Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Maio, 2023

Visita ao Espazo Memoria Viva

Imaxe
Un grupo de alumnado de 4.º ESO participou o día 23 de maio nunha visita guiada ao Espazo Memoria Viva, recentemente habilitado no Cemiterio Municipal de San Froilán (Lugo) para albergar a exposición permanente "As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán". A mostra, situada a ambos os dous lados da capela do camposanto e integrada por diversos paneis e recursos didácticos, repasa a evolución dos enterramentos e rituais funerarios en Lugo ao longo de dous mil anos. Na sala da esquerda, aténdese á relación da poboación coa morte durante os períodos romano, medieval e moderno, ata a construción, a mediados do s. XIX, do Cemiterio Xeral de Magoi en terreos próximos á actual avenida de Ramón Ferreiro. A sala da dereita, pola súa banda, resérvase para a presentación do Cemiterio Municipal de San Froilán (1948): a súa historia, os seus espazos físicos e emocionais, a súa incorporación á vida social e cultural da cidade, os premios e men

As Letras de D. Paco

Imaxe
Francisco Fernández del Riego  (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), a quen dedicamos o  Día das Letras Galegas do ano 2023,  foi un dos fundadores,  en 1950, da editorial Galaxia. A xeito de homenaxe á figura de D. Paco e, moi  especialmente, ao seu labor como editor, o alumnado de 4.º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual deseñou cubertas para algunhas das obras  publicadas por Galaxia dende as súas orixes ata a actualidade. Os traballos, realizados  con ferramentas dixitais como Canva, Genially e Microsoft Designer, entre outras, permitiron ao alumnado coñecer ou afondar nalgúns dos títulos máis representativos da nosa literatura, así como potenciar a súa creatividade artística e as súas habilidades no manexo das novas tecnoloxías. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Actualización do catálogo de arte urbana lucense

Imaxe
Ao abeiro do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, e como parte da investigación que vimos desenvolvendo nos dous últimos cursos sobre a arte urbana da cidade de Lugo, ve agora a luz unha versión actualizada da publicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación , dispoñible na plataforma Calameo. Esta nova edición, revisada e aumentada, inclúe vinte e unha obras máis, que nas vindeiras semanas serán trasladadas tamén á aplicación móbil da que xa falamos aquí . Os murais e graffiti incorporados, na súa maioría creados con posterioridade a xaneiro de 2022 (data da primeira versión do noso catálogo), son, por orde alfabética de títulos, os seguintes: Atila en Galicia , de Primo de Banksy; Burbulla con peixe , de Mosca; Busto de muller con aros , de Concepto Circo; Busto de muller con pelo azul , de Zësar Bahamonte; Cabalo alado para Fole , de alumnado do IES Ánxel Fole dirixido por Alicia Puchades Tella-Villamarín; Coco , de Trece Trazos; Darémolo comido no San Froilán? , de Da

Visita á Feira do Libro de Lugo

Imaxe
Alumnado dos clubs de lectura do Ánxel Fole acudiu o 19 de maio á Feira do Libro de Lugo, que se desenvolve na praza Maior. Alí visitou os postos de venda das distintas librarías, cubriu unha desiderata (co título "Libros que quero ler") para suxerir á biblioteca escolar a adquisición de determinadas obras e participou na actividade musical  de Jacobo de Lope  "A historia do rock 'n' roll en 45 minutos: de Elvis a Nirvana". Mónica Campo Vázquez, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Sesión musical con La Duendeneta

Imaxe
O 16 de maio, véspera das Letras Galegas, o patio do Ánxel Fole encheuse de música galega grazas á cabina móbil de La Duendeneta, dotada dunha elegante mesa Pro-DJ e a última tecnoloxía en luces e son. Todos os grupos do centro participaron nesta sesión musical na que se escoitaron temas de grupos e solistas como Baiuca, De Vacas, Fillas de Cassandra, Flow do Toxo, Fuxan os Ventos,  Lamatumbá,  Lois Romero & Aliboria,  Ortiga, Pili Pampín ou Tanxugueiras, entre outros, así como pezas tradicionais amplamente coñecidas ("A Carolina", "A rianxeira", "O verdegaio", etc.) e versións galegas de grandes éxitos de verbena. Durante dúas horas e nun ambiente desenfadado e divertido, o alumnado cantou, bailou e ata fixo peticións que foron gustosamente atendidas por La Duendeneta. Como dixo o DJ Carlos Crespo na despedida, "Vivan as Letras Galegas e vivan as nosas músicas!". Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Correndo pola lingua con Mekánika Rolling Band

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO do Ánxel Fole participou o 11 de maio nos actos do Correlingua 2023. A rapazada dos distintos centros de ensino que acudiron á cita congregouse ás once da mañá na praza de Santa María de Lugo e, dende alí, dirixiuse cara á muralla para dar unha volta polo adarve. Finalizada a camiñada e xa de regreso na praza, o alumnado do Ánxel Fole foi o encargado de ler o manifesto deste ano, en cuxa redacción tomaron parte compañeiros/as de 1.º ESO a través do obradoiro "Desata a lingua", do que xa informamos  aquí . Puxo o ramo á festa a actuación de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do certame Cantalingua, ao que presentaron o seu tema “Maruxaina”. A Mekánika Rolling Band, que conta cunha traxectoria de quince anos xirando por toda a península ibérica e outros lugares de Europa, deleitou o público infantil cun espectáculo enérxico, participativo e dinámico. Patricia Fernández López, Antía López Castro e Ana Rodríguez Barreiro

Charla de Noemí Núñez e Pía Piadosa

Imaxe
No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, no cal o IES Ánxel Fole vén participando os dous últimos cursos cunha investigación sobre a arte urbana da cidade de Lugo, as artistas Noemí Núñez e Pía Piadosa (alcume de  Natalia Conde)  visitaron o noso instituto os días 17 de abril e 9 de maio para impartir dúas charlas a alumnado de 3.º ESO. As relatoras comezaron lembrando a súa formación e os seus inicios en común, e pasaron a centrarse seguidamente no proceso de creación dunha obra mural colaborativa. As explicacións, apoiadas en abundante material gráfico, permitiron ás persoas asistentes coñecer de primeira man que é o que sucede entre o intre en que as artistas reciben o encargo de levar a cabo unha intervención e o momento en que a cidadanía pode gozar dela na rúa (chuvia de ideas, deseño de bosquexos, elaboración dunha cuadrícula para trasladar o debuxo á parede, reparto do traballo, fusión dos estilos individuais, adaptación aos tempos e aos espazos, etc.). Lonxe de ficar no

Encontro con Andrea Maceiras

Imaxe
Alumnado de 2.º e 3.º ESO participou o día 4 de maio nun encontro coa escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), autora dunha ducia de obras de literatura infanto-xuvenil,  moitas delas recoñecidas con premios autonómicos e estatais. Andrea Maceiras lembrou as súas orixes no mundo da literatura, reflexionou sobre o proceso de creación literaria e fixo un repaso por algúns dos seus títulos máis emblemáticos ( Violeta tamurana , Nubes de evolución , Miña querida Sherezade , Conta nove estrelas , A folla azul , Alma de elefante ou Que me pare o corazón se te esquezo ). O diálogo co alumnado levou a que a novelista afondase especialmente en dous libros: Europa Express , que aborda temas como a  liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor, e O que sei do silencio , centrado na problemática do acoso escolar. Mónica Campo Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Cinema con Perspectiva

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO participou o día 3 de maio no programa educativo da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Cinema con Perspectiva, cuxo obxectivo é formar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas habituais na narrativa do cine e noutras formas de expresión audiovisual como principio coeducativo. A actividade que se desenvolveu no IES Ánxel Fole consistiu na proxección de varias curtametraxes con temática en igualdade de xénero: o papel da muller na sociedade, a violencia machista, as prohibicións impostas ás mulleres en certos países,  a pobreza menstrual e os clixés ao redor da menstruación, a sororidade e a diversidade, etc. Tras o visionado das pezas, tivo lugar un coloquio que, moderado por dúas persoas expertas, tentou estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes ocultas en materia de igualdade presentes nos filmes. Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias