Antes, durante e despois das guerras
O Día das Escritoras é unha iniciativa que, promovida pola Biblioteca Nacional de España, busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. Como en edicións anteriores, a data elixida este ano foi o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús (15 de outubro). Así, a sétima edición celebrouse o pasado 17 de outubro, baixo o lema "Antes, durante e despois das guerras", co que, como lembra a directora da Biblioteca Nacional, se quixo homenaxear o papel fundamental que as mulleres cumpriron en escenarios de guerra, así como axudar a reflexionar e contemplar con outros ollos unha situación de sufrimento, pero tamén de xenerosidade e compromiso.
No Ánxel Fole conmemoramos o Día das Escritoras cun acto multidisciplinar no que participou alumnado de 2.º, 3.º e 4.º ESO, simbolicamente vestido con roupas negras. Tras a presentación, nomeáronse, agrupados por continentes, os distintos países onde se están a desenvolver conflitos bélicos na actualidade e fóronse marcando con puntos vermellos sobre un planisferio elaborado para a ocasión.
A continuación, realizouse unha lectura de textos, en verso e en prosa, de autoras galegas que trataron nas súas obras o tema das guerras e as súas consecuencias: Carmen Blanco, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Filomena Dato, Beatriz Dourado, Ana María Fernández Martínez, Adela Figueroa, Marina Mayoral, María Reimóndez, etc. A recitación acompañouse coa interpretación ao piano de diversas pezas musicais.
A actividade foi, en definitiva, un xeito de recuperar a palabra, tantas veces ignorada, de mulleres escritoras, "partisanas da vida", que oxalá, como quere Carmen Blanco, sexan luz para nós:
"Que o noso lume non queime as nosas casas.
Que outro noso lume faga resplandecer o mundo".
Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios
Publicar un comentario