En Mondoñedo con Cunqueiro

O alumnado dos clubs de lectura do Fole participou, o día 17 de xuño, nunha ruta literaria por Mondoñedo, seguindo as pegadas que deixou na localidade o escritor Álvaro Cunqueiro (1911-1981).

Coa axuda dunha audioguía ficcionada da compañía teatral Chévere, o grupo fixo un percorrido, duns cincuenta minutos de duración, que o levou dende o antigo consistorio (actual Oficina Municipal de Turismo) ata o cemiterio vello, pasando por diversos puntos vencellados á figura de Cunqueiro: a estatua do escritor realizada por Juan Puchades, o seminario, as dúas casas (natal e vital) de Cunqueiro na vila, a fonte Vella, a Sociedade de Obreiros Católicos, a igrexa parroquial de Santiago etc.


Ademais, o alumnado visitou a catedral románica da Asunción (as naves, a terraza, os denominados "salóns góticos", o rosetón, o claustro etc.) e o Centro de Interpretación da Imprenta.


A xornada completouse coa procura, xa fóra da ruta, do graffiti Leva un traxe de chuvia, tributo do artista urbano Primo ao gran soñador que foi Cunqueiro.


Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios