Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Correlingua

A mocidade activa por unha lingua viva

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO participou o 28 de maio no Correlingua 2025, celebrado baixo o lema "A mocidade activa por unha lingua viva". Portando carteis e pancartas con mensaxes a prol do uso do galego, a rapazada dos centros asistentes iniciou a marcha na praza da Mosqueira, atravesou a praza Maior e a praza de Santa María e subiu á muralla pola rampla da porta de Santiago. Tras un solleiro paseo polo adarve, o alumnado baixou no Campo Castelo e dirixiuse á Horta do Seminario, onde estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes deron lectura ao manifesto. A xornada lúdico-reivindicativa rematou co concerto de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do Cantalingua (o concurso musical do Correlingua) co tema "Vinde a festexar" . Alexandra Cillero Prieto, Ana Rodríguez Barreiro e Benjamín Sande Eslava

Dende aquí até acolá, galego xa!

Imaxe
O alumnado de 1.º ESO participou o día 8 de maio no Correlingua, festa de reivindicación da lingua galega celebrada neste 2024 baixo o lema "Dende aquí até acolá, galego xa!". A rapazada de distintos centros da provincia reuniuse ás 11:00 h na praza de Santa María e, pouco despois, partiu cara á praza de Pío XII para subir á muralla e dar unha volta completa polo adarve, que se encheu de pancartas e mensaxes a prol do uso do galego en todos os ámbitos, especialmente entre as xeracións máis novas. De regreso na praza de Santa María, leuse o manifesto e deu comezo o concerto do grupo melidao  Cuarta Xusta, de cuxa autoría son os discos  Un novo espertar , co cal xiraron por gran cantidade de salas e festivais do país, e Libre amencer , que están a presentar na actualidade. Ana Rodríguez Barreiro

Correndo pola lingua con Mekánika Rolling Band

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO do Ánxel Fole participou o 11 de maio nos actos do Correlingua 2023. A rapazada dos distintos centros de ensino que acudiron á cita congregouse ás once da mañá na praza de Santa María de Lugo e, dende alí, dirixiuse cara á muralla para dar unha volta polo adarve. Finalizada a camiñada e xa de regreso na praza, o alumnado do Ánxel Fole foi o encargado de ler o manifesto deste ano, en cuxa redacción tomaron parte compañeiros/as de 1.º ESO a través do obradoiro "Desata a lingua", do que xa informamos  aquí . Puxo o ramo á festa a actuación de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do certame Cantalingua, ao que presentaron o seu tema “Maruxaina”. A Mekánika Rolling Band, que conta cunha traxectoria de quince anos xirando por toda a península ibérica e outros lugares de Europa, deleitou o público infantil cun espectáculo enérxico, participativo e dinámico. Patricia Fernández López, Antía López Castro e Ana Rodríguez Barreiro

Escribindo con Ana Carreira

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO do Ánxel Fole participou o 10 de novembro nun dos obradoiros "Desata a lingua", impartidos por varias escritoras galegas e destinados a que a rapazada de diferentes centros se implique na elaboración do manifesto da próxima edición do Correlingua. Ana Carreira, narradora, contacontos, monitora de teatro e actriz, foi a encargada de conducir a actividade no Ánxel Fole. A partir dunha serie de frases e imaxes achegadas pola escritora, o alumnado, distribuído en grupos, deseñou carteis e redactou as súas propias composicións, que despois presentou ante o resto da clase. O obradoiro resultou un excelente xeito de estimular a escrita creativa. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Concerto de Pauliña

Imaxe
O Correlingua despediuse este ano cunha festa final celebrada en Lugo o 26 de outubro. Máis de catrocentos alumnos/as de distintos centros da cidade e da provincia, entre os que se atopaba o IES Ánxel Fole, participaron no Auditorio Gustavo Freire dun acto no que houbo música e reivindicación lingüística a partes iguais. O programa abriuse co saúdo, presentación e lectura do manifesto por parte do cómico Fran Rei, aos que seguiu a intervención da vicepresidenta da Deputación. A continuación, a rapazada gozou do prato forte da xornada: o concerto de Pauliña, banda de referencia do panorama musical galego actual, coa cambadesa Paula Chaves á fronte. O grupo desenvolveu sobre o escenario unha proposta musical diferente e innovadora, amosando influencias que van dende o country ao blues, pasando polo folk, o rock ou o ska, e abordando nas súas letras temas como a igualdade, a loita feminista e a defensa da lingua e a cultura galegas. O alumnado cantou, bailou, levou discos de Pauliña para ...

Monoulious DOP no Ánxel Fole

Imaxe
Por xentileza do Correlingua , o grupo Monoulious DOP  tocou e cantou esta mañá para o alumnado de 1.º BAC, que precisamente hoxe remataba a primeira avaliación do curso. Monoulious DOP naceu en 2012 como un proxecto musical exclusivo para internet. Ula e Mon, dous amigos da ría de Muros e Noia, comezaron a compartir videoclips que eles mesmos producían e que, coa forza das redes sociais, axiña contaron co apoio do público. Este empuxe da xente foi o que os afoutou a actuar en directo en formato de dúo acústico. No  Cantalingua 2021 , concurso que quere axudar os grupos que deciden usar o galego a  amosar todo o seu potencial ante o alumnado dos centros de ensino de Galicia, Monoulious DOP quedou en terceiro lugar, co tema "Inmunízate co galego" . Foi o alumnado dos centros que pediron ser xurado quen escolleu as cancións gañadoras. Monoulious DOP encheu o patio do Ánxel Fole de músicas cargadas de ritmo, ironía e bo humor, e implicou arreo o alumnado, que ...

Concerto do Correlingua dende Foz

Imaxe
O Correlingua , denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a infancia, a mocidade e os centros de ensino a participar en actos públicos de reivindicación do dereito a medrar en galego e a exercer de maneira efectiva como galegos/as mediante o uso do idioma propio, única forma de garantir o seu futuro. O Correlingua 2021 celébrase baixo o lema “Inmunízate co galego”. O alumnado de 3.º ESO PMAR seguiu, a través de YouTube, a transmisión en directo da festa do Correlingua programada para esta mañá. Tratábase da festa da provincia de Lugo, na que interviñeron dende Foz Cozorellos Salvaxes (grupo musical infantil cuxo principal obxectivo é entreter e facer pedagoxía contra a homofobia e o racismo, así como a favor do feminismo e a diversidade) e Monoulious DOP (banda transgresora en clave de rock). O vídeo completo do acto pode verse premendo aquí . Ana Rodr...