Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable

Alumnado de 4.º ESO acudiu o día 4 de decembro ao Pazo de San Marcos para participar no relatorio “Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable”. Organizada por Igaciencia co gallo do Día da Ciencia en Galego, a conferencia foi impartida por María M. Álvarez Lires, doutora en Química, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais e premio UVIGUALA da Universidade de Vigo en 2017.

A relación entre mulleres, ciencia e tecnoloxía non sempre estivo marcada pola desigualdade, como se evidencia ao facer un percorrido, mesmo superficial, pola historia das distintas disciplinas antes de que fosen consideradas oficialmente como tales.

Ata 1910, as mulleres non puideron acceder aos estudos universitarios en España, mais, actualmente, son maioría nas titulacións científicas e tecnolóxicas. As desigualdades persisten, no entanto, noutros eidos e, moi especialmente, nos postos de responsabilidade e na dirección de empresas. É preciso contar co talento das mulleres para avanzar nestes ámbitos e conseguir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU.

Ademais de reflexionar sobre estas e outras cuestións, a relatora presentou unha escolma de biografías de mulleres de diferentes épocas e lugares, figuras inspiradoras cuxos logros constitúen un estímulo para as mozas de hoxe en día e demostran que é posible romper os teitos de cristal.


Sandra Gómez Pérez e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios