Visita ao Cemiterio de San Froilán

Os días 12, 13 e 20 de decembro, alumnado de varios grupos de 4.º ESO participou nunha visita guiada ao Cemiterio Municipal de Lugo, o Cemiterio de San Froilán, que está integrado na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos.

Construído seguindo o proxecto racionalista do arquitecto Eloi Maquieira e inaugurado en 1948, o camposanto alberga, no entanto, algúns panteóns e monumentos funerarios anteriores, que foron trasladados aquí dende o antigo cemiterio municipal da cidade, que databa de 1858 e se atopaba nas inmediacións da actual avenida de Ramón Ferreiro.

Ademais de adentrarse na historia do recinto, o alumnado puido contemplar, entre outros, os seguintes elementos:

  • Algunhas construcións da segunda metade do s. XIX atribuídas ao arquitecto Nemesio Cobreros, como o panteón da familia Ventosinos, que mereceu a consideración de mellor monumento funerario de España no ano 2015, ou o mausoleo de García Abad.
  • A Cruz dos Soldados Repatriados, monumento aos soldados que participaron na Guerra de Cuba en 1898.
  • A escultura Cristo redentor de Francisco Asorey, do ano 1935.
  • Diversas obras de arte funeraria do escultor Manuel Mallo, especialmente recoñecido polas súas achegas ao templo da Sagrada Familia de Barcelona.
  • As sepulturas de persoeiros ilustres da cidade, como os compositores Xoán Montes e Gustavo Freire ou os escritores Luís Pimentel e Ánxel Fole.
  • O Xardín das Lembranzas, presidido polo Memorando, pirámide que representa unha vela ao vento na cal se reflicte o transcorrer da vida. 
  • Os chamados puntos de paz, poemas e frases de esperanza espallados por distintos recunchos do camposanto.


A visita supuxo un excelente xeito de coñecer unha parte importante da memoria da cidade, así como de comprender que os cemiterios tamén poden ser espazos cargados de arte e propicios para a reflexión, a busca da paz interior e o reencontro persoal.



Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias



Comentarios