Exposición do Culturbán 2021

O alumnado de 3.º ESO PMAR visitou onte, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a exposición que recolle os traballos da segunda edición do festival de arte na rúa Culturbán, organizado por Espacio Lupa Arte e mais a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A mostra, comisariada por Iago Eireos, reúne as dez obras participantes no combate de pintura mural celebrado o pasado mes de agosto na praza Maior de Lugo, así como imaxes das intervencións na rúa (murais de gran formato e lettering) de varios/as autores/as e fotografías do ciclo Xanelas Abertas.

Durante a estancia no MIHL, e sempre acompañado polo persoal do centro, o alumnado viu unha presentación introdutoria sobre a historia da arte urbana e mais unha pequena peza documental acerca do combate mural, para pasar a continuación a coñecer as pezas da exposición.

As obras do combate mural, cunhas dimensións de 200 x 200 cm, debían tratar a temática da desigualdade de xénero e, máis concretamente, tres aspectos desta: o teito de cristal, o chan pegañento e a carga invisible, polo que os/as estudantes, ademais de gozar da arte, tamén puideron reflexionar sobre a situación da muller na sociedade.

Poden verse máis fotos no álbum da nosa páxina de Facebook.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios