Publicacións

Mostrando publicacións desta data: outubro, 2025

Magosto 2025

Imaxe
"Acabáronse as vendimas / e veñen as esfolladas, / para comer coas mozas / catro castañas asadas", di a copla popular. E, cumprindo coa tradición, o día 30 de outubro, durante o recreo, a comunidade educativa do Ánxel Fole reuniuse para celebrar o magosto, a festa do outono por excelencia.  O lume, a leña, o tambor xiratorio e, sobre todo, as castañas asadas, símbolo ancestral da vida que triunfa sobre a morte (non en van os magostos coinciden no tempo cos actos e cerimonias en lembranza dos defuntos), brindaron aos participantes a oportunidade de conectar coas súas raíces e de recoñecerse como elo indispensable da cadea que une pasado e futuro. Ana Rodríguez Barreiro

En carne viva

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO asistiu, o día 22 de outubro no auditorio Gustavo Freire, á representación da obra teatral En carne viva , a cargo da compañía Bengala Teatro Físico e con  dirección de An González. A peza, protagonizada por varios personaxes que tentan sobrevivir nunha sociedade deshumanizada, trata temas como a disforia de xénero, a frustración, o amor, o suicidio e a xuventude. A dramaturxia inspírase libremente na figura de Segismundo de La vida es sueño de Calderón de la Barca, na película Laurence Anyways  de Xavier Dolan e en múltiples investigacións e relatos anónimos. Un coloquio-mediación seguiu á representación e permitiu que o alumnado intercambiase opinións co propio equipo artístico. Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Actualización dos datos sociolingüísticos do centro

Imaxe
Nos meses de setembro e outubro de 2025, o profesorado e o alumnado do IES Ánxel Fole realizou novas enquisas sociolingüísticas acerca do seu uso, coñecemento e valoración do galego. Os resultados poden consultarse premendo nas imaxes inferiores. Ana Rodríguez Barreiro

1975: Escribide, compañeiras!

Imaxe
A Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas, celebra cada ano, dende 2016, o Día das Escritoras, como xeito de reivindicar o labor e o legado literario das mulleres, tantas veces relegadas a un segundo plano ao longo da historia. A data elixida é sempre o luns máis próximo ao 15 de outubro, aniversario do falecemento de Tareixa de Xesús, polo que en 2025 a homenaxe tivo lugar o día 13. O lema desta edición foi " 1975: Escribide, compañeiras!", en lembranza das autoras que se atopaban en activo hai cincuenta anos e que reflectiron nas súas obras as preocupacións e os intereses das mulleres da Transición. Adecuándose á temática proposta e tomando como base a antoloxía  elaborada por Bibliotecas Escolares de Galicia, o alumnado do IES Ánxel Fole achegouse aos textos dalgunhas escritoras galegas da época (M.ª do Carme Kruckenberg, Margarita...

Galego alén da morte (IV)

Imaxe
Por cuarto curso consecutivo, alumnado do Ánxel Fole visitou varios camposantos do concello de Lugo para localizar inscricións funerarias en lingua galega. Neste caso, foi o estudantado de 3.º PDC o que, o día 9 de outubro, se achegou aos cemiterios parroquiais de Rubiás e Teixeiro, onde obtivo os seguintes datos: a) Cemiterio de San Xillao de Rubiás : Número total de panteóns con algunha inscrición: 54. Número de panteóns con presenza inequívoca de galego: 6 (11.11 %). Data da inscrición de propiedade en galego máis antiga: sen mostras de inscricións de propiedade en galego. Data da inscrición de defunción en galego máis antiga: 1990. b) Cemiterio de Santa María de Teixeiro : Número total de panteóns con algunha inscrición: 115. Número de panteóns con presenza inequívoca de galego: 14 (12.17 %). Data da inscrición de propiedade en galego máis antiga: sen mostras de inscricións de propiedade en galego. Data da inscrición de defunción en galego máis antiga: 1989. A actividade desenvolvi...

Historia e natureza en Castro de Rei

Imaxe
O alumnado de 3.º PDC desprazouse o día 9 de outubro ata o concello de Castro de Rei, onde participou nas seguintes actividades: 1. Visita comentada ao castro de Viladonga e o museo arqueolóxico adxacente. No xacemento, auténtico modelo formal de castro característico do noroeste, distínguense varias murallas e fosos, dous antecastros dispostos a xeito de socalcos e unha ampla croa central, que alberga a maioría das construcións descubertas ata agora: vivendas, currais, almacéns, edificios de uso social ou comunal etc. O museo, pola súa parte, ofrece información xeral sobre a cultura castrexa e expón unha selección dos abondosos materiais que proporcionan as continuas escavacións realizadas en Viladonga: ferramentas, armas, pezas cerámicas, obxectos de vestimenta e adobío, moedas, xogos, amuletos etc. 2. Camiñada pola ruta do Azúmara, sendeiro lineal, duns 7 km de lonxitude, que une o castro de Viladonga coa localidade de Castro de Rei. A ruta atravesa zonas de monte e de bosque autóct...