Galego alén da morte (IV)

Por cuarto curso consecutivo, alumnado do Ánxel Fole visitou varios camposantos do concello de Lugo para localizar inscricións funerarias en lingua galega. Neste caso, foi o estudantado de 3.º PDC o que, o día 9 de outubro, se achegou aos cemiterios parroquiais de Rubiás e Teixeiro, onde obtivo os seguintes datos:

a) Cemiterio de San Xillao de Rubiás:

  • Número total de panteóns con algunha inscrición: 54.
  • Número de panteóns con presenza inequívoca de galego: 6 (11.11 %).
  • Data da inscrición de propiedade en galego máis antiga: sen mostras de inscricións de propiedade en galego.
  • Data da inscrición de defunción en galego máis antiga: 1990.


b) Cemiterio de Santa María de Teixeiro:

  • Número total de panteóns con algunha inscrición: 115.
  • Número de panteóns con presenza inequívoca de galego: 14 (12.17 %).
  • Data da inscrición de propiedade en galego máis antiga: sen mostras de inscricións de propiedade en galego.
  • Data da inscrición de defunción en galego máis antiga: 1989.


A actividade desenvolvida no Ánxel Fole enmárcase nun proxecto máis amplo, levado a cabo por moitas persoas a título individual e por alumnado e profesorado de centros educativos de distintos lugares de Galicia. O traballo realizado ata o de agora deu como resultado a publicación da Cartografía do uso do galego nos camposantos, elaborada polo xornalista David Canto Veiga e presentada nos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, que, baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua”, se celebraron o 15 de outubro de 2024 no Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela). O mapa, que se actualiza regularmente e fica aberto á colaboración cidadá, incorpora xa os datos achegados dende o noso instituto.


Ana Rodríguez Barreiro



Comentarios