'Tres en un' expositivo
O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 3 de decembro, tres exposicións temporais na cidade de Lugo:
a) "Symphony. Unha viaxe ao corazón da música", de CaixaForum, experiencia inmersiva audiovisual que pretende achegar a música clásica a todos os públicos. Da man do director Gustavo Dudamel e da Mahler Chamber Orchestra, as persoas espectadoras convértense en músicas por un pedazo e gozan, dende dentro, das composicións de Beethoven, Mahler ou Bernstein.
b) "Nicolás Muller en Galicia", de Afundación, mostra que recolle unha selección das imaxes que o fotógrafo húngaro Nicolás Muller tomou en Galicia durante a segunda metade do s. XX. As fotografías, centradas na vida cotiá das xentes traballadoras e na beleza da paisaxe galega, reflicten a fonda ollada humanista do seu autor.
c) "O vestiario das almas pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas", da Rede Museística Provincial de Lugo, proxecto onde corenta e cinco manequíns, ataviados con roupas antigas ou reproducións fieis destas, dialogan coas obras de arte que os inspiraron. A exposición, de alto valor etnográfico, permite coñecer de preto o vestiario, a ourivaría e os obxectos de uso habitual dos nosos antepasados, ao tempo que recupera do esquecemento figuras e costumes populares.
Ana Rodríguez Barreiro

.jpeg)
.jpeg)

.jpeg)
.jpeg)
Comentarios
Publicar un comentario