O futuro, ou é rural ou non será

O alumnado de 1.º BAC participou o día 25 de febreiro na charla "O futuro, ou é rural ou non será", impartida polo profesor Mario Outeiro Iglesias, da Facultade de Formación do Profesorado, e incluída no programa A Ponte, que a Universidade de Santiago de Compostela implementa en centros de ensino medio.

O resumo da charla, facilitado polo propio relator, é o seguinte:

"Despois de décadas de políticas desenvolvidas de costas ao rural, esta ampla zona do espazo xeográfico galego segue en pé demostrando unha elevada resiliencia. As ganas de vivir experiencias máis saudables e en contacto coa natureza están a facer que moita xente se anime a retornar ao medio rural para emprender proxectos respectuosos coa cultura local e baseados na sostibilidade.

Ao mesmo tempo, a mocidade rural galega deixou de ver o seu lugar de nacemento como algo atrasado e sen futuro e son moitos os que deciden quedar para comezar novos proxectos ou reformular os herdados das anteriores xeracións.

O mundo rural ten moito futuro na produción de alimentos (se non queremos depender exclusivamente do exterior), de materias primas, de produtos manufacturados con selos de calidade, pero tamén de lecer e saúde. A nosa terra só terá futuro se o rural segue con vida.

Nesta charla falaremos dos inxustos prexuízos do pasado, pero centrarémonos nas potencialidades que o espazo rural ofrece ás novas xeracións a nivel persoal e laboral".


Néstor López Jorge e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios