Visita a Sobrado dos Monxes e San Paio de Narla

Alumnado de 2.º ESO realizou unha saída cultural os días 13 e 16 de decembro para coñecer o mosteiro de Sobrado dos Monxes e mais a fortaleza de San Paio de Narla.

O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (Sobrado, A Porta, Sobrado), situado no Camiño Norte a Santiago, é un gran complexo de orixe medieval que viviu unha ampla época de esplendor entre os séculos XV e XVIII e que hoxe en día segue habitado por unha comunidade cisterciense. O alumnado puido visitar a igrexa barroca, os tres claustros, a sala capitular, a cociña e o refectorio.

A fortaleza de San Paio de Narla (A Castronela, Xiá, Friol), documentada dende o século XIV, atópase actualmente integrada na Rede Museística Provincial de Lugo e alberga unha interesante colección que inclúe apeiros de labranza, obxectos relacionados cos oficios tradicionais, cerámica, armas brancas e de fogo, etc. Tamén destacan a cociña (coa lareira, o forno e o servizo hixiénico primitivos), un salón con parladoiros, un dormitorio ou unha capela do século XVIII.


 José Ramón Negro, Ana Pedreira, Susana Rico e Ana Rodríguez

Comentarios