Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Escrita creativa

Rosalía no barrio

Imaxe
Co gallo do Día de Rosalía de Castro 2024, alumnado de distintos grupos da ESO asistiu o 23 de febreiro á presentación da revista  Rosalía no barrio , editada por Solaina e coordinada por Sergio Marey. A publicación, que busca achegar a obra de Rosalía de Castro e de poetas contemporáneos/as aos barrios da Milagrosa e da Piringalla de Lugo, onde se distribúe entre a veciñanza, centros de ensino e establecementos comerciais, ofrece unha escolma de textos líricos escritos por distintos/as autores/as galegos/as a partir de versos de Rosalía. Durante o evento, celebrado no salón de actos do Ánxel Fole e conducido polo propio Sergio Marey, a rapazada recitou e comentou poemas, compuxo un cadáver exquisito inspirado no verso rosaliano "Teño un niño de tolos pensamentos" e creou un caligrama en que as verbas colectivas debuxaron o rostro da nosa escritora nacional. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Encontro con Sica Romero

Imaxe
O 18 de decembro visitou o Ánxel Fole a escritora Sica Romero (Carnota, 1995). Comezou a xornada reuníndose co profesorado do club de lectura, co que conversou animadamente sobre a súa primeira novela,  Avelaíñas eléctricas , que, merecedora do  Premio San Clemente 2023, verte acertadamente temas e motivos universais (o amor e o desamor, a vida e a morte, as seguridades e as incertezas...) en moldes formais innovadores (límites difusos entre xéneros literarios, ruptura con certas convencións gráficas, reprodución da oralidade e dos trazos dialectais da Costa da Morte...). A continuación, a autora impartiu un obradoiro de creación literaria para alumnado de 4.º ESO. A actividade constou dunha primeira parte máis expositiva, na que Sica convidou o grupo a reflexionar sobre o oficio de escribir, e doutra segunda eminentemente práctica, na que a rapazada elaborou un cadáver exquisito . Esta composición, de orixe vangardista, está formada polas achegas de diferentes persoas que, po...

Escribindo con Ana Carreira

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO do Ánxel Fole participou o 10 de novembro nun dos obradoiros "Desata a lingua", impartidos por varias escritoras galegas e destinados a que a rapazada de diferentes centros se implique na elaboración do manifesto da próxima edición do Correlingua. Ana Carreira, narradora, contacontos, monitora de teatro e actriz, foi a encargada de conducir a actividade no Ánxel Fole. A partir dunha serie de frases e imaxes achegadas pola escritora, o alumnado, distribuído en grupos, deseñou carteis e redactou as súas propias composicións, que despois presentou ante o resto da clase. O obradoiro resultou un excelente xeito de estimular a escrita creativa. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro