Visita ao Vello Cárcere

O alumnado de Historia do Mundo Contemporáneo de 1.º BAC visitou onte o Vello Cárcere de Lugo, onde foi recibido polas guías Bárbara e Patricia, que explicaron que o edificio foi proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros e inaugurado en 1887. Este cárcere responde a unha tipoloxía celular que estivo influenciada polo panóptico, modelo penitenciario que, ideado no s. XVIII polo filósofo J. Bentham, se caracterizaba pola presenza dunha construción circular, onde estaban as celas individuais, e mais unha torre central, onde se situaba o posto de vixilancia. Cada cela debía ter unha ventá cara ao corredor e outra cara ao exterior, de maneira que o efecto de contraluz permitise ao vixiante percibir todos os movementos das persoas presas.

Durante o período da Guerra Civil, o cárcere pasou a ser de facto un penal, posto que non só se internaban alí persoas pendentes de xuízo, senón tamén presos/as políticos/as. A partir do estalido da guerra, o edificio, pensado para 140 reclusos/as, pasou a albergar máis de mil persoas. En 1981 pechou definitivamente as portas como cadea.

O alumnado escoitou cal era a rutina dos presidiarios/as, como estaba separada a parte dos homes da das mulleres, que a falta de hixiene axudaba a propagar as enfermidades ou que alí estiveron presos/as políticos/as republicanos/as como o médico Rafael de Vega; o alcalde de Lugo en 1936, Francisco Lamas; ou o propio Ánxel Fole. Esta parte da visita rematou coa contemplación do memorial: nas paredes dunha das celas están escritos os nomes das persoas detidas neste cárcere por motivos políticos entre o 20 de xullo de 1936 e o 31 de decembro de 1940.

Despois, os/as estudantes visitaron distintas exposicións que están a ter lugar na actualidade no edificio, como a do pintor Xaime Quessada Porto (1937-2007), considerado un dos artistas máis prolíficos e multifacéticos da historia da arte contemporánea de Galicia; nos máis dos seus cincuenta e cinco anos de actividade pictórica, Quessada dedicou unha parte da súa obra a dar testemuño do seu tempo histórico e do seu compromiso ético coa defensa dos dereitos humanos. O alumnado pasou máis rápido polas exposicións de Manuel López Liz e de Luís Ferreiro Peinó, dous artistas locais, xa que o agardaba a mostra “Mulleres resistentes”.

Esta última exposición forma parte dun proxecto máis amplo que está activo a nivel internacional e que en Galicia é impulsado dende a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. A mostra, que vén de pasar por salas de Francia e Madrid e que viaxará a Italia, Portugal e Alemaña despois de despedirse de Lugo, rende homenaxe ás loitadoras antifascistas da etapa comprendida entre 1936 e 1945, mulleres que traballaron a prol da democracia nun contexto de represión, violencia e clandestinidade: Enriqueta Otero, as irmás Touza, María Casares, etc. No caso de Galicia, a represión que sufriron as mulleres foi aínda máis longa no tempo, ao non haber fronte de guerra durante a Guerra Civil, e moitas veces tratouse dunha represión extraxudicial, polo que as mulleres foron agredidas, paseadas e asasinadas sen pasaren polos tribunais.



Francisco Xabier Molinos Campos e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios