Canta, miña compañeira
Seguindo cunha iniciativa posta en marcha o curso pasado, este ano tamén se confeccionaron, coa axuda do plotter de impresión e corte dos Polos Creativos, vinilos literarios con textos en galego para decorar as dependencias do centro.
No marco dos actos de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, nunhas das escaleiras de subida ao primeiro andar estampáronse estas fermosas coplas tradicionais, que gaban a amizade, a sororidade e a ledicia de vivir:
"Canta, miña compañeira;
canta, que cadramos ben.
Moitas almas se condenan
porque nos levamos ben.
Hei de cantar, hei de rir,
hei de ser muller alegre,
hei de mandar a tristeza
para o demo que a leve".
Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios
Publicar un comentario