Concerto de Pauliña
O Correlingua despediuse este ano cunha festa final celebrada en Lugo o 26 de outubro. Máis de catrocentos alumnos/as de distintos centros da cidade e da provincia, entre os que se atopaba o IES Ánxel Fole, participaron no Auditorio Gustavo Freire dun acto no que houbo música e reivindicación lingüística a partes iguais.
O programa abriuse co saúdo, presentación e lectura do manifesto por parte do cómico Fran Rei, aos que seguiu a intervención da vicepresidenta da Deputación. A continuación, a rapazada gozou do prato forte da xornada: o concerto de Pauliña, banda de referencia do panorama musical galego actual, coa cambadesa Paula Chaves á fronte.
O grupo desenvolveu sobre o escenario unha proposta musical diferente e innovadora, amosando influencias que van dende o country ao blues, pasando polo folk, o rock ou o ska, e abordando nas súas letras temas como a igualdade, a loita feminista e a defensa da lingua e a cultura galegas.
O alumnado cantou, bailou, levou discos de Pauliña para a casa e recibiu como agasallo unha mochila co lema do Correlingua 2022: "Fálame!". Como dicía o manifesto, "Non teñades vergoña; as linguas apréndense practicándoas [...]. O galego conéctanos con cousas boas e fermosas, con xente talentosa e intelixente. Aproveita que aínda podes... e FÁLAME!".
Beatriz Dourado, Xabier Molinos, Ana Rodríguez e Xabier Santiso
Comentarios
Publicar un comentario