Correndo pola lingua con Mekánika Rolling Band

Alumnado de 2.º ESO do Ánxel Fole participou o 11 de maio nos actos do Correlingua 2023. A rapazada dos distintos centros de ensino que acudiron á cita congregouse ás once da mañá na praza de Santa María de Lugo e, dende alí, dirixiuse cara á muralla para dar unha volta polo adarve.

Finalizada a camiñada e xa de regreso na praza, o alumnado do Ánxel Fole foi o encargado de ler o manifesto deste ano, en cuxa redacción tomaron parte compañeiros/as de 1.º ESO a través do obradoiro "Desata a lingua", do que xa informamos aquí.

Puxo o ramo á festa a actuación de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do certame Cantalingua, ao que presentaron o seu tema “Maruxaina”. A Mekánika Rolling Band, que conta cunha traxectoria de quince anos xirando por toda a península ibérica e outros lugares de Europa, deleitou o público infantil cun espectáculo enérxico, participativo e dinámico.


Patricia Fernández López, Antía López Castro e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios