Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Historia

En Mondoñedo con Cunqueiro

Imaxe
O alumnado dos clubs de lectura do Fole participou, o día 17 de xuño, nunha ruta literaria por Mondoñedo, seguindo as pegadas que deixou na localidade o escritor Álvaro Cunqueiro ( 1911-1981 ). Coa axuda dunha audioguía ficcionada da compañía teatral Chévere, o grupo fixo un percorrido, duns cincuenta minutos de duración, que o levou dende o antigo consistorio (actual Oficina Municipal de Turismo) ata o cemiterio vello, pasando por diversos puntos vencellados á figura de Cunqueiro: a estatua do escritor realizada por Juan Puchades, o seminario, as dúas casas (natal e vital) de Cunqueiro na vila, a fonte Vella, a Sociedade de Obreiros Católicos, a igrexa parroquial de Santiago etc. Ademais, o alumnado visitou a catedral románica da Asunción (as naves, a terraza, os denominados "salóns góticos", o rosetón, o claustro etc.)  e o Centro de Interpretación da Imprenta. A xornada completouse coa procura, xa fóra da ruta, do graffiti Leva un traxe de chuvia , tributo do artista urba...

Encontro con Eva Mejuto

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou, o día 4 de xuño, nun encontro coa escritora, xornalista e xestora cultural Eva Mejuto. A charla xirou ao redor da novela xuvenil Memoria do silencio , que o estudantado asistente leu no presente curso. A autora reflexionou sobre o contexto espazo-temporal en que se desenvolve a acción (Galicia durante a II Guerra Mundial), o proceso de investigación previo á escrita (centrado na figura das ribadavienses irmás Touza, integrantes dunha rede de apoio a persoas fuxidas do nazismo), a creación e caracterización dos personaxes, a mestura de realidade e ficción etc. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Visita a Padrón e Santiago de Compostela

Imaxe
O alumnado de 1.º BAC desprazouse, o pasado 28 de maio, a Padrón e Santiago de Compostela para realizar varias visitas culturais. En Padrón, o estudantado participou nunha ruta rosaliana, a través da cal descubriu, da man do escritor e profesor Manuel Lorenzo Baleirón, algúns dos lugares do concello vinculados á figura de Rosalía de Castro: a estatua do paseo do Espolón; a casa da antiga rúa do Sol onde a poeta pasou parte da súa infancia; a igrexa de Santa María de Iria Flavia e o cemiterio parroquial, que acolleu os restos de Rosalía antes de ser trasladados a Santiago; a casa da Matanza, última morada da escritora, hoxe convertida en Casa-Museo de Rosalía de Castro etc. Pola tarde, o alumnado visitou, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura compostelá, a exposición temporal " Mundo expandido. Entre o físico e o virtual", que  explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda nos efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas. Mónica López...

Celanova: un paseo pola historia de Galicia

Imaxe
O alumnado de 3.º e 4.º ESO desprazouse ao concello de Celanova o día 25 de marzo para realizar un dos roteiros ofrecidos pola Oficina de Turismo de Celanova e mais a Fundación Curros Enríquez: “Celanova: un paseo pola historia de Galicia”. Alí visitou os seguintes puntos: a) A vila de Celanova, onde destacan o maxestoso mosteiro de San Salvador, boa mostra do barroco galego; a prerrománica capela de San Miguel, único resto conservado da etapa fundacional do mosteiro; ou a Casa dos Poetas, que foi lar da infancia de Manuel Curros Enríquez e hoxe centra a súa actividade na promoción dos escritores celanoveses (Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín etc.). b) Vilanova dos Infantes, cun burgo medieval presidido pola torre da homenaxe do castelo, parcialmente derrubado nas loitas irmandiñas. c) Castromao, cuxo xacemento arqueolóxico constitúe un dos principais referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular. Mónica López Souto, Carmen M.ª Pérez Pardo e Ana Ro...

O futuro, ou é rural ou non será

Imaxe
O alumnado de 1.º BAC participou o día 25 de febreiro na charla "O futuro, ou é rural ou non será", impartida polo profesor Mario Outeiro Iglesias, da Facultade de Formación do Profesorado, e incluída no programa A Ponte, que a Universidade de Santiago de Compostela implementa en centros de ensino medio. O resumo da charla, facilitado polo propio relator, é o seguinte: "Despois de décadas de políticas desenvolvidas de costas ao rural, esta ampla zona do espazo xeográfico galego segue en pé demostrando unha elevada resiliencia. As ganas de vivir experiencias máis saudables e en contacto coa natureza están a facer que moita xente se anime a retornar ao medio rural para emprender proxectos respectuosos coa cultura local e baseados na sostibilidade. Ao mesmo tempo, a mocidade rural galega deixou de ver o seu lugar de nacemento como algo atrasado e sen futuro e son moitos os que deciden quedar para comezar novos proxectos ou reformular os herdados das anteriores xeracións. O ...

Por terras de Friol e Sobrado

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO realizou unha saída cultural o día 14 de xaneiro para coñecer a fortaleza de San Paio de Narla e o mosteiro de Sobrado dos Monxes. A fortaleza de San Paio de Narla (A Castronela, Xiá, Friol), documentada dende o século XIV, atópase actualmente integrada na Rede Museística Provincial de Lugo. O edificio está composto por tres corpos (torre da homenaxe, corpo central e torreón) e unha capela exterior, que acollen coleccións de historia e etnografía  (apeiros de labranza, obxectos relacionados cos oficios tradicionais, cerámica, armas brancas e de fogo etc.). O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (Sobrado, A Porta, Sobrado), situado no Camiño Norte a Santiago, é un gran complexo de orixe medieval (s. X) que viviu unha ampla época de esplendor entre os séculos XV e XVIII e que hoxe en día segue habitado por unha comunidade cisterciense. O alumnado puido visitar os claustros, a cociña gótica, a sala capitular ou a impoñente igrexa barroca. Froilán Herrán Go...

'Tres en un' expositivo

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 3 de decembro, tres exposicións temporais na cidade de Lugo: a) "Symphony. Unha viaxe ao corazón da música", de CaixaForum, experiencia inmersiva audiovisual que pretende achegar a música clásica a todos os públicos. Da man do director Gustavo Dudamel e da Mahler Chamber Orchestra, as persoas espectadoras convértense en músicas por un pedazo e gozan, dende dentro, das composicións de Beethoven, Mahler ou Bernstein. b) "Nicolás Muller en Galicia", de Afundación, mostra que recolle unha selección das imaxes que o fotógrafo húngaro Nicolás Muller tomou en Galicia durante a segunda metade do s. XX. As fotografías, centradas na vida cotiá das xentes traballadoras e na beleza da paisaxe galega, reflicten a fonda ollada humanista do seu autor. c) "O vestiario das almas pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas", da Rede Museística Provincial de Lugo, proxecto onde corenta e cinco manequíns, ataviados con roupa...

Historia e natureza en Castro de Rei

Imaxe
O alumnado de 3.º PDC desprazouse o día 9 de outubro ata o concello de Castro de Rei, onde participou nas seguintes actividades: 1. Visita comentada ao castro de Viladonga e o museo arqueolóxico adxacente. No xacemento, auténtico modelo formal de castro característico do noroeste, distínguense varias murallas e fosos, dous antecastros dispostos a xeito de socalcos e unha ampla croa central, que alberga a maioría das construcións descubertas ata agora: vivendas, currais, almacéns, edificios de uso social ou comunal etc. O museo, pola súa parte, ofrece información xeral sobre a cultura castrexa e expón unha selección dos abondosos materiais que proporcionan as continuas escavacións realizadas en Viladonga: ferramentas, armas, pezas cerámicas, obxectos de vestimenta e adobío, moedas, xogos, amuletos etc. 2. Camiñada pola ruta do Azúmara, sendeiro lineal, duns 7 km de lonxitude, que une o castro de Viladonga coa localidade de Castro de Rei. A ruta atravesa zonas de monte e de bosque autóct...

Rutas fantasmais

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO acudiu os días 10 e 16 de xaneiro ao Museo Provincial de Lugo para realizar catro rutas literarias inspiradas no libro  Contos de fantasmas no museo : a “Ruta do carneiro alado”, a  “Ruta de Minos”, a  “Ruta do astrágalo” e a  “Ruta do paxaro”, que teñen como base relatos de Ledicia Costas, Anxo Fariña, Andrea Maceiras e Carlos Negro, respectivamente. Dividido en pequenos grupos, o alumnado resolveu distintos cuestionarios sobre os contos, que xa lera durante o primeiro trimestre do curso, e aproveitou para ampliar os seus coñecementos acerca das obras do Museo Provincial presentes nos textos. Carmen Millares Fernández e Ana Rodríguez Barreiro

Terra, tempo e xente: introdución á paisaxe histórica

Imaxe
Ao abeiro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, da Universidade de Santiago de Compostela, alumnado de  4.º ESO  do Ánxel Fole asistiu o  17 de decembro  á charla titulada “Terra, tempo e xente: introdución á paisaxe histórica”, a cargo de Carlos Baliñas Pérez, profesor da Facultade de Humanidades de Lugo. Como lembrou o relator, na actualidade (Antropoceno) virtualmente toda paisaxe é froito da intervención humana sobre o medio e, en consecuencia, a paisaxe resulta unha testemuña da historia da humanidade que a habitou. Partindo deses presupostos, a charla achegou o alumnado aos métodos e técnicas de interpretación, investigación e posta en valor da paisaxe humanizada, con referencias especiais ao caso de Galicia. Xabier Molinos Campos e Ana Rodríguez Barreiro

Visita ao conxunto arqueolóxico de Adai

Imaxe
O alumnado de 4.º PDC visitou o 14 de novembro o complexo arqueolóxico de Pedra (ou Pena) Fita, na parroquia de Adai (Lugo), composto, entre outros, polos seguintes elementos: a) Dolmen de Adai, pequeno monumento do Neolítico en cuxa contorna se achan varios montículos de terra que poderían constituír mámoas dunha mesma necrópole. b) Corro dos Mouros ou Castrillón de Adai, círculo lítico da Idade do Bronce que foi obxecto de varias intervencións arqueolóxicas nos últimos anos. Lugar de enterramentos e cerimoniais prehistóricos, a roda de Adai probablemente estivo cuberta cunha coiraza de seixo branquísimo que a faría brillar dende o lonxe; ao seixo atribúenselle na cultura galega fins apotropaicos (para afastar o mal ou propiciar o ben) e psicopompos (para facilitar o tránsito das ánimas cara ao alén). c) Altar de Adai, enigmática estrutura megalítica de orixe e finalidade difíciles de precisar e sen parangón no rexistro arqueolóxico galego. Trátase dunha laxe granítica, de fo...

Un Edificio con Boa Memoria

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO achegouse o día 12 de novembro a Un Edificio con Boa Memoria, o novo programa do Vello Cárcere de Lugo para público escolar. A proposta formativa centrouse na figura do médico republicano Rafael de Vega Barrera (Zazuar, Burgos, 1889 - Lugo, 1936), detido e encadeado tras a sublevación militar do 36, e permitiu á rapazada coñecer a represión sufrida polos presos políticos. A actividade constou de dúas partes: Primeira parte: visita guiada ao edificio, proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros, e presentación da figura de Rafael de Vega. Segunda parte: obradoiro didáctico arredor da exposición permanente “O Vello Cárcere. Da Guerra á Posguerra” e debate final. Marcos Chavarría, Carmen Fernández, Xabier Molinos e Ana Rodríguez