Publicacións

Mostrando publicacións coa etiqueta Tecnoloxía

Visita á Domus

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO das materias de Tecnoloxía e Intelixencia Artificial para a Sociedade visitou, o día 29 de xaneiro, a Domus, primeiro museo interactivo do mundo dedicado integramente ao ser humano e segundo dos tres Museos Científicos Coruñeses. O edificio, obra do arquitecto xaponés Arata Isozaki, ten máis de 150 módulos interactivos para divertirse e profundar nas características da especie humana, a través de exposicións, xogos ou obradoiros sobre nutrición, anatomía, xenética, evolución, tecnoloxía, intelixencia artificial etc. Iria López López, Karen Elvira Rodríguez Arias e Ana Rodríguez Barreiro

Voar! Voar!

Imaxe
Un curso máis, seguimos a confeccionar, empregando o plotter de impresión e corte dos Polos Creativos, vinilos literarios con textos en galego para decorar as dependencias do centro. Para dar a benvida ao ano novo e lembrar a figura do desaparecido compositor, músico e escritor Roberto Iniesta, en xaneiro vertemos uns dos seus versos ao galego e estampámolos nun dos corredores da planta baixa.  Veñan ventos favorables para o 2026, e a voar! " Rompeu a cadea que ataba o reloxo ás horas. Parou a chuvieira; agora somos flotando dúas pingas. Agarrado un momento á cola do vento, síntome mellor. Esquecinme de poñer no chan os pés e síntome mellor. Voar! Voar!".   Ana Rodríguez Barreiro

'Tres en un' expositivo

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 3 de decembro, tres exposicións temporais na cidade de Lugo: a) "Symphony. Unha viaxe ao corazón da música", de CaixaForum, experiencia inmersiva audiovisual que pretende achegar a música clásica a todos os públicos. Da man do director Gustavo Dudamel e da Mahler Chamber Orchestra, as persoas espectadoras convértense en músicas por un pedazo e gozan, dende dentro, das composicións de Beethoven, Mahler ou Bernstein. b) "Nicolás Muller en Galicia", de Afundación, mostra que recolle unha selección das imaxes que o fotógrafo húngaro Nicolás Muller tomou en Galicia durante a segunda metade do s. XX. As fotografías, centradas na vida cotiá das xentes traballadoras e na beleza da paisaxe galega, reflicten a fonda ollada humanista do seu autor. c) "O vestiario das almas pintadas. A indumentaria galega nos cadros costumistas", da Rede Museística Provincial de Lugo, proxecto onde corenta e cinco manequíns, ataviados con roupa...

XVI Obradoiro e Concurso Galego de Robótica

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou o día 14 de novembro no XVI Obradoiro e Concurso Galego de Robótica, organizado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), que traballa "A prol da ciencia galega e do galego na ciencia". O encontro, celebrado na Coruña, desenvolveuse en dúas fases. Na primeira media hora, a rapazada interveu nun taller interactivo, onde recibiu formación básica sobre a programación de robots. Durante a hora seguinte, tivo lugar un concurso por equipos, que puxo a proba a creatividade do alumnado, os seus coñecementos computacionais e a súa capacidade para resolver problemas de xeito colaborativo. Diego Brezmes Villaraviz, Raquel González Suso e Ana Rodríguez Barreiro

Canta, miña compañeira

Imaxe
Seguindo cunha iniciativa posta en marcha o curso pasado, este ano tamén se confeccionaron, coa axuda do plotter de impresión e corte dos Polos Creativos, vinilos literarios con textos en galego para decorar as dependencias do centro. No marco dos actos de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, nunhas das escaleiras de subida ao primeiro andar estampáronse estas fermosas coplas tradicionais, que gaban a amizade, a sororidade e a ledicia de vivir: "Canta, miña compañeira; canta, que cadramos ben. Moitas almas se condenan porque nos levamos ben.   Hei de cantar, hei de rir, hei de ser muller alegre, hei de mandar a tristeza para o demo que a leve".   Ana Rodríguez Barreiro

XV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou o pasado 25 de outubro no XV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica, organizado pola  Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), que, baixo o lema "A prol da ciencia galega e do galego na ciencia", traballa para a promoción e o desenvolvemento de actividades científicas en Galicia e defende o emprego da lingua galega no ámbito científico. A rapazada recibiu unha formación previa no propio centro educativo, onde, a través de dous vídeos de Igaciencia, comezou a familiarizarse cos robots e a linguaxe icónica de programación EV3. Despois acudiu ao encontro presencial, celebrado na Coruña e estruturado en dúas etapas: Na primeira media hora, o alumnado interveu nun taller interactivo: realizou algúns programas coa axuda de monitores/as, trasladounos a  robots lego EV3 e procedeu a executalos. A fase de concurso ocupou a hora seguinte, tempo en que se presentou aos/ás estudantes unha serie de desafíos, de dificultade progres...

Charla de Alar Galicia

Imaxe
O alumnado de 2.º e 3.º ESO asistiu, o pasado 17 de outubro, a unha charla sobre adiccións impartida pola asociación de servizos sociais Alar Galicia. A actividade, que se desenvolve por toda a comunidade ata xullo de 2025, enmárcase no  Proxecto Morpheo da citada  entidade e conta co financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O relatorio cumpriu, entre outros, os seguintes obxectivos: Previr e concienciar acerca de diversas adiccións: con substancias, sen substancias e condutuais. Educar sobre os riscos asociados ao abuso de substancias e das novas tecnoloxías. Aprender estratexias para regular o emprego das novas tecnoloxías (Internet, móbil, videoxogos etc.) e o tempo que se lles dedica. José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Vinilos literarios

Imaxe
Tras a extensión da dotación de Polos Creativos a todos os centros de Galicia, o Ánxel Fole pasará a dispoñer deste espazo tecnolóxico con equipamentos especializados de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción, téxtil e mais informática, todos eles adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Á espera da chegada dos materiais definitivos, durante este curso tivemos xa en préstamo un plotter de impresión e corte, máquina que se conecta a un ordenador e, cun software sinxelo, permite crear deseños en cartolina, plástico, tea etc. O profesorado interesado participou en varias sesións formativas sobre o uso do devandito plotter e, posteriormente, confeccionáronse vinilos con textos en galego para decorar distintas dependencias do instituto. Ana Rodríguez Barreiro

Monicreques unidos

Imaxe
A compañía Mircromina Teatro de Títeres, creada por Ton Arenas no ano 2010 e asentada no barrio artesán dos Muíños de Mondoñedo, visitou o Ánxel Fole o pasado 23 de xaneiro. No salón de actos do centro, alumnado de 1.º ESO asistiu ao espectáculo de monicreques Familia unida , que ofrece unha viaxe a través do repertorio clásico das distintas tradicións europeas de luva, peneiradas polos gustos de hoxe e adaptadas á realidade e á lingua galegas. Protagonizada por Cromina, que acaba de ser pai, a peza convida a reflexionar sobre as relacións familiares, a conciliación e a igualdade. Despois da representación, a rapazada participou nun obradoiro no que coñeceu de primeira man todo o traballo que se esconde tras cada función: construír teatriños, pintar escenografías, modelar bonecos etc. Ademais, con cartón e materiais de refugallo, cada alumno/a puido confeccionar e decorar a súa propia marioneta. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO acudiu o día 4 de decembro ao Pazo de San Marcos para participar no relatorio “Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable”. Organizada por Igaciencia co gallo do Día da Ciencia en Galego, a conferencia foi impartida por María M. Álvarez Lires, doutora en Química, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais e premio UVIGUALA da Universidade de Vigo en 2017. A relación entre mulleres, ciencia e tecnoloxía non sempre estivo marcada pola desigualdade, como se evidencia ao facer un percorrido, mesmo superficial, pola historia das distintas disciplinas antes de que fosen consideradas oficialmente como tales. Ata 1910, as mulleres non puideron acceder aos estudos universitarios en España, mais, actualmente, son maioría nas titulacións científicas e tecnolóxicas. As desigualdades persisten, no entanto, noutros eidos e, moi especialmente, nos postos de responsabilidade e na dirección de empresas. É preciso contar co talento das muller...

Curtas no Fole

Imaxe
O alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO elaborou ao longo do curso curtametraxes de animación en galego, seguindo as distintas fases que require o proceso: redacción do guión, composición do bosquexo ilustrado ou storyboard , deseño de personaxes e escenarios, montaxe, selección da música e os efectos de son, etc. Paralelamente, na materia de Educación Dixital, a rapazada creou, mediante a ferramenta de programación  Scratch, un xogo para contextualizar a temática de boa parte das curtas: a distopía. O día 20 de xuño, como peche do proxecto, o alumnado participante presentouno nas distintas aulas do centro, onde explicou o concepto de distopía , exhibiu a curta titulada "Realidade" e animou os compañeiros/as a probar o seu xogo. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

As Letras de D. Paco

Imaxe
Francisco Fernández del Riego  (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), a quen dedicamos o  Día das Letras Galegas do ano 2023,  foi un dos fundadores,  en 1950, da editorial Galaxia. A xeito de homenaxe á figura de D. Paco e, moi  especialmente, ao seu labor como editor, o alumnado de 4.º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual deseñou cubertas para algunhas das obras  publicadas por Galaxia dende as súas orixes ata a actualidade. Os traballos, realizados  con ferramentas dixitais como Canva, Genially e Microsoft Designer, entre outras, permitiron ao alumnado coñecer ou afondar nalgúns dos títulos máis representativos da nosa literatura, así como potenciar a súa creatividade artística e as súas habilidades no manexo das novas tecnoloxías. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Arte urbana lucense: aplicación para móbiles

Imaxe
No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, temos o pracer de presentar a aplicación para teléfonos móbiles Arte urbana lucense , dispoñible para a súa descarga en Play Store. A aplicación recoñécese por esta icona que, inspirada na muralla de Lugo, representa os cubos da fortificación romana mediante botes de spray e fai unha chiscadela ao río Miño a través da pintura azul que escorre por un dos envases. Á aplicación, creada co programa gratuíto APP Inventor, trasladouse o material previamente inventariado e recollido no libro Arte urbana lucense. Fichas de catalagoción , publicado en versión dixital en xaneiro de 2022 e en formato impreso en setembro do mesmo ano (esta última edición grazas ao patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo). Na elaboración da app atendeuse tanto a cuestións de programación informática coma a aspectos funcionais e estéticos: deseño da icona identificadora, confección dos diferentes fondos de pantalla para cada un...

O vento sopra en galego

Imaxe
Varios grupos de alumnado de 3.º ESO visitaron, os días 7 e 8 de novembro, o Parque Eólico Experimental Sotavento, situado en Momán (Xermade). A Fundación Sotavento Galicia, a través do seu proxecto divulgativo, persegue, entre outras, as seguintes finalidades: Potenciar o coñecemento e o uso das fontes de enerxía renovables. Concienciar sobre a necesidade da eficiencia e o aforro enerxéticos. Posibilitar un desenvolvemento sostible e o futuro do planeta Terra. A actividade conxugou explicacións teóricas e exemplos prácticos e desenvolveuse integramente en galego, a lingua do noso vento. Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Entrega de premios do Certame de Carteis Publicitarios sobre Arte Urbana Lucense

Imaxe
Nerea Pérez Pértega, alumna de 1.º BAC do IES Ánxel Fole, recibiu esta mañá o premio como gañadora do Certame de Carteis Publicitarios sobre Arte Urbana Lucense, ao que concorreu coa obra Un Lugo cheo de maxia . O concurso inscríbese no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas e, tal e como contamos na entrada deste blog titulada "Arte urbana lucense. Carteis publicitarios" , os traballos presentados están baseados nas fotografías recollidas na publicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación e foron realizados co programa informático de edición de imaxes GIMP. Parabéns para Nerea e grazas a todo o alumnado e profesorado que participou na actividade! Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Arte urbana lucense. Carteis publicitarios

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC de TIC, participante no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas , deseñou carteis para promover a arte urbana da cidade de Lugo. Os traballos están baseados nas fotografías recollidas na p ublicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación e realizáronse co programa informático de edición de imaxes GIMP . GIMP proporciona ferramentas de selección, pintura, transformación, etc., que permiten, entre outras funcionalidades: definir a porción de imaxe á que se aplicarán os cambios posteriores; modificar as cores nalgunha parte da fotografía; alterar a xeometría da imaxe (recortar, rotar, inclinar, etc.). Nos vindeiros días, o alumnado tomará parte nunha votación para elixir, entre a vintena de creacións presentada s, o cartel gañador deste particular certame de arte urbana escolar. Raquel González Suso e Ana Rodríguez Barreiro