Leo, les, le

Xa están en marcha os clubs de lectura do Ánxel Fole para o curso 2023-24 e, coma en anos anteriores, neles contan cun protagonismo especial as obras escritas en galego.

O día 9 de novembro celebrouse a primeira xuntanza do club do profesorado, nesta ocasión para conversar ao redor da novela As gratitudes, da escritora, guionista e directora francesa Delphine de Vigan (1966). A obra, cuxa versión galega publica o selo Hugin e Munin, é presentada así pola propia editorial:

"A saúde de Michka, unha muller independente e culta, reséntese, polo que xa non pode vivir soa e ingresa nunha residencia da terceira idade. A afasia que padece fai que confunda as palabras e se perda seguido nas conversas; amais, as súas noites énchense de pesadelos nos que recibe reproches pola súa repentina vulnerabilidade. Tanto Marie, a súa veciña, coma Jérôme, o logopedista que a asiste, poñen o seu gran de area para que a anciá deixe de sufrir polo que considera unha débeda moral relacionada cun momento clave do seu pasado.

As voces de Marie e Jérôme debullan os últimos meses de vida da protagonista. Dende as primeiras páxinas, esta conmovedora novela interpela o lector e convídao a reflexionar sobre a vellez, a dependencia, a angustia, a deterioración imparable e a empatía. Como revela o título, a gratitude ocupa un lugar central: a de Marie cara á persoa que permitiu que se convertese na muller que é; e a de Michka, cuxo maior desexo é localizar as persoas que lle salvaron a vida.

A palabra é así mesmo crucial na construción da historia, tanto pola sobriedade e a depuración estilística que caracterizan o relato coma polos dramáticos e por veces humorísticos lapsus de Michka, que revelan dun xeito doloroso a perda paulatina da facultade de se comunicar para quen foi –ironías da vida– unha traballadora das palabras".

Foron unánimes as críticas eloxiosas da novela por parte do profesorado, que salientou especialmente o equilibrio entre a dureza dos temas e a sensibilidade con que se tratan, entre o que se di e o que se cala, entre a emoción e a contención. Dende aquí recomendamos vivamente a lectura de As gratitudes.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios