Romper a arañeira

Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de 4.º ESO levou a cabo, o venres 24 de novembro, un espectáculo que, inspirado na obra da artista estadounidense con síndrome de Down Judith Scott (1943-2005), combinou a palabra coa música, o teatro e as artes plásticas.

Durante a performance, mentres unha alumna lía frases alusivas ás distintas formas de violencia contra as mulleres, outras cinco, co rostro oculto tras unha máscara, foron envolvendo a dúas compañeiras con cintas de trapiño, simulando o proceso mediante o cal unha araña confecciona a tea para cazar as súas presas. Atrapadas e inmobilizadas, as rapazas recibiron a axuda dunha persoa do público, que comezou a cortar algunhas das fitas, e finalmente lograron soltar as ataduras por si mesmas.

O simbolismo da intervención resulta evidente: as violencias machistas rouban a liberdade e a vida das mulleres, mais, co compromiso da sociedade no seu conxunto, é posible romper a arañeira e construír un mundo en igualdade.


Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios