Ver para erradicar

Ao longo dos días 13 e 14 de decembro, visitou o IES Ánxel Fole un educador social da asociación Acadar. Como representante desta entidade, que ten por misión promover, coordinar e reivindicar a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade en todos os ámbitos da vida, impartiu varias sesións de noventa minutos en que reflexionou, interaccionando co alumnado, sobre as consecuencias da sociedade patriarcal para as mulleres en xeral e para aquelas con discapacidade en particular.

Durante a actividade, destinada a alumnado de 3.º ESO, realizáronse dinámicas como a observación e exame da sexualización dos xoguetes, de escenas explicitamente machistas de películas que marcaron a infancia de varias xeracións (nomeadamente das de Disney) ou de diversas mensaxes publicitarias. As charlas tamén afondaron na explicación das diferentes maneiras de exercer violencia de xénero e na análise da lexislación vixente en materia de igualdade, presentando un marco xeral das carencias estruturais da sociedade neste eido.

 

Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral 

Comentarios