Proxecto Mural

Nas últimas semanas de curso, o alumnado de 3.º ESO participou nun Proxecto Mural desenvolvido na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e vencellado coa investigación sobre arte urbana levada a cabo no seo do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas.

O alumnado partiu do suposto de que a organización do Urban Cores, un dos festivais de arte urbana da cidade de Lugo, o convidaba a intervir na edición deste ano e lle cedía unha parede medianeira do seu barrio para a realización dun mural xeométrico. Tomando como referente a obra dalgúns destacados artistas urbanos, a rapazada creou composicións abstractas ou empregou a síntese xeométrica para representar realidades recoñecibles, coa única condición de que nos traballos aparecesen, con maior ou menor protagonismo, determinados elementos fixos: triángulos, cuadriláteros, liñas paralelas e/ou perpendiculares, rectas tanxentes a circunferencias e circunferencias tanxentes entre si.

O proxecto, que combinou os exercicios individuais e por parellas, seguiu diferentes fases: elección da temática, elaboración dos primeiros bosquexos a man alzada, delineado cos útiles de debuxo técnico sobre o perfil da parede medianeira e acabado en cor mediante lapis acuarelables ou rotuladores.


Paula Fernández Fulgencio, Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios