e Ana Rodríguez Barreiro

Fontán. O primeiro rostro de Galicia

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC asistiu o 20 de decembro á estrea do documental Fontán. O primeiro rostro de Galicia , no marco dun  ciclo de proxeccións impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O filme, cunha duración aproximada de corenta e cinco minutos, relata o fito científico e técnico que supuxo a elaboración, por parte do xeógrafo e matemático ilustrado Domingo Fontán (Portas, 1788 – Cuntis, 1866), da Carta xeométrica de Galicia , primeiro mapa físico de Galicia realizado con métodos científicos e medicións matemáticas. Fontán  consagrou dezasete anos da súa vida á confección do mapa e nel  acadou un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite a mediados do século XX. A sesión divulgativa incluíu o visionado do documental e mais un coloquio, coa participación de persoal da produtora audiovisual Kaito Estudios e do topógrafo Manuel Amigo. Beatriz Fernández Fernández e Ana Rodríguez Barreiro

LIFE Lugo + Biodinámico

Imaxe
O 20 de decembro presentouse no IES Ánxel Fole o proxecto  LIFE Lugo + Biodinámico , que, promovido polo Concello de Lugo, ten como obxectivo principal facer da cidade un lugar máis verde e saudable, capaz de adaptarse de xeito efectivo ao cambio climático e de xerar novas oportunidades para o desenvolvemento. O programa do acto, ao que asistiu alumnado de 2.º BAC, centrouse nos seguintes puntos: O catálogo de solucións de deseño urbano, que inclúe actuacións relacionadas con diversos ámbitos temáticos: a auga, os espazos verdes, a accesibilidade, a economía circular, etc. O barrio multiecolóxico,  primeira área convivencial de España onde se aplicarán deseños urbanos resilientes. N o barrio, p lanificado para 1200 vivendas, érguese xa o pioneiro edificio público Impulso Verde, construído integramente en madeira galega. José Ramón Negro Varela, Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral

Visita ao Cemiterio de San Froilán

Imaxe
Os días 12, 13 e 20 de decembro, alumnado de varios grupos de 4.º ESO participou nunha visita guiada ao Cemiterio Municipal de Lugo, o Cemiterio de San Froilán, que está integrado na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos. Construído seguindo o proxecto racionalista do arquitecto Eloi Maquieira e inaugurado en 1948, o camposanto alberga, no entanto, algúns panteóns e monumentos funerarios anteriores, que foron trasladados aquí dende o antigo cemiterio municipal da cidade, que databa de 1858 e se atopaba nas inmediacións da actual  avenida de Ramón Ferreiro. Ademais de adentrarse na historia do recinto, o alumnado puido contemplar, entre outros, os seguintes elementos: Algunhas construcións da segunda metade do s. XIX atribuídas ao arquitecto Nemesio Cobreros, como o panteón da familia Ventosinos, que mereceu a consideración de mellor monumento funerario de España no ano 2015, ou o mausoleo de García Abad. A Cruz dos Soldados Repatriados, monumento aos soldados que participaron na Guerr

Visita a Sobrado dos Monxes e San Paio de Narla

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO realizou unha saída cultural os días 13 e 16 de decembro para coñecer o mosteiro de Sobrado dos Monxes e mais a fortaleza de San Paio de Narla. O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (Sobrado, A Porta, Sobrado), situado no Camiño Norte a Santiago, é un gran complexo de orixe medieval que viviu unha ampla época de esplendor entre os séculos XV e XVIII e que hoxe en día segue habitado por unha comunidade cisterciense . O alumnado puido visitar a igrexa barroca, os tres claustros, a sala capitular, a cociña e o refectorio. A fortaleza de San Paio de Narla (A Castronela, Xiá, Friol) , documentada dende o século XIV, atópase actualmente integrada na Rede Museística Provincial de Lugo e alberga unha interesante colección que inclúe apeiros de labranza, obxectos relacionados cos oficios tradicionais, cerámica, armas brancas e de fogo, etc. Tamén destacan a cociña (coa  lareira, o forno e o servizo hixiénico primitivos), un salón con parladoiros, un dormitorio ou u

Profetas na súa terra

Imaxe
Alumnado de 1.º e 2.º ESO acudiu o 14 de decembro ao Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo para participar nunha charla de Erik e Sergi Quintela Salvador, organizada pola Fundación Breogán dentro do seu ciclo Luz ao Deporte. Os irmáns Quintela representan o soño de moitos rapaces/zas lucenses afeccionados/as ao baloncesto: chegar a xogar no C. B. Breogán na máxima categoría do baloncesto español. Non é doado triunfar na propia terra do xeito en que o están a facer Erik e Sergi, mais detrás do seu éxito agóchase unha palabra coa que se identifican plenamente: traballo . O alumnado que asistiu ao encontro puido coñecer de primeira man, e en galego (porque os ídolos tamén falan galego), a cultura do esforzo que levan abandeirando os irmáns Quintela durante anos. Susana Rico Fernández e Ana Rodríguez Barreiro

Encontro con Lois Pérez

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO dos clubs de lectura do Ánxel Fole participou o 14 de decembro nun encontro co escritor Lois Pérez, que presentou no centro a súa novela A gruta da torre , gañadora do V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. O argumento da obra, que tomamos da web da editorial Xerais, é o seguinte: "Rematado o curso, Lois viaxa coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. A investigación vese sacudida pola aparición dunha foca, Cuquita, e tamén por uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha. Quen os persegue? Por que un home lles amosou unha pistola? Quirina e Estrela tamén procuran a resposta. Namentres, Marquiños escoitou a voz de

Visita guiada de arte urbana

Imaxe
Continuando co labor iniciado no ano académico 2021-2022, o Ánxel Fole participa de novo este curso no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas , desenvolvendo un traballo colaborativo e interdisciplinario centrado na arte urbana lucense. No marco deste Plan Proxecta, alumnado de 4.º ESO acudiu o día 7 de decembro a unha visita guiada con Guido Guía , g uía oficial de turismo de Galicia, turismólogo e profesor no centro asociado da UNED en Lugo. O paseo, de tres horas de duración, achegou a rapazada a algúns dos murais e graffiti de máis recente creación da cidade, adentrándose en barrios como a Piringalla, a Milagrosa, Paradai, o Sagrado Corazón, o casco histórico, o Carme ou a Residencia. A néboa non impediu que o alumnado gozase dunha xornada chea de luz e de cor. Ana Rodríguez Barreiro

Exposición sobre María Casares

Imaxe
Coincidindo co centenario do nacemento de María Casares (A Coruña, 21 de novembro de 1922), o Ánxel Fole acolle estes días unha exposición, cedida polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sobre esta actriz galega exiliada en Francia, onde triunfou no teatro e no cine e apareceu en clásicos como Os nenos do paraíso , especialmente durante as décadas de 1940 e 1950. A mostra acompáñase dunha pequena escolma bibliográfica na que se recollen obras centradas tanto na figura de María Casares como noutras personalidades e fitos do cinema galego e, máis particularmente, lucense. Ana Rodríguez Barreiro

Cambio climático e sistema alimentario

Imaxe
Varios grupos de alumnado de Bioloxía e Xeoloxía e mais de Cultura Científica de 4.º ESO e 1.º BAC participaron o 28 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Luis Díaz Allegue, investigador en enxeñaría medioambiental, titulada “Cambio climático e sistema alimentario” . No relatorio abordáronse os retos que, para a seguridade alimentaria mundial, conleva o cambio climático. Mudanzas en variables como a temperatura, a humidade, os patróns de precipitacións ou a frecuencia dos fenómenos meteorolóxicos extremos afectan ás prácticas agrícolas, á produción dos cultivos e á calidade nutricional dos alimentos. Cómpre, pois, tomar medidas que favorezan o consumo responsable e a dieta sustentable (mercar produtos locais e de tempada; preferir os alimentos a granel e, por tanto, libres de embalaxes; reducir o consumo de carne, etc.), así como investigar fontes de proteínas alternativas (bacterias ou insectos, por ex

Entrega de premios do "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais"

Imaxe
O pasado venres, tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega de premios d o "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais" que, con motivo da celebración do 25 de novembro, convocaron a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. No acto, presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, recibiu o seu galardón Miguel Ángel García Goyos, de 1.º ESO D, gañador na primeira categoría da modalidade de imaxe gráfica, coa obra  Non sexas o seu xoguete . Miguel Ángel, a quen felicitamos novamente dende aquí, estivo arroupado por varios/as compañeiros/as do grupo e pola súa profesora de Lingua e Literatura Galega. Ademais, mentres esta representación do Ánxel Fole participaba na entrega de premios, o resto do alumnado e profesorado do centro lucía orgulloso as chapas que, a partir do cartel de Miguel Ángel, foron confeccionadas expresamente para a ocasión. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Improvisación teatral sobre violencia de xénero

Imaxe
Alumnado de 1.º, 3.º e 4.º ESO acudiu os días 24 e 25 de novembro á Biblioteca Pública de Lugo para tomar parte, por quendas, nun obradoiro de improvisación teatral con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A actividade, guiada por Ana Carreira, contacontos, narradora, dramaturga e actriz, estaba pensada para que a rapazada reflexionase, a través do teatro, acerca das súas actitudes e prexuízos en materia de violencia de xénero. Así, partindo de imaxinarias relacións de parella ás que o alumnado deu vida sobre o escenario, abordáronse cuestións como a confianza e os celos, a liberdade e o control, a benquerenza e os comportamentos tóxicos, etc. O obradoiro, no que houbo lugar para o humor malia a seriedade da temática tratada, resultou moi dinámico e participativo e o alumnado ficou con ganas de seguir a experimentar a improvisación teatral. Ana Rodríguez Barreiro