Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Novembro, 2023

Crónicas da fala

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO asistiu o 30 de novembro ao espectáculo teatral Crónicas da fala , da compañía Vicus Teatro, quen, despois de viaxar nas súas obras polos Séculos de Ouro e a Grecia clásica, está a desenvolver en 2023 un novo proxecto didáctico centrado na realidade galega e, máis concretamente, nas Irmandades da Fala. Procurando a interacción co público e sen renunciar a certos trazos humorísticos, a peza dramatiza a historia das Irmandades da Fala: as súas orixes, da man de  Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte;  a constitución das diversas agrupacións locais e da sección feminina; a celebración das asembleas nacionalistas, a primeira das cales tivo lugar en Lugo en 1918 etc. Por riba de todo, a obra destaca o decisivo papel das Irmandades tanto nas reivindicacións políticas como na promoción da cultura e a lingua galegas durante as primeiras décadas do s. XX. Ana Rodríguez Barreiro

Romper a arañeira

Imaxe
Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de 4.º ESO levou a cabo, o venres 24 de novembro, un espectáculo que, inspirado na obra da artista estadounidense con síndrome de Down Judith Scott (1943-2005), combinou a palabra coa música, o teatro e as artes plásticas. Durante a performance , mentres unha alumna lía frases alusivas ás distintas formas de violencia contra as mulleres, outras cinco, co rostro oculto tras unha máscara, foron envolvendo a dúas compañeiras con cintas de trapiño, simulando o proceso mediante o cal unha araña confecciona a tea para cazar as súas presas. Atrapadas e inmobilizadas, as rapazas recibiron a axuda dunha persoa do público, que comezou a cortar algunhas das fitas, e finalmente lograron soltar as ataduras por si mesmas. O simbolismo da intervención resulta evidente: as violencias machistas rouban a liberdade e a vida das mulleres, mais, co compromiso da sociedade no seu conxunto, é posible romper a arañe

Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero

Imaxe
O  alumnado dos distintos grupos de 1.º e 2.º ESO do Ánxel Fole está a participar no  Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero, organizado polo Servizo de Igualdade da Área de Cohesión Social do Conce llo de  Lugo. Este programa pretende proporcionar á rapazada ferramentas para acadar cambios actitudinais e de comportamento que favorezan  as relacións en igualdade e, en consecuencia, a progresiva eliminación do sexismo e das violencias machistas. Desenvólvese entre os meses de novembro e febreiro do presente curso e consta dun obradoiro de tres sesións, nas que se aplica unha metodoloxía de traballo baseada na reflexión e na participación activa do alumnado. Jesús Otero Pereiras, Ana Rodríguez Barreiro e  M.ª Consuelo Santiso Pena

Leo, les, le

Imaxe
Xa están en marcha os clubs de lectura do Ánxel Fole para o curso 2023-24 e, coma en anos anteriores, neles contan cun protagonismo especial as obras escritas en galego. O día 9 de novembro celebrouse a primeira xuntanza do club do profesorado, nesta ocasión para conversar ao redor da novela As gratitudes , da  escritora, guionista e directora francesa   Delphine de Vigan (1966). A obra, cuxa versión galega publica o selo Hugin e Munin, é presentada así pola propia editorial: " A saúde de Michka, unha muller independente e culta, reséntese, polo que xa non pode vivir soa e ingresa nunha residencia da terceira idade. A afasia que padece fai que confunda as palabras e se perda seguido nas conversas; amais, as súas noites énchense de pesadelos nos que recibe reproches pola súa repentina vulnerabilidade. Tanto Marie, a súa veciña, coma Jérôme, o logopedista que a asiste, poñen o seu gran de area para que a anciá deixe de sufrir polo que considera unha débeda moral relacionada cun mome

Quen dixo medo?

Imaxe
Alumnado de 1.º, 2.º e 3.º ESO celebrou o Samaín compoñendo microrrelatos de medo (ou, cando menos, desacougantes). Á redacción dos textos seguiu a súa lectura teatralizada, que se desenvolveu nunha atmosfera acorde coa temática escollida: luz crepuscular e música terrorífica de fondo. Finalizado o macabro espectáculo, os microrrelatos quedaron expostos nos taboleiros das aulas, convenientemente enfeitados para a ocasión. Esqueletos e outros seres de ultratumba tamén tomaron o vestíbulo do centro por xentileza da rapazada de distintos grupos de ESO e BAC. Coma a Castelao, no Ánxel Fole a morte non nos arrepía: "A morte non me arrepía e o mal que desexo ó meu nemigo é que viva até sobrevivirse. Eu son dos que estruchan a cara pra apalpa-la propia calivera e non fuxo dos cimeterios endexamais" ( Un ollo de vidro ). Longa vida ás tradicións que nos vinculan co alén! Ana Rodríguez Barreiro e Vanessa Yebra Verdes

Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte

Imaxe
A fotógrafa estadounidense  Ruth Matilda Anderson (1893-1983) viaxou a Galicia entre 1924 e 1926, cando tomou unhas oito mil fotografías que retratan tipos, oficios e costumes populares, en moitos casos a piques de desaparecer pola irrupción da modernidade. A exposición " Ruth Matilda Anderson. Fragmentos de onte" , aberta na capela de Santa María de Lugo dende o 3 de outubro ata o 7 de novembro de 2023, pretende recrear, baseándose nas imaxes da artista, a sociedade que atopou Ruth Matilda á súa chegada a Galicia. Deste xeito, o alumnado de 3.º e 4.º ESO que visitou a mostra puido observar preto de mil pezas (na súa maioría, orixinais ou reproducidas a partir doutras antigas) propias da vida cotiá dos anos vinte do século pasado e que hoxe posúen un  incalculable valor etnográfico : aparellos de labranza, ferramentas de traballo, obxectos do fogar e, sobre todo, espléndidos traxes tradicionais tanto de faena como de gala. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias