Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Artes plásticas

As Letras de Begoña Caamaño

Imaxe
Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, no IES Ánxel Fole desenvolvéronse distintas actividades, entre as que destacan as seguintes: a) Audiovisual Morgana en Esmelle . Alumnado de 3.º e 4.º ESO asistiu, o día 21 de maio, á proxección e coloquio de Morgana en Esmelle ,  serie audiovisual que adapta, en catro episodios curtos, a novela homónima de Begoña Caamaño. A microserie, en cuxa difusión colabora a Deputación de Lugo, é un proxecto da  cooperativa Aqueladas, centrada na creación de contidos audiovisuais interactivos e transmedia en galego. b) Fotografías para Begoña Caamaño . O pasado mes de abril, a fotógrafa lucense Alba Díaz presentou a exposición “A lingua do futuro / O futuro da lingua”, unha homenaxe á rapazada que fala e vive en galego nunha situación de emerxencia lingüística. Interactuando co traballo de Alba Díaz, o alumnado de 3.º PDC fotografouse con palabras relacionadas coa vida e a obra de...

Taboleiro de lemas inspiradores

Imaxe
Nun encerado situado no vestíbulo, veñen recolléndose ao longo do curso frases célebres, citas literarias, pensamentos motivadores etc., que dan a benvida ao centro, transmiten enerxía positiva ou convidan a reflexionar sobre a actualidade ou a existencia humana en xeral. Os lemas poden ser elixidos por calquera membro da comunidade educativa e, en moitos casos, acompáñanse de ilustracións relativas á temática tratada. Ana Rodríguez Barreiro

Miradas femininas

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO acudiu os días 19 e 25 de febreiro ao Museo Provincial de Lugo para participar na actividade "Miradas femininas", que propón un percorrido polo papel da muller na historia da arte e da museografía. A través de distintas obras da colección do museo, o estudantado reflexionou sobre o influxo do contexto social patriarcal nas manifestacións artísticas e nas modas de cada momento, ao tempo que comprobou como a arte feminina foi mudando en paralelo aos cambios sociais. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Entroido 2026

Imaxe
Co gallo do Entroido, desenvolvéronse varias actividades no Ánxel Fole: a) Exposición na biblioteca escolar dunha selección de obras sobre o Entroido galego. b) Elaboración, por parte do alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO, de máscaras representativas dos movementos de vangarda (cubismo, surrealismo, futurismo, expresionismo etc.). O traballo inspirouse nun proxecto da dou tora en Belas Artes, profesora  e  blogueira  Mayalen Piqueras. c) Gran desfile de disfraces, celebrado o día 13 de febreiro coa participación de numeroso alumnado e profesorado. Non faltaron os bailes, a música, o humor e, por suposto, os premios para as mellores comparsas. Ana Rodríguez Barreiro

Obradoiro da letra

Imaxe
O alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO e de Debuxo Artístico de 1.º BAC participou, dende o 28 de xaneiro ata o 6 de febreiro, nun obradoiro de letra manual, impartido por J. M. Juaristi ao longo de varias sesións. No taller, as persoas asistentes comezaron reflexionando sobre a finalidade da escritura (práctica ou estética) e achegándose aos elementos fundamentais da caligrafía. A continuación, practicaron a escritura con pluma, coñeceron algúns estilos históricos (fundacional, chanceleresco, negro gótico etc.) e realizaron manuscritos mediante diversos procedementos. A actividade conectou o traballo de aula co lema das bibliotecas escolares de Galicia deste curso: “Biblioteca escolar + deseño = viaxe á creatividade”. Alicia Puchades Tella-Villamarín e  Ana Rodríguez Barreiro

'Tres en un' expositivo

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 3 de decembro, tres exposicións temporais na cidade de Lugo: a) "Symphony. Unha viaxe ao corazón da música", de CaixaForum, experiencia inmersiva audiovisual que pretende achegar a música clásica a todos os públicos. Da man do director Gustavo Dudamel e da Mahler Chamber Orchestra, as persoas espectadoras convértense en músicas por un pedazo e gozan, dende dentro, das composicións de Beethoven, Mahler ou Bernstein. b) "Nicolás Muller en Galicia", de Afundación, mostra que recolle unha selección das imaxes que o fotógrafo húngaro Nicolás Muller tomou en Galicia durante a segunda metade do s. XX. As fotografías, centradas na vida cotiá das xentes traballadoras e na beleza da paisaxe galega, reflicten a fonda ollada humanista do seu autor. c) "O vestiario das almas pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas", da Rede Museística Provincial de Lugo, proxecto onde corenta e cinco manequíns, ataviados con roupa...

Cantigas ilustradas

Imaxe
Dentro das actividades de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e a  poesía popular oral, alumnado de  Educación Plástica, Visual e Audiovisual  de 3.º ESO  creou ilustracións inspiradas en cantigas tradicionais. Para iso, cada estudante seleccionou unha composición poética, deu forma á súa obra plástica empregando a técnica de estampaxe con goma eva como matriz e, finalmente, gravou un vídeo coa imaxe de fondo e o texto recitado ou cantado. O resultado amósannolo nesta fermosa produción audiovisual: Alicia Puchades Tella-Villamarín e  Ana Rodríguez Barreiro

Obradoiro de globoflexia

Imaxe
Durante o recreo dos martes, na aula de debuxo do centro, está a desenvolverse un obradoiro de iniciación á globoflexia, no cal, mediante a aplicación de distintas técnicas de torsión, as persoas participantes conforman figuras (animais, obxectos etc.) con globos. Impartido pola profesora Alicia Puchades Tella-Villamarín, do departamento de Artes Plásticas, o taller contribúe á socialización en galego e ao lecer saudable e creativo. Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Vizoso no Día da Ilustración

Imaxe
Cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración en Galicia. Tras dedicarse nas pasadas edicións a  Álvaro Cebreiro (2017),  Camilo Díaz Baliño (2018),  Federico Ribas (2019),  Cándido Fernández Mazas (2020),  Lolita Díaz Baliño (2021),  Reimundo Patiño (2022),  María Antonia Dans (2023) e  Chichi Campos (2024), neste 2025 o homenaxeado é por primeira vez un artista vivo ―e, ademais, especialmente vencellado ao IES Ánxel Fole―: Xosé Vizoso. Deseñador e ceramista en Sargadelos, alén de cartelista, muralista e ilustrador de libros, o  mindoniense Xosé Vizoso é autor dunha obra d e gran forza visual que bebe nas fontes da imaxinaría e a cultura tradicionais galegas. Entre as súas pezas máis senlleiras atópase o mosaico mural Lembrando a Fole , que preside o patio dianteiro do noso centro e constitúe un auténtico emblema deste. O mosaico, confeccionado con teselas cerámicas brancas e negras n un es...

Simultánea

Imaxe
O alumnado de 1.º e 3.º ESO visitou os días 9 e 23 de xaneiro a exposición " Simultánea. Escenas de costa e mar aberto na colección de arte Afundación" . A mostra reúne preto de medio cento de artistas galegos que ofrecen múltiples puntos de vista, realistas, líricos ou conceptuais, sobre o tema mariño. As augas calmas e axitadas, as praias, os cantís, os faros, os portos, as embarcacións, os oficios ligados ao mar… protagonizan obras de distintas épocas, dende o século XIX ata a actualidade. Ademais de gozar e aprender coa visita comentada, a rapazada tamén participou nun obradoiro de creación das súas propias mariñas, para as que puido inspirarse nas pezas da exposición. Xabier Molinos Campos, Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Deseñando igualdade

Imaxe
Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO creou carteis con mensaxes en galego de concienciación, prevención e denuncia da violencia machista e de xénero. Os traballos, elaborados mediante técnicas diversas e maquetados a través da  plataforma de deseño e comunicación visual Canva, expuxéronse no vestíbulo do centro  para que toda a comunidade educativa puidese aprecialos. Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

As sete que eu son

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO da materia Expresión Artística visitou o día 3 de abril, no Museo Provincial de Lugo, as exposicións temporais "As 7 e 7. Hora de falar" e "Eu son. Memoria das rapadas". "As 7 e 7. Hora de falar", comisariada por Sergio Marey, quere visibilizar as sete artistas con presenza na colección permanente do museo (María Corredoira,  María Luísa Pérez Herrero,  Maruxa Mallo, Xulia Minguillón,  María del Carmen Álvarez de Sotomayor , Violeta Bernardo e  Mónica Alonso ) a través de sete traballos de creadoras galegas emerxentes ( as irmás Lara e Noa Castro, Christina Chiarroni, Noa Costas, Greta Debelius, Sabela Eiriz, Andrea Otero e Carmen Quintáns). As obras destas mulleres que están a dar os primeiros pasos no mundo da arte dialogan coas pezas das autoras consagradas en que se inspiran, como xeito de poñer en valor a creación feminina galega ao longo dos séculos XX e XXI. "Eu son. Memoria das rapadas", ...

Plantando árbores con pinceis

Imaxe
Alumnado de 3.º ESO participou o 24 de xaneiro na iniciativa escolar pola sostibilidade “Plantando árbores con pinceis”. O proxecto intégrase na oferta educativa da Obra Social ABANCA e desenvólvese en cooperación con Doctoy, artista visual especializado no deseño mural gráfico, e Vella Escola, entidade con acreditada experiencia na organización de eventos, talleres e espectáculos de cultura urbana. Unindo cultura e coidado do medio ambiente, a rapazada axudou a realizar, nunha das paredes do ximnasio, un  mural artístico, colaborativo e ecolóxico con pinturas fotocatalíticas anticontaminación, que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, como os óxidos de nitróxeno e outros gases nocivos da industria e o tráfico rodado. Tamén asistiu a un obradoiro de pintado de bolsas de tea, que decorou con motivos naturais. As actividades, en definitiva, serviron para achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre a protección da natureza, así como para visibilizar alt...

Monicreques unidos

Imaxe
A compañía Mircromina Teatro de Títeres, creada por Ton Arenas no ano 2010 e asentada no barrio artesán dos Muíños de Mondoñedo, visitou o Ánxel Fole o pasado 23 de xaneiro. No salón de actos do centro, alumnado de 1.º ESO asistiu ao espectáculo de monicreques Familia unida , que ofrece unha viaxe a través do repertorio clásico das distintas tradicións europeas de luva, peneiradas polos gustos de hoxe e adaptadas á realidade e á lingua galegas. Protagonizada por Cromina, que acaba de ser pai, a peza convida a reflexionar sobre as relacións familiares, a conciliación e a igualdade. Despois da representación, a rapazada participou nun obradoiro no que coñeceu de primeira man todo o traballo que se esconde tras cada función: construír teatriños, pintar escenografías, modelar bonecos etc. Ademais, con cartón e materiais de refugallo, cada alumno/a puido confeccionar e decorar a súa propia marioneta. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Romper a arañeira

Imaxe
Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de 4.º ESO levou a cabo, o venres 24 de novembro, un espectáculo que, inspirado na obra da artista estadounidense con síndrome de Down Judith Scott (1943-2005), combinou a palabra coa música, o teatro e as artes plásticas. Durante a performance , mentres unha alumna lía frases alusivas ás distintas formas de violencia contra as mulleres, outras cinco, co rostro oculto tras unha máscara, foron envolvendo a dúas compañeiras con cintas de trapiño, simulando o proceso mediante o cal unha araña confecciona a tea para cazar as súas presas. Atrapadas e inmobilizadas, as rapazas recibiron a axuda dunha persoa do público, que comezou a cortar algunhas das fitas, e finalmente lograron soltar as ataduras por si mesmas. O simbolismo da intervención resulta evidente: as violencias machistas rouban a liberdade e a vida das mulleres, mais, co compromiso da sociedade no seu conxunto, é posible romper a arañe...