Publicacións

Mostrando publicacións desta data: xuño, 2026

Música e baile para o lecer

Imaxe
Durante os meses de maio e xuño, celebráronse, nos recreos dos mércores e os xoves respectivamente, un obradoiro de pandeireta e canto e mais outro de baile tradicional galego. O singular e marabilloso destes encontros é que estaban destinados principalmente ao profesorado e eran impartidos por alumnado, nun intercambio de papeis que resultou moi satisfactorio e enriquecedor. Grazas inmensas a Nerea e a Sofía polas súas ensinanzas, o seu tempo e a súa ledicia. Foron as mellores mestras que poderiamos desexar. A tradición vive nelas e por elas. Ana Rodríguez Barreiro

En Mondoñedo con Cunqueiro

Imaxe
O alumnado dos clubs de lectura do Fole participou, o día 17 de xuño, nunha ruta literaria por Mondoñedo, seguindo as pegadas que deixou na localidade o escritor Álvaro Cunqueiro ( 1911-1981 ). Coa axuda dunha audioguía ficcionada da compañía teatral Chévere, o grupo fixo un percorrido, duns cincuenta minutos de duración, que o levou dende o antigo consistorio (actual Oficina Municipal de Turismo) ata o cemiterio vello, pasando por diversos puntos vencellados á figura de Cunqueiro: a estatua do escritor realizada por Juan Puchades, o seminario, as dúas casas (natal e vital) de Cunqueiro na vila, a fonte Vella, a Sociedade de Obreiros Católicos, a igrexa parroquial de Santiago etc. Ademais, o alumnado visitou a catedral románica da Asunción (as naves, a terraza, os denominados "salóns góticos", o rosetón, o claustro etc.)  e o Centro de Interpretación da Imprenta. A xornada completouse coa procura, xa fóra da ruta, do graffiti Leva un traxe de chuvia , tributo do artista urba...

Onda Fole

Imaxe
Con gran ledicia, anunciamos que vén de nacer Onda Fole , o programa de radio escolar do IES Ánxel Fole, dispoñible na plataforma de audio á carta iVoox. A emisión inaugúrase co episodio titulado " Letras Galegas 2026 - Begoña Caamaño" , onde o alumnado de 3.º PDC, tal e como xa contamos aquí , nos ofrece unha entrevista ficticia á escritora e xornalista homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Encontro con Eva Mejuto

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou, o día 4 de xuño, nun encontro coa escritora, xornalista e xestora cultural Eva Mejuto. A charla xirou ao redor da novela xuvenil Memoria do silencio , que o estudantado asistente leu no presente curso. A autora reflexionou sobre o contexto espazo-temporal en que se desenvolve a acción (Galicia durante a II Guerra Mundial), o proceso de investigación previo á escrita (centrado na figura das ribadavienses irmás Touza, integrantes dunha rede de apoio a persoas fuxidas do nazismo), a creación e caracterización dos personaxes, a mestura de realidade e ficción etc. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Galegoza! A canción en galego

Imaxe
Do 3 ao 17 de xuño, o IES Ánxel Fole acolle a exposición itinerante "Galegoza! A canción en galego",  promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A mostra, que pretende  dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma, repasa a historia da música galega dende as últimas décadas do século XX ata a actualidade , a través das bandas e solistas máis influentes en diferentes estilos: o folk, o rock, o pop, o rap etc. Ana Rodríguez Barreiro e Rodrigo Vázquez García

Visita a Padrón e Santiago de Compostela

Imaxe
O alumnado de 1.º BAC desprazouse, o pasado 28 de maio, a Padrón e Santiago de Compostela para realizar varias visitas culturais. En Padrón, o estudantado participou nunha ruta rosaliana, a través da cal descubriu, da man do escritor e profesor Manuel Lorenzo Baleirón, algúns dos lugares do concello vinculados á figura de Rosalía de Castro: a estatua do paseo do Espolón; a casa da antiga rúa do Sol onde a poeta pasou parte da súa infancia; a igrexa de Santa María de Iria Flavia e o cemiterio parroquial, que acolleu os restos de Rosalía antes de ser trasladados a Santiago; a casa da Matanza, última morada da escritora, hoxe convertida en Casa-Museo de Rosalía de Castro etc. Pola tarde, o alumnado visitou, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura compostelá, a exposición temporal " Mundo expandido. Entre o físico e o virtual", que  explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda nos efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas. Mónica López...