Crónicas da fala

O alumnado de 4.º ESO asistiu o 30 de novembro ao espectáculo teatral Crónicas da fala, da compañía Vicus Teatro, quen, despois de viaxar nas súas obras polos Séculos de Ouro e a Grecia clásica, está a desenvolver en 2023 un novo proxecto didáctico centrado na realidade galega e, máis concretamente, nas Irmandades da Fala.

Procurando a interacción co público e sen renunciar a certos trazos humorísticos, a peza dramatiza a historia das Irmandades da Fala: as súas orixes, da man de Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte; a constitución das diversas agrupacións locais e da sección feminina; a celebración das asembleas nacionalistas, a primeira das cales tivo lugar en Lugo en 1918 etc.

Por riba de todo, a obra destaca o decisivo papel das Irmandades tanto nas reivindicacións políticas como na promoción da cultura e a lingua galegas durante as primeiras décadas do s. XX.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios