Sesión musical con La Duendeneta

O 16 de maio, véspera das Letras Galegas, o patio do Ánxel Fole encheuse de música galega grazas á cabina móbil de La Duendeneta, dotada dunha elegante mesa Pro-DJ e a última tecnoloxía en luces e son.

Todos os grupos do centro participaron nesta sesión musical na que se escoitaron temas de grupos e solistas como Baiuca, De Vacas, Fillas de Cassandra, Flow do Toxo, Fuxan os Ventos, Lamatumbá, Lois Romero & Aliboria, Ortiga, Pili Pampín ou Tanxugueiras, entre outros, así como pezas tradicionais amplamente coñecidas ("A Carolina", "A rianxeira", "O verdegaio", etc.) e versións galegas de grandes éxitos de verbena.

Durante dúas horas e nun ambiente desenfadado e divertido, o alumnado cantou, bailou e ata fixo peticións que foron gustosamente atendidas por La Duendeneta. Como dixo o DJ Carlos Crespo na despedida, "Vivan as Letras Galegas e vivan as nosas músicas!".


Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Comentarios