Rosalía no barrio

Co gallo do Día de Rosalía de Castro 2024, alumnado de distintos grupos da ESO asistiu o 23 de febreiro á presentación da revista Rosalía no barrio, editada por Solaina e coordinada por Sergio Marey.

A publicación, que busca achegar a obra de Rosalía de Castro e de poetas contemporáneos/as aos barrios da Milagrosa e da Piringalla de Lugo, onde se distribúe entre a veciñanza, centros de ensino e establecementos comerciais, ofrece unha escolma de textos líricos escritos por distintos/as autores/as galegos/as a partir de versos de Rosalía.


Durante o evento, celebrado no salón de actos do Ánxel Fole e conducido polo propio Sergio Marey, a rapazada recitou e comentou poemas, compuxo un cadáver exquisito inspirado no verso rosaliano "Teño un niño de tolos pensamentos" e creou un caligrama en que as verbas colectivas debuxaron o rostro da nosa escritora nacional.


Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios