Exposición do Culturbán 2022

Alumnado de 4.º ESO visitou o día 7 de xuño, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a exposición que recolle os traballos da terceira edición do festival de arte na rúa Culturbán, organizado por Espacio Lupa Arte e mais a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A xeito de contextualización previa, a rapazada comezou vendo unha presentación sobre a historia da arte urbana dende as súas orixes ata a actualidade, así como un pequeno documental acerca dos combates de pintura mural celebrados en Lugo.

A continuación, o alumnado adentrouse na mostra propiamente dita, que, comisariada por Iago Eireos, reúne, por un lado, imaxes das intervencións de gran formato que decoran algunhas das rúas da cidade e, por outro, as dez obras participantes no combate mural que tivo lugar o pasado mes de decembro na rúa Quiroga Ballesteros. Dado que estas pezas debían centrarse na temática LGTBI, o persoal do museo propuxo que os/as estudantes, por parellas ou en pequenos grupos, analizasen nas distintas obras o tratamento de motivos como o orgullo LGTBI, a LGTBIfobia, os dereitos do colectivo LGTBI, etc. Arte e defensa da diversidade sexual e de xénero foron da man, pois, nesta interesante visita enmarcada no proxecto de arte urbana desenvolvido no IES Ánxel Fole nos cursos 2021-2022 e 2022-2023.



Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios