Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Xuño, 2023

Curtas no Fole

Imaxe
O alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO elaborou ao longo do curso curtametraxes de animación en galego, seguindo as distintas fases que require o proceso: redacción do guión, composición do bosquexo ilustrado ou storyboard , deseño de personaxes e escenarios, montaxe, selección da música e os efectos de son, etc. Paralelamente, na materia de Educación Dixital, a rapazada creou, mediante a ferramenta de programación  Scratch, un xogo para contextualizar a temática de boa parte das curtas: a distopía. O día 20 de xuño, como peche do proxecto, o alumnado participante presentouno nas distintas aulas do centro, onde explicou o concepto de distopía , exhibiu a curta titulada "Realidade" e animou os compañeiros/as a probar o seu xogo. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Historia e natureza na comarca do Eume

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO desprazouse o 19 de xuño ata a comarca do Eume, onde comezou a xornada visitando o castelo medieval de Andrade (O Castelo, Nogueirosa, Pontedeume), fortaleza do s. XIV levantada  sobre un pequeno promontorio rochoso ( Pena Leboreira)  e vinculada dende as súas orixes á poderosa familia dos Andrade. A continuación, a rapazada adentrouse no Parque Natural das Fragas do Eume para realizar unha andaina a través dunha das rutas sinalizadas, que lle permitiu gozar, malia a intensa chuvia dalgúns momentos, do bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa. O percorrido finalizou no mosteiro de S. Xoán de Caaveiro (O Coto, A Capela, A Capela), fundado por S. Rosendo no s. X e formado por diferentes edificacións construídas ao longo dos anos, entre as que destaca a notable arquitectura da ábsida románica da igrexa monacal. José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Visita ao Museo de Historia Natural

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO acudiu o 16 de xuño ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, centro con fortes potencialidades educativas e sociais, xa que, ademais de desenvolver labores de investigación e educación formal, centra a súa actividade na divulgación científica e oferta visitas para grupos de escolares. O alumnado do Ánxel Fole fixo un interesante percorrido polas salas expositivas do museo, onde puido contemplar numerosos exemplares de animais (conservados mediante taxidermia), fungos, algas, plantas, rochas e minerais, con especial atención aos máis abundantes nos ecosistemas característicos de Galicia, como o da fraga ou o intermareal. Sandra Gómez Pérez,  Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral

Proxecto Mural

Imaxe
Nas últimas semanas de curso, o alumnado de 3.º ESO participou nun Proxecto Mural desenvolvido na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e vencellado coa investigación sobre arte urbana levada a cabo no seo do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas. O alumnado partiu do suposto de que a organización do Urban Cores, un dos festivais de arte urbana da cidade de Lugo, o convidaba a intervir na edición deste ano e lle cedía unha parede medianeira do seu barrio para a realización dun mural xeométrico. Tomando como referente a obra dalgúns destacados artistas urbanos, a rapazada creou composicións abstractas ou empregou a síntese xeométrica para representar realidades recoñecibles, coa única condición de que nos traballos aparecesen, con maior ou menor protagonismo, determinados elementos fixos: triángulos, cuadriláteros, liñas paralelas e/ou perpendiculares, rectas tanxentes a circunferencias e circunferencias tanxentes entre si. O proxecto, que combinou os exercicios individuais e

Exposición do Culturbán 2022

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO visitou o día 7 de xuño, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a exposición que recolle os traballos da terceira edición do festival de arte na rúa Culturbán, organizado por Espacio Lupa Arte e mais a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A xeito de contextualización previa, a rapazada comezou vendo unha presentación sobre a historia da arte urbana dende as súas orixes ata a actualidade, así como un pequeno documental acerca dos combates de pintura mural celebrados en Lugo. A continuación, o alumnado adentrouse na mostra propiamente dita, que, comisariada por Iago Eireos, reúne, por un lado, imaxes das intervencións de gran formato que decoran algunhas das rúas da cidade e, por outro, as dez obras participantes no combate mural que tivo lugar o pasado mes de decembro na rúa Quiroga Ballesteros. Dado que estas pezas debían centrarse na temática LGTBI, o persoal do museo propuxo que os/as estudantes, por parellas ou en pequenos

Galego alén da morte

Imaxe
Morrer e ser lembrado/a en galego segue a resultar absolutamente excepcional no país. Así o puido comprobar un grupo de alumnado de 4.º ESO que, os días 23 de maio e 5 de xuño, visitou tres dos cemiterios parroquiais da periferia da cidade de Lugo, concretamente os de San Lázaro da Ponte, Santiago das Saamasas e San Lourenzo de Albeiros. Servíndose dunha ficha para a recollida de datos, o alumnado procedeu á inspección dos panteóns e sepulturas individuais dos citados camposantos, na procura de inscricións (de propiedade ou de defunción) redactadas en lingua galega. Os resultados xerais, exemplificativos da castelanización masiva do ámbito funerario en Galicia, foron os seguintes: No cemiterio da Ponte só se localizou unha posible placa en galego, nun total de 246 panteóns revisados; trátase, ademais, dun caso ambiguo, pois o idioma empregado podería ser considerado tanto galego escrito segundo a norma reintegrada como portugués. Nas Saamasas, con 88 familias representadas, tamén se at