Quen dixo medo?

Alumnado de 1.º, 2.º e 3.º ESO celebrou o Samaín compoñendo microrrelatos de medo (ou, cando menos, desacougantes). Á redacción dos textos seguiu a súa lectura teatralizada, que se desenvolveu nunha atmosfera acorde coa temática escollida: luz crepuscular e música terrorífica de fondo. Finalizado o macabro espectáculo, os microrrelatos quedaron expostos nos taboleiros das aulas, convenientemente enfeitados para a ocasión.

Esqueletos e outros seres de ultratumba tamén tomaron o vestíbulo do centro por xentileza da rapazada de distintos grupos de ESO e BAC. Coma a Castelao, no Ánxel Fole a morte non nos arrepía: "A morte non me arrepía e o mal que desexo ó meu nemigo é que viva até sobrevivirse. Eu son dos que estruchan a cara pra apalpa-la propia calivera e non fuxo dos cimeterios endexamais" (Un ollo de vidro). Longa vida ás tradicións que nos vinculan co alén!


Ana Rodríguez Barreiro e Vanessa Yebra Verdes

Comentarios