Arte urbana lucense: aplicación para móbiles

No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, temos o pracer de presentar a aplicación para teléfonos móbiles Arte urbana lucense, dispoñible para a súa descarga en Play Store. A aplicación recoñécese por esta icona que, inspirada na muralla de Lugo, representa os cubos da fortificación romana mediante botes de spray e fai unha chiscadela ao río Miño a través da pintura azul que escorre por un dos envases.


Á aplicación, creada co programa gratuíto APP Inventor, trasladouse o material previamente inventariado e recollido no libro Arte urbana lucense. Fichas de catalagoción, publicado en versión dixital en xaneiro de 2022 e en formato impreso en setembro do mesmo ano (esta última edición grazas ao patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo). Na elaboración da app atendeuse tanto a cuestións de programación informática coma a aspectos funcionais e estéticos: deseño da icona identificadora, confección dos diferentes fondos de pantalla para cada un dos niveis xerárquicos, etc. A aplicación permite localizar as obras de arte urbana do catálogo (murais, graffiti e lettering) nun plano da cidade, clasificalas por barrios, consultar a súa descrición ou trazar a ruta que conduce ata elas.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios