Charla de Noemí Núñez e Pía Piadosa

No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, no cal o IES Ánxel Fole vén participando os dous últimos cursos cunha investigación sobre a arte urbana da cidade de Lugo, as artistas Noemí Núñez e Pía Piadosa (alcume de Natalia Conde) visitaron o noso instituto os días 17 de abril e 9 de maio para impartir dúas charlas a alumnado de 3.º ESO.

As relatoras comezaron lembrando a súa formación e os seus inicios en común, e pasaron a centrarse seguidamente no proceso de creación dunha obra mural colaborativa. As explicacións, apoiadas en abundante material gráfico, permitiron ás persoas asistentes coñecer de primeira man que é o que sucede entre o intre en que as artistas reciben o encargo de levar a cabo unha intervención e o momento en que a cidadanía pode gozar dela na rúa (chuvia de ideas, deseño de bosquexos, elaboración dunha cuadrícula para trasladar o debuxo á parede, reparto do traballo, fusión dos estilos individuais, adaptación aos tempos e aos espazos, etc.).

Lonxe de ficar no plano teórico, a exposición baseouse no comentario de casos prácticos, concretamente dos dous murais conxuntos que Noemí e Pía realizaron na cidade, Visitantes e Buraco de verme. Visitantes (2021), situado na rúa do Esquecemento, representa catro seres psicodélicos chegados do espazo exterior e que comparten características formais por parellas: as criaturas dos extremos levan tocados de forma cónica e irradian un feixe de luz amarela polos ollos, mentres que as figuras do medio replican a silueta dunha menina de Velázquez. Pola súa parte, Buraco de verme (2023), localizado nas Casas Sindicais, xoga coa abstracción e inclúe, nunha cavidade triangular da parede, o que as autoras cualifican de "pequeno tótem gardián".


Paula Fernández Fulgencio, Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios