Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2021

Biblioteca de arte urbana

Imaxe
Durante o primeiro trimestre, as persoas que participamos no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas realizamos múltiples lecturas relacionadas co ámbito da arte na rúa, entendida no senso máis amplo da expresión. Para facilitar a localización dos libros que se foron adquirindo, así como o seu traslado ás aulas do alumnado, dispúxose na biblioteca do centro unha maleta temática de arte urbana. Dende aquí, convidamos a comunidade educativa a visitar a biblioteca e consultar e/ou levar en préstamo algúns dos interesantes títulos que agora custodia a Rosalía dun emblemático graffiti de Primo de Banksy na cidade. Botamos en falta máis material en galego, certamente escaso, o que pon de manifesto que a lingua aínda non está representada por igual en todos os campos do saber. Confiamos en que o noso traballo de catalogación de recursos de arte urbana supoña unha humilde achega á presenza do galego neste eido. Ana Rodríguez Barreiro

Visita ao Vello Cárcere

Imaxe
O alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo de 1.º BAC visitou onte o Vello Cárcere de Lugo, onde foi recibido polas guías Bárbara e Patricia, que explicaron que o edificio foi proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros e inaugurado en 1887. Este cárcere responde a unha tipoloxía celular que estivo influenciada polo panóptico, modelo penitenciario que, ideado no s. XVIII polo filósofo J. Bentham, se caracterizaba pola presenza dunha construción circular, onde estaban as celas individuais, e mais unha torre central, onde se situaba o posto de vixilancia. Cada cela debía ter unha ventá cara ao corredor e outra cara ao exterior, de maneira que o efecto de contraluz permitise ao vixiante percibir todos os movementos das persoas presas. Durante o período da Guerra Civil, o cárcere pasou a ser de facto un penal, posto que non só se internaban alí persoas pendentes de xuízo, senón tamén presos/as políticos/as. A partir do estalido da guerra, o edificio, pensado para 140 reclusos/as, pasou

Ver para erradicar

Imaxe
Ao longo dos días 13 e 14 de decembro, visitou o IES Ánxel Fole un educador social da asociación Acadar . Como representante desta entidade, que ten por misión promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida, impartiu varias sesións de noventa minutos en que reflexionou, interaccionando co alumnado, sobre as consecuencias da sociedade patriarcal para as mulleres en xeral e para aquelas con discapacidade en particular. Durante a actividade, destinada a alumnado de 3.º ESO, realizáronse dinámicas como a observación e exame da sexualización dos xoguetes, de escenas explicitamente machistas de películas que marcaron a infancia de varias xeracións (nomeadamente das de Disney) ou de diversas mensaxes publicitarias. As charlas tamén afondaron na explicación das diferentes maneiras de exercer violencia de xénero e na análise da lexislación vixente en materia de igualdade, presentando un marco xeral das carencias estrutur

Exposición do Culturbán 2021

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO PMAR visitou onte, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a exposición que recolle os traballos da segunda edición do festival de arte na rúa Culturbán, organizado por Espacio Lupa Arte e mais a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A mostra, comisariada por Iago Eireos, reúne as dez obras participantes no combate de pintura mural celebrado o pasado mes de agosto na praza Maior de Lugo, así como imaxes das intervencións na rúa (murais de gran formato e  lettering ) de varios/as autores/as e fotografías do ciclo Xanelas Abertas. Durante a estancia no MIHL, e sempre acompañado polo persoal do centro, o alumnado viu unha presentación introdutoria sobre a historia da arte urbana e mais unha pequena peza documental acerca do combate mural, para pasar a continuación a coñecer as pezas da exposición. As obras do combate mural, cunhas dimensións de 200 x 200 cm, debían tratar a temática da desigualdade de xénero e, máis concretamen

Monoulious DOP no Ánxel Fole

Imaxe
Por xentileza do Correlingua , o grupo Monoulious DOP  tocou e cantou esta mañá para o alumnado de 1.º BAC, que precisamente hoxe remataba a primeira avaliación do curso. Monoulious DOP naceu en 2012 como un proxecto musical exclusivo para internet. Ula e Mon, dous amigos da ría de Muros e Noia, comezaron a compartir videoclips que eles mesmos producían e que, coa forza das redes sociais, axiña contaron co apoio do público. Este empuxe da xente foi o que os afoutou a actuar en directo en formato de dúo acústico. No  Cantalingua 2021 , concurso que quere axudar os grupos que deciden usar o galego a  amosar todo o seu potencial ante o alumnado dos centros de ensino de Galicia, Monoulious DOP quedou en terceiro lugar, co tema "Inmunízate co galego" . Foi o alumnado dos centros que pediron ser xurado quen escolleu as cancións gañadoras. Monoulious DOP encheu o patio do Ánxel Fole de músicas cargadas de ritmo, ironía e bo humor, e implicou arreo o alumnado, que repetiu retrousos,

Imaxes e palabras para o 25N

Imaxe
Para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de Tecnoloxía de 2.º ESO e mais de TIC de 4.º ESO deseñou, mediante ferramentas informáticas como WordArt e Impress, adhesivos e infografías con mensaxes de sensibilización e prevención da violencia de xénero. Cos carteis, impresos en tamaño A4, elaborouse un mural que se colocou á entrada do salón de actos do centro, onde toda a comunidade educativa puido apreciar os traballos. O propio 25 de novembro, o alumnado das devanditas materias visitou as distintas aulas do instituto para explicar brevemente o proxecto desenvolvido e repartir os adhesivos, que, confeccionados a xeito de nube de palabras, foron recibidos como agasallo pola totalidade da rapazada do IES Ánxel Fole. M.ª Teresa Rego Sanmartín e Ana Rodríguez Barreiro

Concerto do Correlingua dende Foz

Imaxe
O Correlingua , denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a infancia, a mocidade e os centros de ensino a participar en actos públicos de reivindicación do dereito a medrar en galego e a exercer de maneira efectiva como galegos/as mediante o uso do idioma propio, única forma de garantir o seu futuro. O Correlingua 2021 celébrase baixo o lema “Inmunízate co galego”. O alumnado de 3.º ESO PMAR seguiu, a través de YouTube, a transmisión en directo da festa do Correlingua programada para esta mañá. Tratábase da festa da provincia de Lugo, na que interviñeron dende Foz Cozorellos Salvaxes (grupo musical infantil cuxo principal obxectivo é entreter e facer pedagoxía contra a homofobia e o racismo, así como a favor do feminismo e a diversidade) e Monoulious DOP (banda transgresora en clave de rock). O vídeo completo do acto pode verse premendo aquí . Ana Rodr

Charla de Leandro Barea

Imaxe
Seguindo coas actividades vencelladas ao Proxecto Didáctico Antonio Fraguas , alumnado de 3.º ESO e 1.º BAC asistiu esta mañá, no salón de actos do centro, a unha charla do deseñador gráfico e ilustrador lucense Leandro Barea . Leandro fixo un repaso pola historia do graffiti e a arte urbana dende a Prehistoria ata a actualidade, acompañando as súas explicacións coa proxección de numerosas obras tanto europeas como americanas. Partiu da tendencia ancestral do ser humano a deixar constancia, a través da arte, da súa presenza nos distintos lugares que ocupou ou transitou, para centrarse despois no cambio de enfoque que se foi producindo co paso do tempo: paulatinamente, os/as autores/as comezaron a amosar algo máis de compromiso nas súas intervencións, substituíndo o inicial "Eu estiven aquí" por mensaxes de contido e intencionalidade marcadamente políticos ou sociolóxicos (contra o racismo, a opresión, o capitalismo, etc.). A charla, que se desenvolveu nun ambiente moi distend

Videoconferencia de Sonia Villapol

Imaxe
Dende hai anos, os centros escolares de Galicia celebramos en novembro o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, investigación e ensino científicos. Un grupo de alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1.º BAC participamos o 16 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Sonia Villapol Salgado dende Houston (Texas): “O que aprendemos da pandemia” . Segundo os datos achegados na videoconferencia pola científica, soamente en Galicia faleceron máis de 2600 persoas por mor da COVID-19. A pesar de todos os estragos que causou esta enfermidade, o ser humano foi capaz, grazas á ciencia, de desenvolver estratexias para convivir co virus e axudar a controlar a súa transmisión; entre elas destacan a vacinación, o uso de máscaras, a distancia social, a ventilación, etc. Tamén contribuíu á mellora da situación a colaboración da cidadanía

Aura 1964

Imaxe
Esta mañá, profesorado do club de lectura e mais varios alumnos/as de 1.º BAC asistiron á presentación do guión cinematográfico Aura 1964 no centro cultural O Vello Cárcere. Con este título a editorial Galaxia inaugura a colección “Guión” do seu catálogo, na que aposta pola publicación de textos escritos para o cine. A obra, que recolle o guión da nova película do recoñecido director galego Ignacio Vilar ( Pradolongo , Vilamor , A esmorga , Sicixia , María Solinha ), supón un fito sen precedentes, pois é a primeira vez que, no estado español, se dá a coñecer o guión dun filme antes da estrea deste en cines. O protagonista de Aura 1964 é Siro, un adolescente que, no Ourense de 1964, cando a ditadura celebra os seus “vinte e cinco anos de paz”, coñece a opresión e o adoutrinamento no centro educativo en que se atopa interno, mais vive tamén, xunto aos seus amigos Cosme e Bento, momentos de iniciación e descuberta, nunha busca constante da liberdade. A actividade realizouse aceptando o

Arte urbana no norte da cidade

Imaxe
Un grupo numeroso de alumnado e profesorado do IES Ánxel Fole participa este curso no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas , cun traballo colaborativo e interdisciplinario centrado no muralismo e a arte urbana da cidade de Lugo. No marco deste programa, o alumnado de 4.º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual asistiu o día 9 de novembro a unha visita guiada para coñecer algúns dos recursos máis destacados da arte urbana dos barrios próximos ao centro (A Piringalla, A Milagrosa, Paradai e Abella). Da man de Guido Guía , a rapazada puido achegarse, dun xeito moi enriquecedor e ameno, á historia da arte urbana na cidade, descubrindo as distintas xeracións de autores/as, os festivais en que interveñen, as técnicas e estilos que practican, etc. O sol acompañounos no percorrido e deitou  luz  ― máis luz, se cabe ―  sobre as obras dos/as artistas. Para ver máis fotos da actividade, pode consultarse o álbum da nosa páxina de Facebook.  Ana Rodríguez Barreiro

Enquisa sociolingüística para o alumnado

Imaxe
Seguindo o camiño aberto polo profesorado, tamén o alumnado do IES Ánxel Fole foi requirido para realizar, entre outubro e novembro, a súa propia enquisa sociolingüística. Neste caso, as persoas titoras dos distintos grupos puxeron a disposición do estudantado a ligazón de acceso ao formulario colgándoa nas aulas virtuais das súas materias. O alumnado de ESO cubriu o cuestionario na súa aula de referencia, durante unha sesión de titoría e co seu ordenador persoal do programa Edixgal; o alumnado de BAC, que non posúe ordenador, tivo que acudir ás aulas de informática do centro. Os datos obtidos, que poden consultarse premendo na imaxe inferior, revelan un importante grao de castelanización na rapazada do centro. Aínda que a participación non foi especialmente elevada, dun  64% (382 persoas, dun total de 597 alumnos/as do instituto, responderon as preguntas), os resultados semellan bastante fiables, pois seguimos a súa evolución dende que os primeiros grupos comezaron a facer a enquisa e

Tintubro

Imaxe
O tintubro é unha proposta recollida das redes sociais. Consiste en asociar unha palabra galega con cada día do mes de outubro e, posteriormente, crear unha ilustración de técnica libre (orixinalmente, con tinta ― de aí o nome tintubro ― , pero hoxe en día cos materiais e estilos que se desexe) suxerida por cada un dos devanditos termos. Os trinta e un vocábulos seleccionados este ano foron tellado , ourizo , caldo , noite , pingando , curuxa , lume , figos , ponte , abrigo , fraga , burato , pega , fiestra , ofrenda , magosto , candil , lama , frío , misto , demo , urna , tecer , lúa , colleita , zocas , procesión , neboeiro , arrepíos , espíritos e caveira . O alumnado de 1.º ESO realizou o seu propio tintubro. Os debuxos fotografáronse e coas imaxes montouse un vídeo, a xeito de resumo da actividade. M.ª Teresa Rego Sanmartín e Ana Rodríguez Barreiro

Libres e vivas

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO acudiu esta mañá á presentación do libro Libres e vivas no auditorio municipal Gustavo Freire. A obra, editada por Galaxia, recolle dez relatos sobre violencia de xénero escritos por outras tantas autoras: Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira. O acto, no que participou alumnado de catro centros da cidade, foi conducido por Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; Silvia Alonso, concelleira de Muller e Igualdade; Francisco Castro, director da editorial; e dúas das escritoras, en concreto María Xosé Porteiro e a lucense María López Sández. Todos/as eles/as subliñaron a necesidade de combater as distintas formas, explícitas e implícitas, de machismo, así como de construír un mundo igualitario, que será, ademais, máis xusto tanto para as mulleres como para os homes. Todas as persoas asistentes recibiron un exemplar do libro como agasallo. An

Biblioteca Nodal

Imaxe
Durante todo o primeiro trimestre, o alumnado de 1.º, 2.º e 3.º ESO está a visitar, por quendas, as instalacións da Biblioteca Nodal de Lugo, onde pode coñecer as coleccións que alberga, os servizos que ofrece, as actividades que organiza, etc. A visita tamén é aproveitada para que aquel alumnado que aínda non o posúe poida solicitar o seu carné de usuario/a. Ana Rodríguez Barreiro

Día das Escritoras

Imaxe
O Día das Escritoras é unha iniciativa que, promovida dende 2016 pola Biblioteca Nacional, busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. Celébrase o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús (15 de outubro), polo que en 2021 a data elixida foi o 18 de outubro. Esta sexta edición estivo comisariada pola  poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños, en cuxo manifesto, baixo  o lema "Ler as idades da vida" , afirma o seguinte: "[...] A nosa primeira biblioteca foi de aire, en forma de canto ou de conto. En forma de palabras que se fiaban as unhas ás outras e ían espertando a nosa diminuta conciencia. Nais, avoas, tías. Mestras. Amigas. E na viaxe do tempo, eramos nenas, adolescentes, mulleres novas, maduras; [...] porque os libros foran recollendo as nosas idades. As idades da vida. Unha biblioteca no corazón. Día das escritoras. Unha festa da lectura, unha festa dos lugares infinitos da lectura, unha festa das bibliotecas que simbolizan es

Enquisa sociolingüística para o profesorado

Imaxe
A semana pasada, o profesorado do IES Ánxel Fole foi chamado a realizar unha pequena enquisa sociolingüística acerca do seu uso, coñecemento e valoración do galego. Partindo da proposta recollida na obra A planificación lingüística nos centros educativos , o EDLG, en  colaboración co Dpto. de Tecnoloxía,  elaborou un cuestionario dixital, ao que o profesorado puido acceder grazas a unha ligazón e un código QR proporcionados a través do correo electrónico e expostos na sala do profesorado. Os datos obtidos, que poden consultarse na súa totalidade premendo na imaxe inferior, semellan relativamente favorables para o galego, mais a limitada participación, dun 54% (34 persoas, dun total de 63 membros do claustro, responderon as preguntas), restrinxe a significatividade dos resultados e non facilita a súa análise e interpretación. Ana Rodríguez Barreiro

Día Internacional da Tradución

Imaxe
O 30 de setembro celébrase cada ano o Día Internacional da Tradución, en que se conmemora o falecemento de S. Xerome de Estridón (c. 340-420), tradutor da Biblia dende o grego e o hebreo ao latín (versión coñecida como a Vulgata, ou edición feita para o pobo). Como dixo José Saramago, "Os escritores fazem as literaturas nacionais e os tradutores fazem a literatura universal. Sem os tradutores, nós os escritores não seríamos nada, estaríamos condenados a viver fechados na nossa língua". Vaia dende aquí o noso recoñecemento para todas esas persoas, intermediarias do idioma, que abriron fiestras no seu labor de verter ao galego as grandes obras doutras culturas, moitas das cales poden lerse hoxe en  Bivir. Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego . Compartimos a seguir un fragmento da coidada tradución de O principiño (Antoine de Saint-Exupéry, 1943) realizada por Carlos Casares para a editorial Galaxia. Nel exponse unha das máis deliciosas concepcións literarias do

Taboleiro da lingua

Imaxe
Malia a decidida aposta deste curso polos medios virtuais e dixitais, o EDLG non renuncia a seguir contando cun espazo físico de referencia para o galego no instituto: o taboleiro da lingua. O taboleiro atópase no corredor da planta baixa, nun lugar de paso cara á cafetaría do centro e, por tanto, moi frecuentado por alumnado e profesorado. O panel de cortiza úsase para fixar avisos, convocatorias, novas, pequenos traballos, fotografías das actividades que se van desenvolvendo, etc., e o alumnado pode xestionalo facilmente e decoralo con motivos alusivos ás distintas estacións ou festividades destacadas no calendario (outono, nadal, entroido, Semana das Letras, etc.). Nestes primeiros días de curso, o taboleiro anuncia a creación do blog e a páxina de Facebook A fala do Fole . Ana Rodríguez Barreiro

Comezamos

Imaxe
Inauguramos unha nova xeira neste blog que levaba algúns anos xa sen actualizar. Estreamos deseño e denominación: A fala do Fole , como a nosa páxina de Facebook . A través destas dúas canles compartiremos informacións, experiencias, actividades, etc. en relación co uso e a promoción do galego, tendo sempre presente a ensinanza de Castelao recollida no mural de Trece Trazos que preside o patio do instituto: "Se aínda somos galegos/as, é por obra e graza do idioma". Ana Rodríguez Barreiro