Actualización do catálogo de arte urbana lucense

Ao abeiro do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, e como parte da investigación que vimos desenvolvendo nos dous últimos cursos sobre a arte urbana da cidade de Lugo, ve agora a luz unha versión actualizada da publicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación, dispoñible na plataforma Calameo.

Esta nova edición, revisada e aumentada, inclúe vinte e unha obras máis, que nas vindeiras semanas serán trasladadas tamén á aplicación móbil da que xa falamos aquí. Os murais e graffiti incorporados, na súa maioría creados con posterioridade a xaneiro de 2022 (data da primeira versión do noso catálogo), son, por orde alfabética de títulos, os seguintes:

  • Atila en Galicia, de Primo de Banksy;
  • Burbulla con peixe, de Mosca;
  • Busto de muller con aros, de Concepto Circo;
  • Busto de muller con pelo azul, de Zësar Bahamonte;
  • Cabalo alado para Fole, de alumnado do IES Ánxel Fole dirixido por Alicia Puchades Tella-Villamarín;
  • Coco, de Trece Trazos;
  • Darémolo comido no San Froilán?, de Davila e Mariacca;
  • Don Quixote, de Trece Trazos;
  • Envellece coma se foses novo/a, de Bast;
  • Fogar de Breogán, de Diego AS;
  • Fusión de melloras, de Dani Seek;
  • Liberdade, de Concepto Circo;
  • Mulleres xornalistas, de Xoana Almar;
  • Muller paseando bebé, de Leandro Barea;
  • Nabo, de Leandro Barea;
  • Opus tessellatum, de Primo de Banksy;
  • Ouija musical, de Leandro Barea;
  • Para sempre, de Diego AS;
  • Prímula, de Doa OA;
  • Rosalía de Castro, pasado, presente e futuro, de Primo de Banksy;
  • Sonsa e a verza máxica, de Yoseba MP.

Non quixemos eliminar deste inventario actualizado, que acada as noventa e tres fichas de catalogación, algúns recursos artísticos que sabemos xa desaparecidos (Pase sen chamar, Reiseñor coliazul, Socorro, Son Goku e Krilín ou Vacaloura). Os muros poden ser derrubados e as obras substituídas por outras, mais a cidade garda memoria certa da beleza que un día a habitou. A fascinación do efémero permanecerá sempre en nós.


Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios