XV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica

Alumnado de 4.º ESO participou o pasado 25 de outubro no XV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica, organizado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), que, baixo o lema "A prol da ciencia galega e do galego na ciencia", traballa para a promoción e o desenvolvemento de actividades científicas en Galicia e defende o emprego da lingua galega no ámbito científico.

A rapazada recibiu unha formación previa no propio centro educativo, onde, a través de dous vídeos de Igaciencia, comezou a familiarizarse cos robots e a linguaxe icónica de programación EV3. Despois acudiu ao encontro presencial, celebrado na Coruña e estruturado en dúas etapas:

  • Na primeira media hora, o alumnado interveu nun taller interactivo: realizou algúns programas coa axuda de monitores/as, trasladounos a robots lego EV3 e procedeu a executalos.
  • A fase de concurso ocupou a hora seguinte, tempo en que se presentou aos/ás estudantes unha serie de desafíos, de dificultade progresiva, que deberon resolver en grupo mediante traballo colaborativo; as tarefas implicaron unha programación sinxela dun robot e unha adaptación a nivel construtivo.

Ademais de para aprender de xeito lúdico os conceptos básicos da programación de robótica, a xornada serviu para que o alumnado desenvolvese a creatividade, o pensamento algorítmico e a habilidade para solucionar problemas.


Raquel González Suso e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios