Visita ao Espazo Memoria Viva

Un grupo de alumnado de 4.º ESO participou o día 23 de maio nunha visita guiada ao Espazo Memoria Viva, recentemente habilitado no Cemiterio Municipal de San Froilán (Lugo) para albergar a exposición permanente "As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán".

A mostra, situada a ambos os dous lados da capela do camposanto e integrada por diversos paneis e recursos didácticos, repasa a evolución dos enterramentos e rituais funerarios en Lugo ao longo de dous mil anos. Na sala da esquerda, aténdese á relación da poboación coa morte durante os períodos romano, medieval e moderno, ata a construción, a mediados do s. XIX, do Cemiterio Xeral de Magoi en terreos próximos á actual avenida de Ramón Ferreiro. A sala da dereita, pola súa banda, resérvase para a presentación do Cemiterio Municipal de San Froilán (1948): a súa historia, os seus espazos físicos e emocionais, a súa incorporación á vida social e cultural da cidade, os premios e mencións de que foi merecente, etc.


Como complemento a esta visita principal, o alumnado tamén puido coñecer a exposición temporal "Arrolos ao ar", centrada no tema, a miúdo invisibilizado, do dó perinatal e enmarcada, coma a anterior, nos actos conmemorativos do 75.º aniversario do cemiterio.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios